"Vendéronnos a idea da 'Galicia asoballada' cando é mentira"

Pablo Diego Dios, autor de 'Unha historia de Nós', editado por Galaxia © cedida

Co libro 'Unha historia de Nós', editado por Galaxia con ilustracións de Agustina Shuan, Pablo Diego Dios busca resarcirse da crenza de que ao longo da historia non sucedeu nada importante en Galicia

Un traballo da súa afillada para o colexio espertou en Pablo Diego Dios (Pontevedra, 1998) a idea de escribir, de maneira próxima e non académica, aquelas historias que sucederon en Galicia e que foi descubrindo fóra das aulas pola súa curiosidade e, tamén, polo interese pola cultura que había na súa casa. A pesar da súa xuventude, leva once anos na emigración, primeiro por estudos e agora por traballo. Reside en Zürich (Suíza), dende onde mira o país cos ollos de quen nunca marchou realmente. O seu interese por 'axitar' a opinión pública galega enténdese porque foi un dos fundadores da revista para a mocidade O Ferrado, da que é presidente, e pola novela Alén, coa que gañou o Premio á Preservación da Lingua e a Cultura Galega no ano 2020. 

Co libro Unha historia de Nós, editado por Galaxia con ilustracións de Agustina Shuan, busca resarcirse da crenza de que ao longo da historia non sucedeu nada importante en Galicia, posto que nos libros da asignatura de Historia que tiña no instituto sempre aparecían como feitos segregados do relato común, pouco ou nada desenvolvidos. "Cheguei a pensar que eramos un país cunha historia moi pobre, porque toda unha etapa histórica cabía en dúas páxinas ao final dun capítulo. Creo que estudar o propio debera ser das cousas máis importantes, máis alá dos exames de certificación. E máis aínda pensando en que un pobo que non coñece a súa historia non pode camiñar xunto cara ao porvir", lembra.

'Unha historia de Nós', de Pablo Diego Dios con ilustracións de Agustina Shuan CC-BY-SA Editorial Galaxia

"O libro ten unha función principalmente divulgativa, quero amosar a nosa historia a persoas que non a coñecen tanto; con todo, estou seguro que mesmo quen coñeza bastante a historia de Galicia, incluso ás personaxes máis evidentes ou máis coñecidas, vai levar algo novo desta lectura e vai descubrir algún feito ou unha característica dun dos protagonistas. Por exemplo, hai un capítulo dedicado a Milia de Wessex, que é moi pouco coñecida", avanza.

"O libro ten unha función principalmente divulgativa, quero amosar a nosa historia a persoas que non a coñecen tanto; con todo, estou seguro que mesmo quen a coñeza bastante vai levar algo novo da lectura"

O vindeiro 28 de decembro, cando volva a casa polo Nadal, Pablo Diego Dios preparou unha conversa arredor do libro no Liceo Casino de Pontevedra xunto ao presidente da Editorial Galaxia, Antón Vidal Andión, e ao seu mestre de música tradicional Xoán X. López, un dos fundadores do grupo Treixadura. 

"Na presentación temos que falar de Pardo de Cela porque, evidentemente, todo o mundo o coñece pola resistencia da Frouxeira, pero moi pouca xente sabe que Pardo de Cela foi o único señor feudal galego que apoiou a causa de Isabel a Católica, pois realmente situouse do lado de Isabel contra Xoana a Beltranexa, mentes que o resto da nobreza galega, encabezada por Pedro Madruga, era favorable á causa de Xoana. Pero sobre todo teremos que falar de Constanza de Castro, filla de Pardo de Cela, que foi a verdadeira última resistente dun poder autónomo galego, antes de que entraran os Reis Católicos", conta.

Ilustración de Agustina Shuan para o libro 'Unha historia de Nós', de Pablo Diego Dios © Agustina Shuan

Na propia introdución do libro, o autor fai un exercicio de honestidade coas lectoras e lectores para que coñezan a súa posición no mundo e cal é o seu enfoque da nosa historia. "Deixo claro que eu non son historiador, pero para este traballo documenteime cos libros desas persoas que protexeron a nosa historia e permitiron que chegase ata nós. Cando eu leo un libro de historia coma este gústame que o autor se presente, porque o persoal é político. E digo político, non porque eu milite en ningún partido, senón no sentido de que todos nós temos uns condicionantes e falar de imparcialidade é unha falsidade. Eu considérome unha persoa moi galeguista e quero advertir ao lector que nestas verbas vai ver un amor teimudo por Galicia, porque así son eu, que se cadra me deixe levar pola epicidade dalgúns acontecementos que para min son fundamentais, pero é porque me sinto moi identificado", relata.

"A historiografía española ocultou sistematicamente a historia de Galicia. Vendéronnos a idea da 'Galicia asoballada' cando é mentira"

Nas páxinas de Unha historia de Nós atopamos a Exeria, que no século IV partiu de Iria Flavia (Padrón) ata Xerusalén converténdose na nosa primeira peregrina; non podían faltar Prisciliano e a Santísima Trindade, ou Inés de Castro, convertida en raíña de Portugal despois de morta. Historias que o autor combina coas de persoas menos recoñecidas como a da xa mencionada Constanza de Castro ou a de Mailoc, bispo de Britonia. 

"Unha cousa é a historia e outra moi diferente é a historiografía. A historia é o que aconteceu, e a historiografía é como nos chegou. No caso de Galicia está moi claro, a historiografía española ocultou sistematicamente a historia de Galicia. Vendéronnos a idea da 'Galicia asoballada' cando é mentira", defende Pablo Diego Dios, que ten moi presente como afectan as maneiras nas que contamos o noso pasado na creación da identidade como pobo. 

Nestes anos de investigación, mentres seguiu observando o devir da actualidade, asegura que confirmou de maneira rotunda que "nos comportamos como un país en todo". "Sempre tivemos as nosas tradicións, as nosas crenzas culturais, un sincretismo relixioso propio e sempre fomos ao noso rollo. Somos un país completamente diferente", detalla. 

Páxinas interiores de 'Unha historia de Nós' © Agustina Shuan

"Creo que había máis compromiso na xeración anterior"

Agora que se fala moito do "orgullo galego", para Pablo Diego Dios esta tendencia non se corresponde co "pouco compromiso" que observa hoxe en día na mocidade, á que ve moi influenciada pola globalización a pesar de que "xa non é paleto usar o galego, isto deu a volta e agora a lingua e a cultura galega é un sinal de prestixio, unha marca publicitaria". "Creo que había máis compromiso na xeración anterior, a que se revolveu contra o franquismo e reorganiza o nacionalismo, a que aposta pola cultura coa creación de festas que perviven hoxe como as de Ortigueira e Pardiñas", razoa. 

Cando vaia coller o avión ao aeroporto de Zürich sabe que na porta de embarque vai estar rodeado de xente falando en galego. "En que porta de embarque de Lavacolla, Alvedro ou Peinador pasa iso?", interpela. Isto tamén hai que telo en conta para explicarnos a nosa propia historia, que Pablo Diego Dios quere seguir facendo con máis libros coma este, aínda que xa está a escribir algo completamente distinto: unha novela de ciencia ficción. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.