Comeza Cineuropa: tres semanas de celebración colectiva do cinema en Compostela

Público no Teatro Principal nunha sesión de Cineuropa © Cineuropa

Este xoves comeza unha nova edición de Cineuropa, que ata o vindeiro 25 de novembro encherá Santiago de cine con 115 proxeccións, con mesas redondas, obradoiros e concertos

Este xoves comeza en Santiago unha nova edición de Cineuropa, o festival que todos os meses de novembro enche de cinema as tardes e as noites da cidade. A cita, que chega á súa 37ª edición, programa a proxección de 115 filmes ata o vindeiro día 25. Nesta ampla e variada entran todo tipo de contidos: dende algunha das películas que nos últimos meses triunfaron en festivais como Venecia, Berlín, Donostia, Cannes ou Locarno ata grandes clásicos. 

O 37º Cineuropa preséntase con varios protagonistas e datas clave. Un deses protagonistas é o cinema arxentino, para celebrar o 40 aniversario do regreso da democracia ao país austral. En Santiago poderán verse varios éxitos recentes, como Argentina 1985, El Rapto ou Puan, encargada precisamente de abrir o festival este xoves pola noite no Teatro Principal na sesión inaugural.

Imaxe da edición 37 de Cineuropa © Cineuropa

Outro dos protagonistas será Jorge Semprún, do que se celebra este ano o centenario do seu nacemento. A súa figura, que atravesa o século XX, estivo marcada pola súa militancia comunista, o seu paso por un campo de concentración nazi ou pola xestión política (foi ministro de Cultura co PSOE), pero tamén polo cine, xa que escribiu o guión dun gran número de filmes. Destaca a súa relación con Alain Resnais e con Costa-Gavras, con películas que se poderán ver este mes en Compostela.

Os e as protagonistas inclúen o cinema arxentino, a Jorge Semprún, as comedias clásicas e tamén os tres gañadores e gañadora dos Premios Cineuropa: Luís Zahera, Ana Torrent e o director portugués João Canijo

E, por suposto, a comedia clásica máis "tola", en homenaxe a It´s a mad mad, mad, mad world, dirixida en 1963 por Stanley Kramer e protagonizada por Spencer Tracy, Jerry Lewis e Mickey Rooney. O festival busca reivindicar "a capacidade do cinema para transportarnos a un mundo tolo, tolo, tolo" cunha coidada selección de filmes que fixeron rir e que marcaron unha época.

Os e as protagonistas inclúen tamén os tres gañadores e gañadora dos Premios Cineuropa: Luís Zahera, Ana Torrent e ao director portugués João Canijo, con homenaxes que inclúen as proxeccións de El Reino, Sobre todo de noche e Mal viver. O Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX, Multicines Compostela, o CGAC e a Zona C acollen as proxeccións e actividades desta edición. A programación completa pode descargarse nesta ligazón.

Na presentación da programación, que tivo lugar hai uns días, a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, destacou os valores dun festival "que nos volve ao cinema como celebración, como acto colectivo, como espazo de encontro no que compartir praceres e reflexións". A concelleira salientou tamén "a aposta da edición por reivindicar o potencial revulsivo da comedia e por manter esa fiestra aberta á diversidade de olladas, linguas e culturas, que Cineuropa pon cada ano ao noso dispor".

O director do certame, Jose Luís Losa, subliñou "o carácter celebratorio e público dos festivais de cinema, nun momento en que parecen en perigo de extinción da man de gobernos reaccionarios"

Pola súa banda, o director do certame, Jose Luís Losa, subliñou "o carácter celebratorio e público dos festivais de cinema, nun momento en que parecen en perigo de extinción da man de gobernos reaccionarios". "Isto sucede por ese simbolismo subliminalmente poderoso dun festival de cinema como ese ágora democrática. É un acto colectivo, un festival de resistencia fronte a unha guerra cultural que busca privatizar case todo, uniformar e invisibilizar o que o cine singulariza: as emocións, a loita social, as denuncias das violencias estruturais", engadiu.

Luís Zahera, Ana Torren e João Canijo, Premios Cineuropa 2023 © Cineuropa

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, subliña que a "principal fortaleza" de Cineuropa "radica en conseguir que vexamos cine presencial, colectivamente, creando un espazo contracorrente"

"Mentres existan nesa pantalla historias totalmente desencadeadas, non mercantilizadas, procedentes de todas as latitudes ou pobos, e mentres estas historias reúnan ao seu redor milleiros de persoas que latexan e debaten, que gardan lembranza do vivido e que o comparten cos demais, converter o mundo nun páramo anarcocapitalista baleiro de cultura seralles máis difícil. Por iso é que na súa axenda de odiadores os festivais de cinema son simbolicamente tan importantes. E por iso é que os queren colonizar ou ayusizar", subliña Losa

Pola súa banda, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, subliña no catálogo desta edición que "Cineuropa segue mantendo intacta a súa capacidade para sorprendernos e conseguir que o público amante do cinema esperemos con expectación a chegada do mes de novembro, para poder gozar dunha programación cuxa principal fortaleza radica en conseguir que vexamos cine presencial, colectivamente, creando un espazo contracorrente que nos permite desafiar esa zona de confort en que xa se converteron as plataformas dixitais".

Seccións oficiais

Cineuropa non esquece o seu compromiso coa descuberta das novidades do panorama cinematográfico e desprega unha programación cos mellores filmes da tempada na contorna europea, con firmas como as de Matteo Garrone, Aki Kaurismaki, Wim Wenders, Alice Rohrwacher, Ryusuke Hamaguchi, Justine Triet, Radu Jude ou Agnieszka Holland

A 37ª edición de Cineuropa non esquece o seu compromiso coa descuberta das novidades do panorama cinematográfico e desprega unha programación cos mellores filmes da tempada na contorna europea, con firmas como as de Matteo Garrone, Aki Kaurismaki, Wim Wenders, Alice Rohrwacher, Ryusuke Hamaguchi, Justine Triet, Radu Jude ou Agnieszka Holland. A Palma de Ouro en Cannes, Anatomía dunha caída (Anatomie d’une chute), o premio do xurado en Berlín, Mal viver, e o León de Prata en Venecia, Eu Capitán (Io Capitano), estarán presentes na Sección Oficial Europea desta edición.

O Panorama Internacional escolma boa parte fitas que transitaron polos festivais internacionais deste ano, e inclúe os premios ao mellor director de Cannes, que recibiu Tranh Ang Hung por A lume manso (La passion de Dodin Bouffant), ou ao mellor actor no mesmo certame, que recaeu en Koji Yakush por Días perfectos (Perfect Days). Tamén abeira a proxección de Aquí (Here), o filme de Bas Devos que resultou gañador do ‘Encontros’ da Berlinale; de O mal non existe (Evil Does Not Exist) de Ryusuke Hamaguchi, gran premio do xurado da Mostra de Venecia, e de Zona Crítica (Critical Zone), de Ali Ahmahzadeh, que gañou o Leopardo de Ouro en Locarno.

Público entrando ao Teatro Principal © Cineuropa

Doce películas de procedencias diversas —Alemaña, Francia, Bélxica, Grecia, Portugal, Reino Unido, Romanía, Arxentina, Corea do Sur e Galicia— conforman a sección dedicada a Novas/os Cineastas

Doce películas de procedencias diversas —Alemaña, Francia, Bélxica, Grecia, Portugal, Reino Unido, Romanía, Arxentina, Corea do Sur e Galicia— conforman a sección dedicada a Novas/os Cineastas, que inclúe as fitas gañadoras da Quincena de Realizadores ou a Semana da Crítica de Cannes, da Berlinale, da Mostra de Venecia ou do Festival de Locarno. Entre elas, O auto das ánimas de Pablo Lago Dantas, eríxese como a primeira película galega en participar nesta sección.

Na produción galega, que se concentra principalmente na sección Panorama Audiovisual Galego, destaca tamén o documentalOs espazos en branco, a primeira película do vigués Bruno Arias, dedicada á súa tía Xela Arias, que esgotou en cuestión de horas as entradas para a súa estrea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.