"En Vigo conmemórase a Reconquista, pero non a folga de 1972, que foi un fito na cidade"

Asemblea en Barreras nos anos 70 © CCOO

Vigo, setembro de 1972. Durante dúas semanas unha folga xeral paraliza a cidade e toda a comarca, nun dos paros máis importantes que viviu a ditadura franquista en todo o Estado. Participan 30 mil traballadoras e traballadores, hai asembleas en todas as empresas e as octavillas cobren todos o barrios. A policía ten que tomar a cidade para frear o movemento de protesta. Houbo centos de detidos e torturados, ao redor de máis 4 mil despedimentos (limitados a 400, primeiro e a 200, finalmente), e o movemento obreiro galego escribiu unha das súas páxinas principais, semente de boa parte das mobilizacións posteriores. Porén, esta historia non fora ata agora contada nunha longametraxe documental.

Está a piques de estrearse Vigo 1972, un filme que conta a historia daquelas semanas, a súa orixe e a súa significación histórica a través da recolla de material gráfico e documental, entrevistas a moitos e moitas das súas protagonistas e recreacións dalgúns dos feitos principais. A película, dirixida por Roi Cagiao, estrearase en outubro na cidade olívica.

"A folga de Vigo do 72 forma parte do subconsciente colectivo da sociedade viguesa e galega e constituíu, xunto co 10 de marzo ferrolán, o fito principal na loita do pobo galego polas liberdades democráticas"

"A folga de Vigo do 72 forma parte do subconsciente colectivo da sociedade viguesa e galega e constituíu, xunto co 10 de marzo ferrolán, o fito principal na loita do pobo galego polas liberdades democráticas e os dereitos sociais no tramo final da ditadura", destaca Cagiao. A folga viguesa tivo lugar en setembro, seis meses despois do asasinato de Amador e Daniel en Ferrol por parte da Policía. Xa daquela a chispa estivera a piques de prender en Vigo. "Matan a Amador e Daniel ás 9 da mañá do 10 de marzo. E ás 12 os estaleiros de Vigo están parados, en folga. E así estiveron 5 días en solidariedade con Ferrol. Con todo, non se conseguiu que a folga se estendese a Citroën, empresa máis nova na que os sindicatos tiñan menos capacidade de mobilización", explica.

En setembro, en cambio, foi precisamente na factoría automobilística onde comezou a revolta. "O día 9 houbo unha mobilización en Citroën, en demanda do descanso laboral os sábados pola tarde. Automaticamente seis traballadores foron despedidos e outros 13 recibiron carta de despedimento. Houbo unha asemblea clandestina na Madroa, e a mobilización foise estendendo polas restantes empresas: Barreras, Vulcano, Álvarez...", conta. "Aínda que a chispa foi unha mobilización laboral, había un claro fondo político de oposición á ditadura. Había unha gran organización obreira na cidade, cunha gran solidariedade, sobre todo en barrios como Teis, cunha tradición de loita dos traballadores, que viña de décadas atrás. As CCOO eran o grande aglutinador. Tamén había outras organizacións, como Galicia Socialista ou a Organización Obreira, escisión de CCOO, pequena pero moi activa", di.

"As decisións eran adoptadas por unha Intercomisión que se reunía todos os días, cos líderes de cada fábrica. Había asembleas todas as mañás en cada centro de traballo, que ratificaban ou non as decisións adoptadas pola noite. E pola tarde volvíanse ratificar nunha asemblea de ámbito da cidade. Ao final a forte presión policial fixo moi difícil a realización de asembleas. O 23 de setembro a folga remata", comenta. "Houbo centos de detidos, moitos torturados. 5 mil despedimentos, porque nun momento dado ameazouse con que quen non se reincorporase sería despedido. 200 non foron readmitidos nunca máis, mesmo se crearon listas negras e moitos tiveron que marchar da cidade. O propio movemento sindical sufriu moito, foi un golpe duro e non se recuperou ata dous anos despois", explica.

"Na folga chegaron a gastarse 200 mil folios, que eran 400 mil octavillas, producidas nun soto de Beade. E había un sistema polo cal todos os barrios da cidade eran cubertos de panfletos a primeira hora"

Cagiao destaca tamén o importante traballo de comunicación realizado durante a folga. Dado que os medios de comunicación establecidos non informaban dos paros, difundíronse de forma masiva octavillas, impresas en multicopista. O director xa tratou este asunto nun documental anterior, O meu nome é Luís Ferreirocentrado na figura do responsable de propaganda. "Na folga chegaron a gastarse 200 mil folios, que eran 400 mil octavillas, producidas nun soto de Beade. E había un sistema polo cal todos os barrios da cidade eran cubertos de panfletos a primeira hora de cada día", conta. "Os sindicatos, a pesar do control da ditadura e das dificultades da clandestinidade, tiñan unha capacidade de mobilización se cadra máis importante que a actual, seguramente porque había unha gran solidariedade entre todos os traballadores", subliña.

Cagiao lamenta a falta de coñecemento que na cidade olívica se ten sobre a folga de 1972. "Ferrol ten moito máis viva a memoria dos feitos do 72 que Vigo, e moito mellor estudados. Seguramente por ese aspecto dramáticos das mortes", di. "Meu pai foi traballador de Citroën. Para a esquerda viguesa, sobre todo no ámbito sindical, o 72 é case un mito. Se ti rascas un pouco, se falas con calquera persoa de Vigo que teña 70 anos, vaiche contar cousas sobre a folga", sinala. Porén, "hai moita xente da nosa xeración que non coñece ou feitos, ou ben que non lles dá a importancia que teñen", cando Vigo "foi o centro da loita contra a ditadura durante semanas, a policía tomou a cidade, foi noticia en toda Europa", subliña. "Aquí celébrase o aniversario da Reconquista, pero non se conmemora a folga de 1972, cando seguramente foi o feito máis importante da historia da cidade na segunda metade do século XX. Foi un fito, foi a folga xeral máis importante da historia de Galicia", conclúe.

 

Entrevistas, documentos, dramatizacións

No filme inclúense numerosas entrevistas a algúns e algunhas das protagonistas directas da folga. Entre eles Juan Bacariza e Francisco Lores, dirixentes sindicais de Citroën na época; Margarita Rodríguez e Pilar Pérez, dirixentes sindicais da empresa de cerámica Álvarez; Camilo Nogueira, cofundador de Galicia Socialista e enxeñeiro de Citroën; a avogada laboralista Elvira Landín; Carlos Barros e Carlos Núñez (PCG); Waldino Varela e Juan Benavides, dirixentes sindicais do naval; ou Rafael Pillado, dirixente sindical ferrolán.

"Hai moita xente da nosa xeración que non coñece ou feitos, ou ben que non lles dá a importancia que teñen", cando Vigo "foi o centro da loita contra a ditadura durante semanas, a policía tomou a cidade, foi noticia en toda Europa"

Tamén se incorporan fotografías da época, do Fondo Pacheco, da Fundación Penzol, da Fundación 10 de marzo, ou de fotoxornalistas pioneiras como Anna Turbau, que estivo en Vigo neses anos. Non son imaxes da propia folga, da que case non hai fotografías localizadas. "No mundo da clandestinididade, as fotos son moi escasas, porque as imaxes eran probas inculpatorias", destaca Cagiao. E, igualmente, dramatizacións dalgúns dos feitos, nas que "se busca combinar a rigorosidade do relato cun ritmo, cunha forma de contar que sexa amena", explica.

En canto á inspiración estética para a realización do documental e para o seu estilo narrativo, Cagiao cita a triloxía de La batalla de Chile (Patricio Guzmán) e o documental Harlan County (Barbara Kopple), que narra o desenvolvemento dunha folga mineira nesa vila de Kentucky. En menor medida cita filmes de ficción como La battaglia di Algeri (Guillo Pontecorvo), Z (Costa Gavras) ou a recente Infancia Clandestina (Benjamín Ávila).

Asemblea de traballadores vigueses nos anos 60 ou 70 © Fundación 10 de marzo
Para o documental realizáronse numerosas entrevistas. Na imaxe, a avogada laboralista Elvira Landín © Vigo1972
O filme inclúe varias dramatizacións © Vigo1972
O filme inclúe varias dramatizacións © Vigo1972
Entrevista a Carlos Barros © Vigo1972
Margarita Rodríguez e Pilar Pérez, dirixentes sindicais das cerámicas Álvarez nos 70. Despedidas durante a folga © Vigo1972
Juan Bacariza e Paco Lores, dirixentes obreiros en Citroën en 1972 © Vigo1972

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.