O plan das Tanxugueiras para o seu novo disco: volver facer historia no Coliseum da Coruña

Imaxe promocional das Tanxugueiras para o seu cuarto disco © Raúl Béjar / Santa Mónica Films

🟪🟧🟦 EN VINTE - PODCAST | 🔊 Vinte de foliada

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro presentarán o vindeiro outubro 'O Cuarto' no seu único concerto en Galicia este ano, que servirá tamén para celebrar o décimo aniversario do grupo 

En decembro de 2023 as Tanxugueiras fixeron historia: convertéronse "no primeiro grupo galegofalante que penduraba o cartel de non hai billetes" no Coliseum da Coruña. Ante case 9.000 persoas despediron a xira de Diluvio, o disco que disparou o seu éxito.

O vindeiro 17 de outubro o trío formado por Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro buscará volver facer historia no mesmo recinto. Procurarán volver encher o emblemático recinto coruñés para o que presentan como "un concerto único e exclusivo": a "única oportunidade de ver o grupo en Galicia en 2026" e, ademais, para estrear ao vivo o seu novo disco, O Cuarto.

Dende as 12 da mañá deste 4 de marzo estarán á venda no portal Ataquilla e mais na billeteira física da coruñesa Praza de Ourense as entradas para un concerto que será, asemade, a celebración da primeira década de traxectoriai das Tanxugueiras. O novo disco -que, avanzan, será publicado "moito antes"- está producido pola banda canda a Iago Pico e Gabi Fernández e, resaltan, vai "reflectir a evolución artística" do grupo "cara a unha proposta máis madura", ademais de "reafirmar o seu compromiso coa lingua e o folclore galegos, piares esenciais da súa identidade".

Este 4 de marzo saen á venda as entradas para o que as Tanxugueiras queren que sexa "un reencontro cheo de significado" en torno ao seu novo traballo, unha "proposta máis madura" que "reafirma o seu compromiso coa lingua e o folclore galegos"

A vontade das Tanxugueiras é que a cita do Coliseum sexa "moito máis ca un concerto", "unha noite concibida para compartir, emocionarse e conmemorar dez anos de historia, ademais de marcar o comezo dunha nova etapa para o trío que revolucionou a música galega". Queren, destacan, convertelo nun "reencontro cheo de significado: un momento musical, cultural e comunitario de máxima intensidade co seu público máis fiel e con todas aquelas persoas que se foron sumando ao longo destes anos".

O Concello da Coruña celebra este concerto que, lembra, chega tras o do mesmo recinto en 2023 e, asemade, despois do igualmente "histórico concerto" no Festival Noroeste do 2022. Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura, encadra o concerto do 17 de outubro na "iniciativa da nosa alcaldesa por potenciar e dar maior visibilidade á cultura e á música galegas", o que "nos levou a dar espazo de calidade a artistas do potencial das Tanxugueiras".

Concerto das Tanxugueiras nun ateigado Coliseum da Coruña o 16 de decembro de 2023

🟪🟧🟦 EN VINTE (2022) | Tanxugueiras en Vigo. Así arrincou a xira das pandeireteiras con máis hype da historia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.