O peregrino 200.000 a Santiago adiántase de mediados de outubro ao inicio de agosto

No ano 2013, na imaxe (CC BY-SA Xunta) cruzouse por primeira vez o limiar dos 200.000 peregrinos CC-BY-NC-SA Xunta

Un síntoma de éxito imparable ou de preocupante masificación, segundo quen o avalíe. A chegada do peregrino número 200.000 de cada ano a Santiago era ata hai menos dunha década un fenómeno simplemente inexistente. Pero dende o ano 2013, o primeiro no que os rexistros oficiais da Oficina do Peregrino traspasaron ese limiar, tornou nun ritual ao que acoden representantes da Xunta e da Igrexa compostelá. A primeira vez sucedeu a mediados de outubro. Agora xa se adiantou ata comezos de agosto.

Tras recibir o peregrino 200.000 do 2019, o pasado 2 de agosto, a Xunta reiterou o seu convencemento de que o crecemento do Camiño de Santiago está a ser "sustentable" coa vista posta no Xacobeo 

O pasado 2 de agosto o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, recibiu xunto ao deán da Catedral de Santiago e outros cargos ao peregrino 200.000 do 2019. O propio Goberno galego destacou que esta chegada se producía doce días antes que en 2018, agregando a continuación que "o importante é como estamos a medrar", dun xeito "sustentable" a xuízo da Xunta

Efectivamente, esa chegada adiantouse doce días con relación a 2018, vinte a respecto de 2017 e 29 con relación a 2016. En 2015 e 2014 o peregrino 200.000 aínda chegara en setembro.

Este adianto do simbólico peregrino 200.000 ten como contexto o que semella unha imparable tendencia á alza no número de persoas que realizan o Camiño de Santiago. O indicador da Oficina do Peregrino -o oficial, pero que non rexistra todas as persoas que chegan peregrinando á capital galega, só ás que acoden a este servizo da Igrexa cofinanciado pola Xunta para obter a Compostela como certificación da peregrinaxe- reflícteo con claridade. Agás no 2011, o seguinte ao último Xacobeo, todos os demais anos da década rexistraron un aumento de peregrinos con relación ao anterior, a maior parte deles na contorna do 10% interanual.

En 2013 superáronse por primeira vez os 200.000 peregrinos e en 2017, os 300.000; van xa tres anos con máis peregrinos que no anterior ano Xacobeo

Foi en 2013, o primeiro ano dende que hai rexistros con máis de 200.000 peregrinos, tamén o primeiro que rexistrou un medre interanual superior ao 10% no actual ciclo xacobeo. Tamén estiveron por riba dese limiar 2014 e 2015 e, tras un lixeiro freo do medre en 2016 (un 5,8% máis de peregrinos que no ano previo), en 2017 o crecemento superou o 8% e anotou un novo fito; por primeira vez chegaron a Santiago peregrinando máis de 300.000 persoas. Esa cifra xa foi superada amplamente en 2018 e vai polo mesmo camiño en 2019. 

O actual ciclo xacobeo presenta ademais unha diferenza que non é menor con relación ao anterior. Van xa tres anos seguidos nos que chegan máis peregrinos a Santiago que no último Ano Santo, o 2010, cando a cifra oficial foi de 272.135. A liña segue a ser ascendente xusto cando a Xunta está a poñer a pleno funcionamento os mecanismos de promoción do Xacobeo 2021, primeiro dun novo ciclo que terá as seguintes paradas en 2027 e 2032.

Os riscos da masificación

O argumentario máis habitual da Xunta pasa por se referir a un crecemento "sustentable" da afluencia de persoas nos Camiños de Santiago e negar a masificación. Non obstante, o certo é que o propio Plan Estratéxico do Xacobeo 2021, presentado recentemente pola Xunta, reflicte a masificación como un dos principais aspectos negativos reflectidos das consultas con peregrinos e persoas expertas, moi especialmente no que atinxe ao impacto do evento na cidade de Santiago.

Peregrinos e persoas expertas consultadas pola Xunta para elaborar o Plan Estratéxico do Xacobeo 2021 poñen o foco na masificación como un dos aspectos negativos do fenómeno

Así, nunha enquisa a unha mostra de 400 persoas de 33 nacionalidades diferentes que fixeron o Camiño de Santiago, cuxas conclusións foron incluídas no plan, o 47,15% "puxeron o foco no elevado número de persoas en determinados puntos do Camiño, o cal ten un maior impacto no territorio". Esa alerta aínda é máis clara no referido ao impacto en Compostela, que o plan inclúe dentro dunha trintena de "aspectos limitadores" tirados das consultas con expertas e mais da devandita enquisa.

Neste sentido, o documento reflicte a "tendencia crecente do discurso de masificación e de rexeitamento da figura do visitante, sexa turista ou persoa que peregrina, especialmente na cidade de Santiago". "Existe certa desconexión entre as persoas que peregrinan e a poboación local" e por iso "conceptos como hospitalidade, acollida ou interculturalidade, que forman parte de xeito indisoluble do Camiño, non teñen tanta influencia", continúa. 

Peregrinos a agardar para recoller a Compostela na Oficina do Peregrino tras chegaren a Santiago CC-BY-NC-SA Praza Pública

O plan do Xacobeo admite que a "dimensión" do evento afecta "ao equilibrio entre os visitantes e a veciñanza de Santiago", incidindo na "configuración de servizos orientados a non residentes" e profundando a "percepción" dos peregrinos como "viaxeiros low cost"

Neste sentido, esa diagnose admite que o Xacobeo "xera unhas expectativas elevadas" en canto á posibilidade de tornar en "revulsivo económico para Galicia" ou traer consigo unha programación cultural "inmensa", o cal "podería ter un efecto contraproducente". Tal "dimensión" do evento trae consigo "problemas derivados" que "afectan ao equilibrio entre os visitantes e a veciñanza de Santiago, con incidencia na configuración duns servizos orientados a non residentes" e unha "percepción negativa de peregrinos e peregrinas como viaxeiros lowcost, minimizando o seu impacto na nosa economía", resalta.

Alén das conclusións do plan, nos últimos meses e anos as alertas pola masificación do Camiño e moi especialmente de determinados puntos de Santiago chegaron tamén dende outras institucións e colectivos. É o caso da asociación veciñal A Xuntanza, no compostelán barrio de San Pedro, cruzado polo Camiño Francés. 

Ao fío das obras que a Xunta prepara na contorna para o Xacobeo 2021 este colectivo lamenta que estes traballos -que inclúen unha ampla remodelación de rúas como Concheiros- semellen estar "pensados para maior gloria dos peregrinos e da propia Xunta", pero sen contar coa veciñanza mentres medran as "dificultades de convivencia no espazo público" e a gran afluencia de peregrinos e turistas implica "problemas de mobilidade, subas de prezos nos alugueiros" ou "ameazas ao comercio tradicional". "Queremos un paso do Camiño polo noso barrio que sexa digno, mesmo bonito e accesible, pero que permita o desenvolvemento da nosa vida e negocios", concluía esta asociación veciñal o pasado xullo.

Grupo de 300 peregrinos italianos chegado a Santiago este 9 de agosto, recibidos oficialmente pola comisaria do Xacobeo CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.