A Real Academia Galega de Belas Artes tivo en conta que José Suárez está considerado como "o fotógrafo galego máis internacional", pola súa obra etnográfica e humanista
A Real Academia Galega de Belas Artes elixe a José Suárez como o homenaxeado do Día das Artes Galegas 2026, que se celebra o 1 de abril, data na que o Mestre Mateo dirixiu a colocación dos dinteis do Pórtico da Gloria na Catedral compostelá no ano 1188.
O pleno da RAGBA tivo en conta para esta dedicación os seus numerosos méritos, como ser considerado "o fotógrafo galego máis internacional", pola súa obra etnográfica e humanista. Ademais de fotógrafo, influído polo pensamento da “Revista de Occidente” e as ideas artísticas das vangardas, Suárez foi cineasta.
José Suárez (Allariz, 1902 – A Garda, 1974) comeza facer fotos cando aproba o Bacharelato en Ourense e o seu pai lle regala unha cámara fotográfica. Licenciouse en Dereito pola Universidade de Salamanca e, a partir de aí, comeza tirar fotos das súas irmáns e a publicar algunhas reportaxes como afeccionado en Vida Gallega sobre Allariz e a súa Festa do Boi.
No ano 1936 comeza rodar o documental Mariñeiros, interrompido polo Golpe de Estado e que deixa finalmente inacabado. En 1937 exiliase na Arxentina
Tamén fotografía as terras de Salamanca, como La Alberca, Candelario, Peña de Francia… En 1932 realiza as series etnográficas da romaría de San Vitoiro (Allariz), dos oleiros (Niñodaguia), de beiramar (Rias Baixas Galegas), da malla (Paicordeiro e San Salvador dos Penedos, no concello de Allariz), os carros e as feiras. Nestas series apréciase xa a súa vinculación coa nova linguaxe das vangardas fotográficas.
No ano 1935 expón en París, na Office National Espagnol de Tourisme, e mais en Madrid. Ao ano seguinte, comeza rodar o documental Mariñeiros, interrompido polo Golpe de Estado e que deixa finalmente inacabado. Exiliase na Arxentina en 1937, alí traballa como realizador e director de fotografía de varios filmes.

No ano 1938 dirixe o filme La mujer y el jockey. Posteriormente, no ano 1942, resulta premiado pola fotografía no filme Malambo. En Buenos Aires, traballa como fotógrafo no xornal La Prensa.
Vivirá en Uruguai desde 1950, onde rexenta a libraría El yelmo de Mambrino. En 1956 viaxa a Xapón de correspondente de prensa. Alí namora da cultura nipona e do Teatro Noh, e coñece ao director de cine Akira Kurosawa, co que mantivo unha boa amizade.
Neste tempo colabora coas revistas Life, US Camara, Vida gallega, Galicia emigrante, Atalaya, Ahora e Cinegraf, entre outras. No ano 1959 regresa a España, edita un libro sobre La Mancha e outro sobre o mundo das touradas para unha editorial inglesa.
José Suárez "fixo da foto unha linguaxe de creación, aínda que non lle gustaba chamarlle arte. Para el a fotografía foi un xeito de explicar e transformar a realidade, de expresala a través da súa linguaxe", asegura o seu sobriño Xosé Luis Suárez Canal
José Suárez nunca foi un fotógrafo costumista ao que lle interesase o bucólico, senón que, como apuntaba o seu sobriño Xosé Luis Suárez Canal para este artigo con motivo da mostra Uns ollos vivos que pensan na Cidade da Cultura, "fixo da foto unha linguaxe de creación, aínda que non lle gustaba chamarlle arte. Para el a fotografía foi un xeito de explicar e transformar a realidade, de expresala a través da súa linguaxe. Por iso é, realmente, un autor", que ademais "introduce no seu estilo a linguaxe propia das vangardas".
O allarizao colaborou con outros artistas como Carlos Velo, Luís Seoane, Ramón Pérez de Ayala, Nuñez Búa, Luis Tobío, Eduardo Blanco Amor e Otero Pedrayo, entre outros. Desde o ano 1971 participou nas tertulias do hotel Miño de Ourense, onde compartiu seráns con Carlos Casares e o grupo dos "artistiñas".
Recentemente, o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid adquiriu 15 obras de José Suárez para integralas na súa colección permanente de fotografía.