O Cineuropa 38, presentado coincidindo coas eleccións nos Estados Unidos, leva por lema ‘O corazón do cinema é a liberdade’ e no seu catálogo inclúe un gran número de títulos que convidan á reflexión sobre a democracia e as súas representacións na pantalla
Coincindo coa celebración das eleccións presidenciais nos Estados Unidos, este martes presentouse en Compostela a programación da edición número 38 de Cineuropa, o festival cinematográfico que cada mes de novembro trae á cidade unha abondosa escolma co mellor do cine recente e unha selección de alfaias da historia da sétima arte. O Cineuropa 38 leva por lema ‘O corazón do cinema é a liberdade’ e no seu catálogo inclúe un gran número de títulos que convidan á reflexión sobre a democracia e as súas representacións na pantalla. A imaxe de Abraham Lincoln que preside os cartel do festival e outros elementos gráficos poñen o foco no país norteamericano que estes días decide o seu futuro.
O festival comeza este xoves no Teatro Principal coa proxección da película francesa Por todo o alto (En Fanfare), de Emmanuel Courcol, que obtivo o premio do público no Festival de San Sebastián. Nos seus 18 días de programación, ata o 24 de novembro, proxectaranse 130 títulos e levaranse a cabo varias actividades paralelas, algunhas destinadas á mocidade e rapazada.
O festival comeza este xoves no Teatro Principal coa proxección da película francesa Por todo o alto (En Fanfare), de Emmanuel Courcol, que obtivo o premio do público no Festival de San Sebastián
Na presentación da súa programación (que se pode consultar nesta web e descargar aquí en pdf) a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e o director do certame, José Luis Losa, debullaron os contidos das distintas seccións, eventos especiais e da selección realizada pola organización, que permitirá ver nos vindeiros días algúns dos títulos máis celebrados nos festivais de Cannes, San Sebastián, Venecia, Berlín, Sitges ou Locarno.
Ademais, o cineasta ferrolán Alberto Gracia, a actriz hispano-sueca Ingrid García-Jonsson e a realizadora brasileira Flávia Castro recibirán o máximo galardón do festival nesta edición. O Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX e a Zona C son as sedes das proxeccións e actividades para as que a partir deste martes ás 16 horas se poñen á venda as entradas e bonos na Zona C e na web compostelacultura.gal.
Tras facer un percorrido polos filmes esenciais da 38ª edición, José Luis Losa reivindicou este martes "o cinema como elemento basal da cultura" e insistiu na "súa capacidade de mobilizar a sociedade e construír imaxinarios colectivos".
Entre o 7 e o 24 de novembro poderán verse en Compostela algúns dos títulos máis celebrados nos festivais de Cannes, San Sebastián, Venecia, Berlín, Sitges ou Locarno
Entre os títulos máis destacados desta edición están o filme xeorxiano April (Abril) de Dea Kulumbegashvili, gañador do premio do xurado en Venecia e do premio Zabaltegi en San Sebastián; a película iraniana The seed of the sacred fig (A semente da figueira) de Mohammad Rassoulof, que se fixo co premio do xurado en Cannes; a cinta franco-senegalesa Dahomey de Mati Diop, Oso de Ouro na pasada Berlinale; a austríaca The Devil’s Bath (O baño do demo) de Veronica Frantz, premio Alfred Bauer en Berlín e mellor película en Sitges; e Yeohaengjaui pilyo (Necesidades dunha viaxeira), o encontro de Isabelle Huppert co coreano Hong Sang-soo, que se fixo co gran premio do xurado en Berlín.
Poderase ver tamén o Grand Tour do portugués Miguel Gomes; Oh Canada, do estadounidense Paul Schrader; Parthenope, do italiano Paolo Sorrentino; Hard Truths, do británico Mike Leigh; Quand vient l’automne, do francés François Ozon; ou L’Émpire, do tamén galo Bruno Dumont.
Sección oficial
A Sección Oficial Novas/os Cineastas contará con 12 películas a concurso e un xurado internacional constituído por tres mulleres
A Sección Oficial Novas/os Cineastas contará con 12 películas a concurso e un xurado internacional constituído por tres mulleres: a cineasta brasileira Flávia Castro, a directora, guionista e intérprete galega Sonia Méndez e a programadora e xornalista cultural uruguaia María José Santacreu. As doce películas que concorren acceden á selección competitiva directamente dende o palmarés de festivais imprescindibles da contorna europea.
Por exemplo, de Locarno chegan a gañadora do Leopardo de Ouro, Toxic (Akiplesa, no título orixinal) da cineasta lituana Saule Bliuvaite, e a cinta austriaca Moon (Mond, no orixinal) da iraquí Kurdwin Ayub, que se fixo co premio especial do xurado, co Boccalino de Ouro da crítica e coa mención especial do xurado. De Colombia chega Mi bestia, da directora Camila Betrán, tras se facer co premio Blood Window á mellor película no festival de Sitges. Dos Estados Unidos chega Turn Me On, un filme de Michael Tyburski que se fixo co premio do xurado novo en San Sebastián; e Blue Sun Palace, da realizadora Constance Tsang, premiado na Semaine de la Critique de Cannes.
Os premios
Na súa 38ª edición, Cineuropa distingue a traxectoria director ferrolán Alberto Gracia, a actriz hispano-sueca Ingrid Garcia-Jonsson, e o a realizadora brasileira Flávia Castro
Na súa 38ª edición, Cineuropa distingue a traxectoria director ferrolán Alberto Gracia, a actriz hispano-sueca Ingrid Garcia-Jonsson, e o a realizadora brasileira Flávia Castro. A entrega do galardón a Gracia terá lugar o martes 12 no Teatro Principal, nun acto que incluirá a proxección da súa película La Parra, que acaba de recibir o premio da sección Alquimias da Seminci. Ingrid García-Jonsson recollerá o seu galardón o xoves 14 tamén no Teatro Principal, nunha gala que gardará lugar para a proxección de Una ballena, o seu traballo máis recente baixo a dirección de Pablo Hernando.
Finalmente, a realizadora brasileira Flávia Castro, cuxo cinema explora a memoria da ditadura en Brasil recibirá a máxima distinción do festival o mércores 20 no Salón Teatro. Presentará Diário de uma busca, a partir dos recordos da súa propia infancia como refuxiada brasileira no Santiago bombardeado durante o golpe de Pinochet.
O foco na democracia e na liberdade
Henry Fonda For President, de Alexander Horwarth, é un dos filmes máis celebrados deste ano. Ao fío deste filme, o festival programa unha retrospectiva de Fonda
Henry Fonda For President, de Alexander Horwarth, é un dos filmes máis celebrados deste ano. Presentado en febreiro na Berlinale, é un ensaio documental sobre o actor e a súa filmografía, pero ademais constrúe unha Historia dos Estados Unidos sobre o imaxinario dos personaxes que Fonda interpretou. Neste percorrido, o filme convértese nunha elexía pola democracia norteamericana e "polos mellores valores dunha tradición liberal e solidaria, de loita polos dereitos civís e os principios humanistas que a onda do trumpismo ameaza con levar por diante", destacan dende a organización de Cineuropa.
Ao fío deste filme, o festival programa unha retrospectiva de Fonda, con filmes como The Young Lincoln (O mozo Lincoln, John Ford, 1939), Fail Safe (Punto Límite, Sidney Lumet, 1964), My Darling Clementine (A paixón dos fortes, John Ford, 1946) ou The Grapes of Wrath (As uvas da ira, John Ford,1940).
O festival programará o día 10 de novembro a estrea mundial de 7291, o filme documento de Juanjo Castro cuxo título rememora o número de mortes nas residencias de maiores dependentes da Comunidade de Madrid durante a pandemia
Da mesma forma que Cineuropa acolleu en 2015 a estrea do documental Frankenstein 04155, que denunciaba as responsabilidades do goberno central no accidente do Alvia en Angrois, o festival programará o día 10 de novembro a estrea mundial de 7291, o filme documento de Juanjo Castro cuxo título rememora o número de mortes nas residencias de maiores dependentes da Comunidade de Madrid durante a pandemia. A película, que aborda os coñecidos como ‘protocolos da vergoña’ que levaron ao illamento desas residencias non medicalizadas e que atopou problemas para ser aceptada até o de agora noutro festival español, proxectarase o domingo 10 no Salón Teatro e o día 11 na sala NUMAX, en ambos os casos coa presenza do seu director.
Outra exclusiva deste 38º Cineuropa é a de From Darkness to Light, un documental que trae á luz o filme maldito de Jerry Lewis, unha comedia que ambientou nos anos 70 un campo de concentración nazi, e na cal o propio Lewis encarnaba un pallaso que acompañaba os nenos de camiño ás cámaras de gas. O dubidoso sentido moral dese proxecto provocou que nunca se estrease e levou o astro norteamericano a un proceso de demolición persoal. As imaxes desa película oculta de Jerry Lewis, devida lenda urbana cinéfila, teñen en Cineuropa a súa estrea estatal tras o paso polo festival de Venecia.