O TSXG dálle a razón á Xunta no seu criterio de delimitación "dinámica" dos Camiños de Santiago

Unha vía tradicional do Camiño Primitivo © Foro do Camiño

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de desestimar os dous recursos contencioso-administrativos que varias entidades do Foro do Camiño Primitivo interpuxeran contra a Dirección Xeral de Patrimonio por entender que a delimitación oficial do Camiño Primitivo vulnerara a Lei de Protección dos Camiños de Santiago.

Os recursos foran presentados hai dous anos por sete das entidades que conforman o Foro (ADEGA, Asociación Galega dos Camiños de Santiago, Lugopatrimonio, Asociación A Espalladoira, Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, Padroado do Museo Comarcal da Fonsagrada e a Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar de Donas), que denunciaban que o trazado se elaborara "en base a criterios fraudulentos e non obxectivos", primando intereses turísticos "no canto de teren primado os criterios establecidos na Lei dos Camiños de Santiago, como son a autenticidade ou a historicidade da traza histórica das rutas medievais". Nos recursos alertábase de que a delimitación consolidaba "os desvíos por estrada e as apropiacións irregulares da calzada, coa conseguinte destrución da súa paisaxe cultural asociada á vía primitiva".

O TSXG asegura que a lei "non establece de forma precisa a metodoloxía de delimitación, nin se refire á necesidade de levala a cabo, de forma exclusiva, en base a momentos históricos concretos, nin trazas orixinarias"

Porén, as dúas sentenzas do TSXG desestiman todos estes argumentos, aceptando pola contra os criterios invocados pola Xunta, aceptando por exemplo o concepto de “realidade dinámica” do Camiño e a definición da súa traxectoria física a criterio discrecional do lexislador. Nese senso, o ditame comenta que "as variacións nas rutas do Camiño foron constantes ao longo da historia, motivadas na concorrencia de distintas circunstancias: darlle continuidade funcional ao trazado, seguridade, infraestruturas públicas, etc". Nas súas sentenzas, o tribunal considera que existe un baleiro legal na Lei de Protección dos Camiños de Santiago polo cal non se establece con exactitude os límites dos criterios xurídicos a aplicar para a delimitación das vías xacobeas ("non establece de forma precisa a metodoloxía de delimitación a empregar, nin se refire á necesidade de levala a cabo, de forma exclusiva, en base a momentos históricos concretos, nin trazas orixinarias. E que en consecuencia esta debe realizarse a criterio discrecional ("Configurando o lexislador o Camiño de forma viva e dinámica").

"Deste xeito, o TSXG sitúa o valor científico da historicidade e autenticidade da ruta xacobea nun nivel igual ou inferior de importancia a outros criterios non obxectivables ou de carácter comercial, económico, turístico ou de interese privado", denuncia o Foro, que considera que este ditame "asenta unha grave xurisprudencia e un perigoso precedente na definición oficial das rutas xacobeas, ao contradicir o postulado fundamental de carácter legal que incide na necesidade de salvagardar o Camiño como Ben de Interese Cultural, e que é o de facer prevalecer a historicidade e autenticidade das vías xacobeas como valores prioritarios na súa delimitación".

"Asenta unha grave xurisprudencia e un perigoso precedente na definición oficial das rutas xacobeas, ao contradicir o postulado fundamental de carácter legal que incide na necesidade de salvagardar o Camiño como Ben de Interese Cultural"

Advirte, igualmente, que as sentenzas deixan "sen protección gran parte dos treitos da traza histórica primitiva que foron deturpados, alterados ou apropiados nos últimos anos". E chama a atención sobre o feito de que a sentenza empregue como aval da delimitación oficial do Camiño Primitivo por parte da Xunta a súa posterior proclamación como Patrimonio Mundial pola Unesco, "sen ter en conta que a administración autonómica nunca informou ao organismo internacional do estado sub judice no que se atopaba a delimitación do Camiño" e obviando, igualmente, a advertencia realizada pola Unesco en 2007 sobre a necesidade de procurar “co meirande esmero a pervivencia do seu trazado físico (do Camiño) e dos demais bens mobles e inmobles que o conforman”.

Finalmente, o Foro critica que o TSXG dálle "carta branca aos atentados que tanto particulares como Administracións exerzan contra a trama física do Camiño e o seu territorio histórico e premia aos asaltantes da vía pública, seguindo a inercia administrativa dos últimos anos", e ao mesmo tempo "castiga a entidades asociativas sen ánimo de lucro, como as que integran o Foro do Camiño, por realizaren o labor de control e defensa do patrimonio cultural e ambiental dos Camiños co pago de 3.000 euros de costas".

O Foro do Camiño Primitivo anuncia que se ve obrigado a renunciar a presentar recursos contra estas sentenzas "debido á carestía económica que eses recursos supoñen para estes colectivos sen ánimo de lucro"

Neste senso, o Foro do Camiño Primitivo anuncia que se ve obrigado a renunciar a presentar recursos contra estas sentenzas "debido á carestía económica que ditos recursos supoñen para estes colectivos sen ánimo de lucro". Porén, sinala que solicitará a intervención da Fiscalía en materia de protección do patrimonio cultural dos Camiños e presentará denuncia ante a Unesco e no Consello de Europa, recabando ademais a colaboración das federacións de asociacións xacobeas a nivel mundial, do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, así como doutras institucións como a Valedora do Pobo.

 

Unha vía tradicional do Camiño Primitivo © Foro do Camiño
Treito do Camiño Primitivo na Fonsagrada, no que a Xunta realizou obras © Foro do Camiño
Un treito do Camiño Primitivo CC-BY-NC de picos pardos
Fonfría, na Fonsagrada, no Camiño Primitivo © Xacobeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.