A Sala Ártika acolle este xoves e venres a estrea da peza escénica realizada nos dous últimos meses a través dun proceso de creación e mediación con adolescentes co impulso de España en Liberdade e a coordinación de ButacaZero
Vigo acolle este xoves e venres a mostra final de 1972, unha peza de danza e teatro documental que culmina o proceso de creación e mediación con adolescentes iniciado en setembro. Trátase dun proxecto de investigación escénica arredor da folga xeral de Vigo enmarcado na iniciativa Barrios en Lucha de Teatro del Barrio e do Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en Liberdade, e que en Galicia coordinou ButacaZero
O obxectivo do proxecto era "recuperar desde as artes escénicas as loitas veciñais, barriais e sindicais que aconteceron durante os anos da Transición ou próximos a ela, e que axudaron ao xurdimento dunha nova era democrática". No caso vigués tratábase de traballar con mozos e mozas para que estes afondasen a través da danza contemporánea nun dos episodios máis importantes da historia recente do país.
O espectáculo representarase ás oito da tarde na Sala Ártika, na zona portuaria de Vigo, un dos escenarios dos paros que en setembro de 1972 paralizaron a cidade durante quince días. Todas as entradas están esgotadas dende hai días.
“A idea é organizarse colectivamente para ‘bailar a loita’, e que revivan cos seus corpos e voces a enerxía e o espíritu dun episodio do noso pasado do que non quedou unha soa imaxe para a posteridade”, explica Esther F. Carrodeguas
Foron dous meses de investigación, obradoiros e ensaios que deron lugar a unha peza escénica na que a través da danza contemporánea, a sonoplastia, a videoescena, a iluminación e a dramaturxia documental, o elenco pon o corpo e a voz a unha mobilización da que apenas quedou rexistro visual. “A idea é organizarse colectivamente para ‘bailar a loita’, e que revivan cos seus corpos e voces a enerxía e o espíritu dun episodio do noso pasado do que non quedou unha soa imaxe para a posteridade”, explica Esther F. Carrodeguas, autora e directora da peza xunto a Xavier Castiñeira.
"Trátase dun feito histórico case que inédito, pero nas novas xeracións, e falo tamén da xente que ten 40 ou 50 anos, o tema é bastante descoñecido e dende logo non é algo demasiado reivindicado", dicía Esther Carrodeguas en conversa con Praza.gal nesta entrevista. Na conversa Carrodeguas sinalaba o obxectivo de poñer en común experiencias xeracionais e ás xeracións propiamente ditas: "o diálogo da memoria cos adolescentes é necesario e primordial na nosa sociedade".
Os encontros formativos completáronse con outras actividades coas que os mozos e mozas participantes afondaron no coñecemento da histórica folga de 1972, como un conversatorio interxeracional e un roteiro polos seus escenarios
“Foi un proceso verdadeiramente potente, sobre todo polas actividades paralelas, o conversatorio con protagonistas da folga e o roteiro que fixemos pola cidade, a partir do cal fixemos nacer a creación. Foi impactante poder coñecer de primeira man unha folga tan importante. Por exemplo, ninguén quedou indiferente ante o relato das torturas diante da antiga comisaría. A maiores, vivir este proceso coincidindo coa primeira folga xeral en 15 anos é para o proxecto un contexto verdadeiramente singular. Hai que pensar que na anterior folga xeral as mozas e os mozos cos que traballamos eran practicamente bebés”, destaca Carrodeguas.
Os encontros formativos con Clara Ferrao (coreografía), Juanma LoDo (deseño de son), Laura R. Iturralde (iluminación), Borja Carvajal (videoescena) e Pia Nicoletti (coordinación pedagóxica) completáronse con outras actividades coas que os mozos e mozas participantes afondaron no coñecemento da histórica folga de 1972.
Durante o mes de outubro, o grupo completou a súa investigación cun conversatorio interxeracional no MARCO con persoas vinculadas ás protestas, como Carlos Núñez, Juan Benavides, Higinio Leirós, Jaime Garrido Vila, Margarita Rodríguez Montes ou Pilar Pérez Rodríguez e cun roteiro pola memoria obreira da cidade, que percorreu os espazos da folga desde PSA-Citroën ata A Madroa.
O roteiro percorreu ás instalacións de empresas como Citroën, Álvarez, Barreras ou Vulcano, espazos da represión policial coma a antiga comisaría da rúa Luís Taboada ou o MARCO -antiga prisión- e tamén o monte da Madroa, un dos espazos habituais para a realización das asembleas clandestinas neses anos. Na iniciativa colaboran tamén a Unión Comarcal CCOO de Vigo e a Fundación 10 de marzo.