Un Camiño disparado ás portas dun novo Xacobeo. Ou, en verbas da Xunta, dunha "era xacobea", dun "Xacobeo de 5.000 días", en referencia á entrada nun novo ciclo curto de Anos Santos composteláns: 2021, 2027 e 2032. A Oficina do Peregrino vén de pechar as súas estatísticas correspondentes ao ano pasado e os seus números reflicten o que os camiños a Santiago e as rúas da capital galega amosan día tras días: o número de peregrinos non deixa de medrar e, por terceiro ano consecutivo, os rexistrados oficialmente foron máis de 300.000. Ou, o que é o mesmo, case un 30% máis que no anterior Xacobeo, o do 2010, e 20.200 máis que en 2018: 347.578.
A Oficina do Peregrino recibiu un total de 347.578 persoas; máis da metade chegaran a través do Camiño Francés
Un total de 177.801 mulleres e 169.777, máis do 90% a pé e o 55% procedentes do estranxeiro, chegaron polos camiños que desembocan na Praza do Obradoiro. Case tres de cada dez declaran que comezaron a camiñar en Sarria, isto é, o xusto para percorreren máis de cen quilómetros e obteren a Compostela, o documento que a propia Oficina fornece como xustificante da peregrinación. Esta é unha das razóns que segue a facer do Camiño Francés a principal ruta (54%), seguida do Camiño portugués 20%.
O peregrino 200.000 pasou de chegar en outubro a facelo en agosto e o 300.000 adiantouse en tres anos de decembro ao mes de outono
Estas novas cifras récord prodúcense despois de que, por cuarto ano consecutivo, chegasen a Compostela máis peregrinos que no último Ano Santo e que, por terceira vez na historia dende que hai rexistros, se superasen as 300.000 persoas a facer o Camiño de Santiago nun só ano, o cal vén de suceder no último trienio. Non en van, dende o primeiro ano en que se superaron os 200.000 peregrinos sen ser Xacobeo, o 2013, o cruzamento dese limiar non deixa de adiantarse: en 2013 sucedeu no mes de outubro e neste 2019 apenas houbo que esperar ao 2 de agosto.
O mesmo sucede coa chegada do peregrino 300.000 que, como no caso do 200.000, a Xunta tornou en evento de repercusión mediática e mesmo política. A primeira vez que se rexistrou esa cifra faltaban escasos días para rematar o ano, o 13 de decembro de 2017. En 2018 foi o 12 de outubro e en 2019 superouse o limiar das 300.000 persoas a chegaren á Oficina do Peregrino o 2 de outubro.
Sustentable ou masificado?
Na celebración daquel evento e en numerosas intervencións posteriores, a Xunta combinou a celebración polas "cifras históricas" do Camiño coa reiterada afirmación de que "se está a consolidar un crecemento sustentable", en verbas do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez. Ao tempo, non obstante, Rodríguez amosábase esperanzado en "que nos aproximaremos aos 350.000 peregrinos" en 2019. Faltaron menos de 3.000 para alcanzalos.
A Xunta reitera que estas "cifras históricas" seguen a ser "sustentables", se ben o propio plan estratéxico do Xacobeo advirte dos riscos de masificación
Tanto o conselleiro como o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, procuraron con valoracións coma estas desbotar riscos de masificación do Camiño e da propia cidade de Santiago que, non obstante, o propio Goberno galego admite no Plan Estratéxico do Xacobeo 2021. Ese documento explicita que case a metade das 400 persoas de 33 nacionalidades que foron consultadas mentres facían o Camiño "puxeron o foco no elevado número de persoas en determinados puntos do Camiño, o cal ten un maior impacto no territorio".
Desa enquisa, pero tamén de análises de persoas expertas, o plan conclúe a existencia dunha "tendencia crecente do discurso de masificación e de rexeitamento da figura do visitante, sexa turista ou persoa que peregrina, especialmente na cidade de Santiago". Entre as razóns para que isto suceda admite, destaca unha "certa desconexión entre as persoas que peregrinan e a poboación local" que derivan en "problemas derivados" que "afectan "afectan ao equilibrio entre os visitantes e a veciñanza de Santiago, con incidencia na configuración duns servizos orientados a non residentes" e unha "percepción negativa de peregrinos e peregrinas como viaxeiros lowcost, minimizando o seu impacto na nosa economía", resalta.