"Que é o cinema sen memoria? E a memoria sen Palestina? Manteño esperanza porque creo na humanidade"

O director palestino Kamal Aljafari. CC-BY-SA GabiGSobrado

O director palestino Kamal Aljafari vén de recibir o recoñecemento á súa traxectoria co Premio Cineuropa 2025

Unha mirada singular sobre a memoria, o territorio e o poder político das imaxes. Estes son algúns dos argumentos do festival Cineuropa para lle outorgar ao cineasta Kamal Aljafari o recoñecemento á súa traxectoria co premio Premio Cineuropa 2025. A gala tivo lugar o martes 11 en Compostela, e nela proxectouse o seu último film With Hasan in Gaza 

Aljafari é posuidor dunha filmografía que se move entre o documental e o ensaio poético na que explora as ausencias e os fragmentos dun país esnaquizado pola ocupación cunha obra que supón todo un exercicio de resistencia a través da memoria, facendo do arquivo unha ferramenta estética e política. 

O director palestino responde as preguntas de PRAZA un día antes de recibir o galardón. 

Recibe o Premio Cineuropa 2025. Como asume este recoñecemento, logo de 20 anos atrapando a memoria palestina?

Síntome moi honrado con este premio e creo que este recoñecemento ao meu traballo é tamén un recoñecemento á narrativa palestina, que foi silenciada durante moito tempo. Non hai cinema sen memoria e, no contexto palestino, preservar a memoria é tan importante como a vida mesma, porque a nosa existencia vese cuestionada cada día.

Kamal Aljafari, durante a gala de entrega do Premio Cineuropa 2025. CC-BY-SA Javi G. Sobrado

"Non hai cinema sen memoria e, no contexto palestino, preservar a memoria é tan importante como a vida mesma, porque a nosa existencia vese cuestionada cada día", asegura Kamal Aljafari

Este martes puidemos ver en Santiago o seu último filme, With Hasan in Gaza, unha traballo moi especial con gravacións feitas de 2001. Que atopamos neste filme?

Este proxecto chegoume nun momento crucial, cando me preguntaba que podía facer mentres se cometía un xenocidio contra o meu pobo, o pobo palestino. Que pode facer a arte? Non tiña resposta, e entón descubrín as tres cintas sobre a vida en Gaza que gravara en 2001 e que esquecera. Vemos a xente de Gaza afrontando a vida cotiá baixo a ocupación e sendo quen son: amables e cheos de dignidade, tan antigos como esta terra chamada Palestina! Coñecemos a homes, mulleres e nenos que nunca se cansan de mostrar ao mundo a súa humanidade e xenerosidade. Descubrir as cintas foi un sinal de vida no medio da catástrofe. É un sinal de esperanza contra o esquecemento. 

Podemos recoñecer aquela Palestina hoxe en día?
Debo dicir que hoxe nos enfrontamos ao gran perigo de ser borrados do mapa. Imaxinen que Gaza, con miles de anos de historia e un rico pasado, se converteu en cascallos. Ano tras ano, Palestina vólvese irrecoñecible, é moi doloroso ser testemuñas diso e debemos facer todo o posible para porlle fin.

"En xeral, os medios de comunicación desempeñaron un papel negativo no caso de Palestina e, en ocasións, mesmo contribuíron a deshumanizar os palestinos"

Leo que é vostede “o grande arqueólogo fílmico da memoria palestina”, non sei se concorda con esta definición.

Cando empecei a facer películas, tiña experiencias que quería compartir, pero logo vinme envolvido nunha enorme acumulación de imaxes que me levaron a facer películas con arquivos. Que é o cinema sen memoria? E que é a memoria sen Palestina? Manteño a esperanza porque creo na humanidade. 

Nas súas imaxes hai destrución, pero tamén hai beleza e e moita dignidade.Isto non poden derrubalo as forzas de ocupación.

Precisamente esta dignidade e beleza de Palestina están tan profundamente arraigadas que sempre atoparán a maneira de sobrevivir. Ningunha ocupación poderá derrotalas. Non é unha cuestión de posuír todas as armas de destrución masiva, é unha cuestión de crer incuestionablemente nunha causa xusta, a causa da liberación da tiranía.  

Facer cinema documental e mostrar o que pasa é un xeito tamén de non renderse, de continuar a loitar?

O cinema pode resistir a ocupación! Cando creamos imaxes en Palestina que documentan a vida, resistimos, e o cinema convértese nunha cuestión de existencia. 

Estamos tristemente acostumados a ver por televisión imaxes terribles de guerra e cada vez máis en directo e máis explícitas. Estou a a falar do conflito Rusia-Ucraína e no último ano especialmete en Gaza. Como pode afectar esta exposición mediática a propia ollada do espectador fronte ao pobo palestino?

En xeral, os medios de comunicación desempeñaron un papel negativo no caso de Palestina e, en ocasións, mesmo contribuíron a deshumanizar aos palestinos, ao non prestar a mesma atención que merecen as súas vidas, como calquera outra vida. A xente debe coñecer mellor a historia de Palestina.  

É a primeira vez que está en Galicia, que referencias ten do pobo galego? O pasado 5 de outubro viviuse unha manifestación multitudinaria contra o xenocidio palestino nas rúas de Compostela. 

Conmóveme moito a solidariedade da xente en España e, ao pasear por Santiago, vexo a bandeira palestina en moitos balcóns, na entrada do parque e no edificio municipal fronte á catedral. Alégrame o corazón ver que a xente de Galicia recoñece a súa humanidade na loita palestina pola liberación. Estou desexando ler a poesía de Rosalía de Castro e descubrir a beleza deste país.

Como recibiu o cesamento do fogo? Hai lugar para a esperanza?

Todos se sentiron aliviados, pero debemos saber que moitas persoas perderon a vida desde que comezou este cesamento do fogo. Hai esperanza porque o pobo de Gaza é moi resistente, e creo que, ao final, prevalecerá a humanidade. É importante manter o impulso de solidariedade e seguir presionando para que se abandone este proxecto colonial, co fin de crear un mundo de intercambio e igualdade entre as persoas. Manteño a esperanza.

Xa ten en mente o que será o seu próximo traballo?

Todo o que podo dicir é que teño varios proxectos en marcha e que o ano que vén rodarei unha película en Palestina. Sigo adiante. 

Kamal Aljafari, director de cinema palestino. CC-BY-SA Cedida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.