"A unión dos traballadores fixo posible acabar coa ditadura. As cousas moi difíciles pódense conseguir se nos xuntamos"

Sari Alabau, nunha mesa de debate sobre o 10 de marzo organizada por CCOO © CCOO

Cando se fala das mobilizacións obreiras de 1972 en Ferrol e Vigo, a inmensa maioría dos protagonistas son homes. Aí están, obviamente, Amador e Daniel, asasinado pola Policía, e tamén os Riobó, Pillado, Amor Deus ou Aneiros. Pero na loita obreira e antifranquista había tamén mulleres. De feito, mesmo no xuízo aos 23 de Ferrol que tivo lugar no ano 1975 e no que o réxime buscaba castigar os responsables das mobilizacións do 10 de marzo había tres mulleres: Fina Varela, Mela a Carboeira e Sari Alabau, todas elas militantes do Partido Comunista.

"Había unha grande organización obreira nese momento en Ferrol. Na universidade estabamos moi politizados, pero aquí era a sociedade en xeral, porque había milleiros de familias que estaban vencelladas aos estaleiros"

Este xoves conmemórase un ano máis o Día da Clase Obreira Galega. Pero nesta ocasión é unha data especial, ao celebrarse o 50 aniversario da mobilización ferrolá a prol do convenio de factoría en Bazán, unhas protestas que se saldaron con dúas mortes, 40 obreiros feridos de bala, 160 despedidos e máis dun cento de detidos e ducias de encarcerados, os últimos liberados en febreiro de 1976.

Os feitos de Ferrol foron portada de xornais non só en España, senón que foron recollidos pola prensa internacional, cun grande impacto The Guardian, Le Monde ou The New York Times. Ademais, nos meses seguintes a mobilización obreira estendeuse a Vigo, que viviu unha folga xeral que durou varios días.

Falamos con Sari Alabau sobre a organización do movemento obreiro en Ferrol en 1972, sobre como viviu as protestas do 10 de marzo e os efectos que para ela tivo nos anos seguintes, detida e encarcerada na prisión provincial da Coruña. Tamén sobre o activismo silencioso e silenciado levado a cabo por moitas mulleres neses anos, que só nos últimos tempos comeza a ser recoñecido, por exemplo a través do premio concedido no 2018 polo Concello de Ferrol "ás mulleres do 72".

Alabau naceu en Valencia, pero chegou a Ferrol en 1970 e xa non se moveu da comarca. Mestra e militante comunista, desenvolveu unha imporante labor no movemento veciñal (en Santa Mariña) e nas asociacións de mulleres, chegando a formar parte do Comité Central do PCE. Na actualidade segue vencellada ao activismo social, presidindo a Asociación Ferrolana de Drogodependencias (Asfedro).

Sari Alabau en 1972 © Memoria do Cárcere

Ti chegas a Ferrol en 1970, sen coñecer a ninguén, aínda que xa previamente militabas no PCE e foras xa detida en Valencia. Como te integras no movemento antifranquista da cidade?

O primeiro contacto que teño co movemento antifranquista é a comezos de 1970 durante as folgas por Peninsular Maderera, unha noite que as mulleres se pecharon en San Xiao. Eu estaba corrixindo uns exames na miña habitación da pensión na que vivía e escoito alguén berra “liberdade” na rúa. Estaba en pixama, puxen algo por riba e baixei correndo á rúa, pero cando cheguei abaixo xa non puiden falar con elas, porque aparecera a Policía e fuxiran. A min, como me viron así vestida, non me fixeron nada e deixáronme marchar. Pouco despois xa entrei en contacto con xente do PC en Ferrol, pero nese momento aínda estabamos divididos en células que non tiñan relación unhas con outras, máis aló dos responsables políticos, para evitar caídas. Polo tanto, só coñecía ás persoas da miña célula, que dirixía Rafael Bárez.

"[O 10 de marzo] había a sensación de que a cidade estaba completamente paralizada, cunha sensación de loito, durísima, e así seguiu durante varios días"

Como era o ambiente daqueles anos en Ferrol e a organización do movemento obreiro?

Había unha grande organización nese momento en Ferrol. O PC tiña moita xente, aínda que eu daquela non coñecese a moita xente e a presenza de Comisións nos estaleiros era moi importante. A mobilización dos traballadores era cada vez maior e nas asembleas participaban habitualmente dúas mil ou tres mil persoas. Os enlaces sindicais, que aínda que foran do sindicato vertical pertencían ás Comisións Obreiras tiñan moita incidencia sobre os traballadores. Eu viña de Valencia, onde o movemento obreiro era forte, pero ao chegar a Ferrol sorprendinme, porque aquí estaba aínda máis organizado. Na universidade estabamos moi politizados, pero aquí era a sociedade en xeral, porque había milleiros de familias que estaban vencelladas aos estaleiros e outras industrias.

"O réxime era consciente da forza do movemento obreiro en Ferrol e isto preocupáballe. Ademais, tamén influía que esta fose a cidade natal do ditador e por iso mesmo todo o que pasaba aquí observábase con máis detemento, mesmo dende outros países de Europa"

Como lembras o 9 e o 10 de marzo? Como pasaches eses días?

Primeiro estivo a asemblea do 9 de marzo, na que participaron máis de catro mil persoas, os traballadores dicían 'non' de forma unánime ao convenio que acababan de asinar en Cartaxena e reivindicaron un convenio exclusivo para a factoría de Ferrol, que era máis favorable para os traballadores

Eu non fun á asemblea, obviamente, pero a través da miña célula sabía o que pasara e o que ía pasar ao día seguinte: que aos traballadores se lles ía impedir entrar na factoría e que iso ía derivar nunha folga e unha manifestación. Eu nese momento vivía en Ferrol e daba clase en Perlío. Cando me levantei, sobre as oito mirei pola fiestra e vin que moitos comercios estaban pechando en lugar de abrir. Pola rúa viñan piquetes e ao seu paso todas as tendas ían pechando. Houbo un gran movemento de solidariedade cos obreiros.

Ao longo do día participei en varias manifestacións e xa pola tarde Ferrol estaba tomado pola Policía, porque chegara a Brigada Especial de Valladolid. Había a sensación de que a cidade estaba completamente paralizada, cunha sensación de loito, durísima, e así seguiu durante varios días. Nos días seguintes íannos chegando novas de que moitos dirixentes sindicais e do partido ían sendo detidos, ían caendo un detrás de outro.

Sari Alabau, segunda pola dereita, xunto ao monumento ás vítimas do 10 de marzo, con outros dos protagonistas daqueles feitos © @borja_srt

Por que foi tan violenta a reacción da ditadura?

O réxime era consciente da forza do movemento obreiro en Ferrol e isto preocupáballe. Ademais, tamén influía que esta fose a cidade natal do ditador e por iso mesmo todo o que pasaba aquí observábase con máis detemento, mesmo dende outros países de Europa. Por iso eles actuaron con tanta dureza: querían dar un escarmento e cortar o movemento de raíz. Xa o día 9 o desaloxo da factoría foi tremendo. A xente di que non houbo mortos porque non cadrou.

"[na comisaría] veume a regra e chamei ao garda a ver se me podía traer unhas compresas. El respondeume que por favor non lle dixese esas cousas, que el era 'a autoridade' (...) minutos despois chegou a muller que limpaba a comisaría. Ela foi a que me axudou"

Co teu home acabades marchando uns días a Valencia e alí sodes detidos, non si?

Si, un día despois de que fóramos falar co Capitán Xeral para tentar interceder polos detidos, ao chegar a casa, vimos que estaba un coche da secreta diante e xa non paramos e marchamos inmediatamente. Escapamos a Rábade a casa da nosa amiga Margarita, que coñecía de Valencia, e intercambiamos o coche polo do seus seus pais. Seguimos agochados nuns días ata que marchamos a Valencia, á espera de que se tranquilizase a situación. Pero en Valencia detivéronnos e mandáronnos para Ferrol, pasando pola Porta do Sol, onde pernoctamos. Afortunadamente estivemos pouco tempo nas comisarías, que eran o lugar máis temible, porque era onde torturaban.

Na comisaría de Ferrol só pasamos unha noite, e alí non sabían que facer comigo e metéronme no cuarto dos trastos, onde durmín. Alí pasou unha anécdota curiosa, porque me veu a regra e chamei ao garda a ver se me podía traer unhas compresas. El respondeume que por favor non lle dixese esas cousas, que el era “a autoridade”. Entón, minutos despois, chegou a muller que limpaba a comisaría e díxome que lle dixeran que quería falar con ela. Nin sequera lle explicaran o motivo. Ela foi a que me axudou.

"Unha cousa boa que tivo o cárcere foi que permitiu que se coñecesen todas as persoas que loitaban contra a ditadura en Ferrol, e que ata ese momento moitas veces non sabían unhas de outras"

Despois estiveches no cárcere da Coruña. Como foi?

Estiven tres meses no cárcere da Coruña. Acusábanme de asociación ilícita, pero finalmente no proceso dos 23 absolvéronme, porque non podían probar nada. Cando cheguei ao cárcere non eramos moitas, de feito eu fun a terceira en chegar, despois de Victoria Díaz Cabanela e Mela a Carboeira, pero tiñamos moita axuda de fóra e tamén da parte dos homes, onde si eran moitos, máis de 50, e estaban moi ben organizados. Comezamos a facer traballos de alfabetización coas presas comúns e outras cousas.

Unha cousa boa que tivo o cárcere foi que permitiu que se coñecesen todas as persoas que loitaban contra a ditadura en Ferrol, e que ata ese momento moitas veces non sabían unhas de outras. Tanto os que estivemos dentro como as familias que viñan a visitar os presos. Iso si, para min tivo o agravante de que saín moi enferma de tuberculose, que foi cando me acolleron na súa casa Paco Balón e Lucía Aneiros, que fixo de enfermeira, de nai, de cociñeira, de amiga para min. Moitas e moitos dos que viviron o 10 de marzo xa non están. Claro, son 50 anos, e ademais moitísimos dos homes morreron de cancro de pulmón polo amianto.

Manifestación obreira o 10 de marzo de 1972, minutos antes dos asasinatos de Amador e Daniel © Fundación 10 de marzo

"Tamén tivemos alegrías, como o momento da saída do cárcere de Pillado, Amor Deus e Rioboo, os últimos en saír da cadea. O recibimento que se montou en Ferrol foi impresionante, con milleiros de persoas agardando por eles"

Foron anos duros, verdade?

Si, por exemplo, ao saír da cadea eu xa non puiden dar clase en colexios e tiven que ir tirando con clases particulares. Ademais, a finais do 73 queimáronnos o coche á porta da casa. Foron claramente os Guerrilleros de Cristo Rey, que eran moi activos neses anos en Ferrol, ían dando malleiras á xente de esquerdas coas súas cadeas. Afortunadamente non pasou nada, aínda que eu, que estaba embarazada, tiven unha ameaza de aborto, sangrei e tiven que gardar repouso 15 días. Pouco despois o meu home foi detido preventivamente. Iso é algo que facían moito neses anos, nos aniversarios do 10 de marzo e no Primeiro de maio. Cando naceu a nosa filla el estaba no cárcere. El coñeceuna cando tiña uns oito días.

En cambio, tamén tivemos alegrías, como o momento da saída do cárcere de Pillado, Amor Deus e Rioboo, os últimos en saír da cadea. O recibimento que se montou en Ferrol foi impresionante, con milleiros de persoas agardando por eles. Ao final cargou a Policía. Tamén foi espectacular a festa que se montou na cidade o día da legalización do PCE, en plena Semana Santa, ademais. Xa no xuízo dos 23, no verán de 1975, percibíase un ambiente moi eufórico, como dicindo "esto se cae".

"Foi tremendo como neses anos moitos homes desapareceron, porque estaban no cárcere, e as mulleres sacaron adiante os seus pequenos, traballaron, seguiron facendo activismo e algunha mesmo estudou"

Cando se fala do 10 de marzo de 1972 o foco adoita poñerse nos homes, pero as mulleres tamén loitaron moito, un traballo máis invisible e silenciado. No ano 2018 o Concello de Ferrol outorgou ás "mulleres do 72" o galardón do Día Internacional das Mulleres. Comeza a corrixirse este ocultamento?

Si, eles eran máis visibles, estaban nas fábricas, ían ás asembleas, eran detidos, pero o traballo que facían as mulleres era impresionante. Foi tremendo como neses anos moitos homes desapareceron, porque estaban no cárcere, e as mulleres sacaron adiante os seus pequenos, traballaron, seguiron facendo activismo e algunha mesmo estudou, como Fina Varela. Xa antes do 10 de marzo todos os líderes obreiros tiñan nenos pequenos e dedicaban horas e horas ao traballo e tamén á organización sindical e política. E, mentres, as mulleres ocupábanse de todo o demais. E despois está todo o activismo que facían noutros ámbitos, como organizacións veciñais, de amas de casa...

"Os anos dende o 1972 ata o 1977 foron dunha actividade feroz, entramos nas organizacións de amas de casa e alí fixemos un traballo impresionante, ata o extremo de que os dirixentes da Armada mobilizaron as mulleres dos militares para entrar e recuperar a maioría"

Ao igual que as Comisións Obreiras comezaron a empregar as estruturas da ditadura para combatela, introducíndose no Sindicato Vertical, as comunistas tamén empregastes unha estratexia semellante noutras entidades, como as asociación de amas de casa. Como foi a vosa actividade aí?

Si, a estratexia do PC era aproveitar as fendas que deixaba o réxime para ir gañando terreo, tanto nos sindicatos como noutras entidades, como as asociacións de amas de casa. Os anos dende o 1972 ata o 1977 foron dunha actividade feroz, entramos nas organizacións de amas de casa e alí fixemos un traballo impresionante, ata o extremo de que os dirixentes da Armada mobilizaron as mulleres dos militares para entrar e recuperar a maioría e mesmo amañaron unhas eleccións para que saíse elixida presidenta a súa candidata.

No interior destas asociacións traballabamos para que as mulleres conseguisen estudios primarios, loitabamos por acadar melloras salariais e por concienciar contra a suba da luz ou do pan ou xuntabámonos con mulleres para discutir outros problemas. Tamén falabamos da situación dos cárceres, máis adiante reivindicamos a amnistía... O que estaba claro é que illadas na casa non iamos conseguir nada.

Tamén impulsamos o Movemento Democrático de Mulleres, no que había moitísimas inscritas en Galicia, e onde xa comezamos a desenvolver outro tipo de accións. O ano 1975 foi declarado o primeiro Ano Internacional da Muller pola ONU e fixéronse en Madrid as primeiras xornadas pola liberación da muller e fomos unha declaración de Galicia.

"Viviamos nunha sociedade machista e todos os homes eran produto desa sociedade, tamén os de esquerda. A moitos custáballes entender certas cousas"

O machismo chegaba tamén ás organizacións de esquerda?

Si, claro, viviamos nunha sociedade machista e todos os homes eran produto desa sociedade, tamén os de esquerda. A moitos custáballes entender certas cousas e asumir algúns cambios. Pero tamén as mulleres e había moitas que nos miraban moi mal por mobilizarnos pola situación de desigualdade que existía. As mulleres eran consideradas menores de idade, non podían nin abrir unha conta bancaria sen o permiso do seu marido.

Sari Alabau, na sua casa © Memoria do Cárcere

"A unión dos traballadores fixo posible que se desen pasos tan importantes como acabar coa ditadura. A xente nova ten que coñecer isto para saber que as cousas moi difíciles, xuntándose e apoiándose mutuamente, se poden conseguir"

45 anos despois do final da ditadura, como analizas o proceso de Transición? A esquerda cedeu máis do que podería ter cedido? Ou, dada a correlación de forzas existente, era imposible unha ruptura?

Eu nese momento estaba no Comité Central do PCE, que entrara no congreso que se celebrara en Roma un ano antes. O momento no que o partido asume a monarquía e a bandeira bicolor recórdoo con bágoas nos ollos, nos meus e nos de moitos outros compañeiros. Pero Carrillo explicábanos que a correlación de forzas era a que era e que iso era necesario para poder concorrer ás eleccións.

Claro que houbo moitas cesións pola nosa banda, pero eles tamén cederon moito, porque o que pretendían era continuar coa ditadura unha vez morto Franco e nós conseguimos que non fora así. Houbo cesións sangrantes, como o feito de non poder pedir responsabilidades por todo o que sucedera na Guerra e da ditadura, pero a correlación de forzas era a que era e o Exército era como era. A outra alternativa era liarnos a tiros outra vez. Dende logo, esas primeiras eleccións de 1977 non fixeron xustiza co traballo e a loita que mantivéramos contra a ditadura, pero dous anos despois nas eleccións municipais si obtivemos uns resultados moito mellores aquí na comarca de Ferrolterra.

Eu quero ver o vaso medio cheo, porque aínda que non se conseguiu todo o que queríamos a Transición supuxo un cambio cualitativo. Os que vivimos a ditadura temos claro que iso de que calquera tempo pasado foi mellor é unha mentira.

Como cres que se debe celebrar o 50 aniversario do 10 de marzo? Que leccións se poden aprender dende o presente?

A unión dos traballadores fixo posible que se desen pasos tan importantes como acabar coa ditadura. A xente nova ten que coñecer isto para saber que as cousas moi difíciles, xuntándose e apoiándose mutuamente, se poden conseguir. Pero, en cambio, se cada un loita individualmente -que é o que trata de promover esta sociedade tan individualista- é imposible cambiar as cousas, retrocedemos. Isto é o que penso sobre o 50 aniversario do 10 de marzo, que debe servir como unha lección.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.