Directorio de Artistas Globais: unha aposta pola creación das mulleres migrantes en Galicia

Mulleres integrantes do Directorio de Artistas Globais CC-BY-SA UDC

O espazo Culturgal acollerá este venres desde as 19 horas a presentación do Directorio de Artistas Globais na Galiza, unha ferramenta de referencia que recolle 32 proxectos liderados por mulleres migrantes creadoras nos ámbitos das artes escénicas, música, danza, teatro e propostas multidisciplinares.

O Culturgal acolle este venres a presentación do Directorio de Artistas Globais na Galiza, que recolle 32 proxectos liderados por mulleres migrantes en diferentes ámbitos culturais

O directorio constitúe unha das principais achegas do proxecto de investigación Mulleres á fronte dende o Sur Global, financiado por Cooperación Galega e no que participa profesorado das tres universidades galegas, maioritariamente de investigadoras da Universidade da Coruña (UDC): Antía Pérez Caramés, Belén Fernández Suárez, Keina Espiñeira, Estefenía Tarrío e Sarah Díaz Lamas, xunto con Luzia Oca, da USC e directora do proxecto; e Iria Vázquez Silva, da Universidade de Vigo. 

Xornada de traballo do Directorio de Artistas Globais CC-BY-SA UDC

A investigación contou tamén coa colaboración da organización coruñesa Ecos do Sur, que achegou coñecemento especializado no ámbito das migracións desde a perspectiva social.

O directorio é unha das achegas principais do proxecto de investigación 'Mulleres á fronte dende o Sur global', con profesorado das tres universidades galegas

Este proxecto, como explican desde a UDC, forma parte dun "proceso de investigación-acción participativa orientado a promover o diálogo de saberes entre mulleres e a recoñecer, visibilizar e fortalecer a creación artística das mulleres migrantes en Galicia".

O directorio, segundo explica o propio proxecto, é "unha relación de mulleres artistas en Galiza que desenvolven proxectos artísticos vinculados á migración, explorando a experiencia migratoria no territorio galego desde diferentes perspectivas". Creadoras que utilizan diversas disciplinas para "reflexionar sobre a identidade, o desprazamento e a intersección de culturas".

A presentación do directorio que se levará a cabo no Culturgal incluirá unha explicación do proceso investigador e unha mesa redonda na que varias das artistas participantes compartirán as súas experiencias como creadoras migrantes: "desafíos, oportunidades, redes de apoio e potencialidades dun colectivo diverso e en constante movemento".

Na presentación participarán catro artistas en representación de todas aquelas incluídas no directorio. Unha das que explicará o proxecto no Culturgal será Mariana Rodrigo, actriz, directora, produtora, dramaturga e docente cunha ampla traxectoria no teatro independente de Bos Aires. Afincada na Coruña, impulsa espazos de formación interpretativa para persoas mozas e adultas, mentres continúa o seu labor creativo e o perfeccionamento da lingua galega.

Xornada de traballo do Directorio de Artistas Globais CC-BY-SA UDC

Tamén estará presente en Pontevedra Mercé de Rande, directora artística, coreógrafa, performer, bailarina, actriz e artista plástica. É especialista en investigación do movemento, formación realizada no Movement Research de Nova Iorque e a súa obra plástica abrangue pintura abstracta, acuarela, tinta, collage, ilustración e murais de arte urbana.

Mariana Rodrigo, Mercé de Rande, Kirenia Martínez e Sheila Patricia serán as catro artistas que participarán na presentación no Culturgal

Outra das participatnes, Kirenia Martínez Acosta, é unha artista multidisciplinar cunha traxectoria de máis de vinte anos. É fundadora da compañía Kirenia Danza (2019), dedicada á creación contemporánea e á investigación de cuestións sociais, políticas e de xénero, e dirixe o festival Escenas do Cambio.

Por último, Sheila Patricia, creadora destacada da folktrónica, unha fusión innovadora de tradición galega e electrónica contemporánea, "pon en valor o papel das mulleres na creación, desafiando estereotipos e abrindo novos camiños estéticos", segundo explica a UDC. 

No Directorio de Artistas Globais en Galiza inclúense tamén Pamela Rodríguez, Nilda Borges, D'Ariya, Sofía Guillarte, Wöyza, Catuxa Salom, Batuko Tabanka, Sofía Canedo ou Mounqup. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.