Este xoves celébrase o 50 aniversario do 10 de marzo, a protesta obreira que os traballadores de Bazán en Ferrol levaron a cabo en reivindicación do seu convenio laboral e que foi violentamente reprimido pola ditadura franquista. "Buscaban dar un escarmento", di nesta entrevista Sari Alabau, incidindo en que o réxime quería acabar coa forte mobilización obreira que existía na comarca ferrolá, que era -xunto con Vigo- unha das zonas do Estado onde a resistencia antifranquista estaba mellor organizada. Ferrol era, ademais, del Caudillo, a cidade natal do ditador. E, polo tanto, unha revolta iniciada aquí adquiría unha maior trascendencia, que nas semanas seguintes foi salientada pola prensa internacional.
A represión policial causou dous mortos, 40 feridos de bala e máis dun cento de detencións
A represión policial acabou coa vida de Amador Rei e Daniel Niebla, provocou 40 feridos de bala e máis dun cento de encarcerados. A cidade estivo paralizada durante máis dunha semana e houbo manifestacións contra a ditadura en varias cidades galegas, sobre todo en Vigo, onde pararon os estaleiros e outras grandes empresas, especialmente Vulcano, no que foi un anticipo da gran folga xeral do mes de setembro.
A ditadura "buscaba dar un escarmento" ao movemento obreiro ferrolán, di Sari Alabau
Nesta peza interactiva repasamos as causas que levaron á mobilización obreira do 10 de marzo, o desenvolvemento dos feitos nos días 9, 10, 11 e seguintes e as consecuencias posteriores, ata chegar ao Proceso dos 23 de Ferrol no Tribunal de Orde Pública (TOP), que no ano 1975 xulgou a 23 dirixentes sindicais e do Partido Comunista, nun intento de castigar os líderes do movemento obreiro e antifranquista en Ferrol.
"O movemento obreiro, con moito custo para moita xente, foi o factor principal que foi debilitando a ditadura e aí o movemento obreiro galego xogou un papel central", subliña Rafael Pillado
A celebración do 50 aniversario do 10 de marzo e do Día da Clase Obreira Galega busca, como destaca a Comisión 50 aniversario do 10 de marzo, "ir máis aló do mero exercicio de nostalxia". "Aqueles acontecementos, que tiveron a súa orixe na cidade natal do ditador e repercusión internacional, significaron un momento álxido, o máis importante na loita da clase obreira galega organizada contra a ditadura. Non foi só unha loita por un convenio colectivo, por unhas puntuais condicións salariais ou de traballo -que tamén- senón unha loita pola dignidade como cidadáns de plenos dereitos, pola liberdade, por un sistema democrático", subliña a Comisión, que chama a extraer "leccións para o presente" da loita do 72.
A Comisión, como tamén subliñaba Suso Díaz nesta entrevista, e como salientaba Rafael Pillado hai unhas semanas, fai fincapé en que "o movemento obreiro, con moito custo para moita xente, foi o factor principal que foi debilitando a ditadura e aí o movemento obreiro galego xogou un papel central".