"Queremos demostrar que a nosa música tradicional pode ter a mesma proxección que calquera outra"

As Tanxugueiras, Aida Tarrío, Olaia Maneiro e Sabela Maneiro © Rocío Cibes

Tanxugueiras compiten no Benidorm Fest con 'Terra', co que poden subir ao escenario de Eurovisión. Sabela Maneiro fálanos da nova sonoridade na que están a traballar para o terceiro disco

As Tanxugueiras pechan 2021 como candidatas na preselección para representar a RTVE no festival de Eurovisión. Este ano complicado a causa da pandemia, Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro continuaron coa xira do seu disco Contrapunto e presentaron dous novos temas, Midas e Figa, que anticipan un novo camiño na súa música, que seguirá pegada á terra e empregando o galego como lingua de transmisión. Sabela Maneiro cóntanos como viviron os días previos á presentación da canción coa que participan no Benidorm Fest, Terra

De montar un grupo para ir ás foliadas a estar na carreira eurovisiva, como se vive iso?

Pois a verdade é que foi algo inesperado todo o que nos leva pasado con Tanxugueiras. Leva moito traballo e moito esforzo, pero como o pasamos tan ben e o seguimos a pasar tan ben... É como cando che pasa algo moi bo na vida e parece que o estás a ver como desde a barreira, en terceira persoa, e ti non estás aí. Vivimos as cousas con moitísima ilusión porque ás tres nos ilusiona moito o noso traballo e todo o apoio que temos, non só co do Benidorm Fest, senón con todo. Hai xente que leva aí desde o minuto un, e ese orgullo de pobo que se está a crear para nós é un soño feito realidade xa. Todo o que veña é regalado.

'Terra', o tema co que Tanxugueiras competirán no Benidorm Fest © Tanxugueiras

"Que a nós nos vexan como ese referente musical, de irmandade e sororidade, é moi bonito"

Agora que semella máis difícil enganchar a xente nova á música tradicional, vós conectades ben coa mocidade, non si?

Si, creo que a nosa naturalidade e que aparentamos moito máis nenas do que somos xoga ao noso favor. Téñennos como un referente máis próximo. Ademais, facemos un tipo de música que lles chega a eles e a elas. E, a verdade, é todo un orgullo que che veñan a dicir que empezan a tocar a pandeireta ou a falar galego porque xa non o ven tan tabú. Ao final, Tanxugueiras creouse en parte para iso, para normalizar un pouco todo e estarmos orgullosas do noso. Nós sempre dicimos que o noso é noso, e se non o defendemos nós non o vai defender ninguén. Inculcarlle isto aos nenos e nenas, e que sexan partícipes, é moi bonito. Sempre insistimos en que nós somos o vínculo, pero que isto o estamos a crear entre todos, desde o pobo. Sen eles e sen elas, que nos escoitan, non seríamos nada. Xa somos como unha familia grande.

Sodes o grupo que vos gustaría ter como referente de nenas?

Pois a verdade é que si, porque nós levamos escoitando música tradicional moito tempo. Para nós as nosas referentes son Leilía, Mercedes Peón... E, de repente, que a nós nos vexan como ese referente musical, de irmandade e sororidade, é moi bonito. Poder deixar ese gran de area para que veñan outras furando un pouco máis dá vertixe porque, ao final, tes que ter moito coidado coas mensaxes que transmites. Nós queremos, ante todo, que as nenas se sintan libres e que haxa unha sororidade entre todas; que haxa un orgullo de pobo coa lingua, a tradición e a cultura. Claro, realmente nós non nos cremos referentes para ninguén porque somos tres persoas que tampouco estamos facendo nada fóra do que xa se fixo, seguimos furando un pouquiños máis, pero somos conscientes da responsabilidade que temos, sobre todo, cara ás máis novas e os maís novos.

"A música de raíz é a música do pobo e toca o corazón porque é terra"

Presentades un tema como proposta para Eurovisión que se chama Terra, do que non podedes revelar nada, pero que suporía todo un golpe de efecto despois da experiencia falida do Xirarei de Xil Ríos nos oitenta.

Si, somos conscientes de que o mundo está a mudar e que estamos nun momento óptimo. Lévase feito un gran traballo con todas as agrupacións e asociacións e hai unha canteira moi boa. Nós só estamos no momento axeitado e cremos que a forma de pensar da xente está a mudar. Que esta acollida tan grande no sexa só a nivel Galicia, senón de todo Estado e incluso a nivel europeo é unha pasada. É un puntazo porque hai moita xente en Europa que xa non ía entender o español, pero gústalles a nosa sonoridade e desfrutan escoitando a nosa música. O galego existe, é unha lingua máis entre as cooficiais do Estado español, e que por unha vez na vida comecemos a facer esa irmandade entre linguas para nós é súper bonito.

As Tanxugueiras no peche da xira de 'Contrapunto' no Culturgal en Pontevedra © Rocío Cibes

En Eurovisión xa se ven manifestando ese ′boom′ das músicas tradicionais, nesa liña o voso proxecto encaixa moi ben.

Si. En España a música que se escoita é máis latina, pero non ten nada que ver coa música que se escoita a nivel europeo. Pero a verdade é que, a pesar disto, notamos ese cambio de músicas de raíz aquí. Non nos podemos esquecer de que a música de raíz é a música do pobo e leva moitos moitos moitos anos aí, e toca o corazón porque é terra e son as nosas raíces. Son melodías cunha sonoridade que enche o corazón e non sabes por que. Entón, é moi fácil chegar coas músicas de raíz. Cando imos por aí e falamos con outros músicos que tamén fan estas músicas, vemos que temos todos un vínculo común: estamos orgullosos da nosa terra.

"Estamos creando unha comunidade na que temos que apoiarnos todos e querernos"

Védesvos en Eurovisión?

Nós vémonos en tódolos palcos habidos e por haber. Cremos moitísimo no noso proxecto e en todas as persoas que traballan con nós. Entón, vémonos en todos os palcos, grandes e pequenos, cando en galego a música tradicional. Nada é imposible.

De feito, é grazas ao público que apostou por vós que estamos hoxe falando de Eurovisión, erades conscientes de todo ese apoio?

Eramos conscientes deses apoio, porque así nolo transmitían, pero non sabiamos que era tanto. Estamos súper contentas, a xente é súper amable con nós, dános unha forza brutal. Os anos que vivamos neste mundo non chegarán as palabras de agradecemento para toda esa xente que nos manda mensaxes de ánimo, de orgullo, de que nos queren sen coñecernos... Simplemente, notamos que a comunidade que estamos creando nas redes sociais é familia. Sen eles e elas está claro que non chegaríamos ao Benidorm Fest nin a encher a fin de xira na Culturgal ou a Capitol. Alí onde imos véndense as entradas e iso é grazas a que hai un vínculo enorme. Do pouco contacto que podemos ter con elas e eles, facémolos partícipes do que nos está a pasar. Estamos creando unha comunidade na que temos que apoiarnos todos e querernos; é unha comunidade na que o vínculo é o galego e a nosa cultura. Despois está esa xente de fóra de Galicia que ten moito cariño por nós, toda esa xente que usa linguas cooficiais e se sente partícipe de todo o que está a pasar. Non podemos estar máis orgullosas da familia Tanxugueiras.

"Terra' é un tema cunha sonoridade moi Tanxugueiras"

Acabades de rematar a xira de Contrapunto na Culturgal, foi o peche dun capítulo para abrir outro completamente novo?

Si, pero máis que un peche é a celebración de algo moi bonito, a pesar da pandemia. Foron dous anos complicados, pero Contrapunto trouxo cousas marabillosas. Queriamos facerlle unha homenaxe a ese disco que fixemos con tanto agarimo e demostrar o que vai vir. Non deixamos de saber quen somos nin de estar pegadas á terra. O concerto da Culturgal non foi noso, foi para toda a xente que veu.

Estades xa artellando un terceiro disco?

Si, pero este disco vai ir saíndo con singles, como Midas e Figa. Estamos traballando moito para atopar esa sonoridade e facer algo bonito e para demostrar que a nosa música tradicional pode estar en todos os palcos. Queremos demostrar que a nosa música tradicional pode ter a mesma proxección que calquera tipo de música cantada.

O tema que pode ir a Eurovisión, Terra, ía formar parte do disco novo?

Terra é un tema cunha sonoridade moi Tanxugueiras, a que nos caracteriza. Tiñámolo na cabeza dende hai moito tempo, pero aínda non o gravaramos nin nada. Queriamos que toda esa forza e ese sentimento que tiñamos con Tanxugueiras estivese reflexada neste tema, e que todo o mundo poida desfrutar diso tan bonito que tiñamos no noso corazón. No momento no que o poñamos nas plataformas dixitais deixa de ser noso para ser do pobo.

Sodes seguidoras do festival de Eurovisión?

Aquí podo falar desde o persoal, por min e por Olaia porque somos irmás. Si que viamos Eurovisión de nenas porque ademais era o noso aniversario pouco despois e era como a preparación da celebración, tamén eran datas próximas ás vacacións de verán. Despois si que tivemos unha desvinculación co festival, pero sempre me chamou bastante a atención o certame, iso de xuntar a Europa enteira para mostrar as músicas de cada país. Lembro o colorido que era todo e o que se creaba nese escenario: a escenografía e as luces. Sempre recordaremos o ano de Rosa porque tamén foi o primeiro Operación Triunfo, e tamén o ano do Chikilicuatre, Ruth Lorenzo ou Lucía Pérez.

Entón, foi unha sorpresa gañar a enquisa na que os eurofans escollían favoritas para concorrer ao festival?

Si, non estabamos metidas nese mundo. O mellor é que a xente apostou por Tanxugueiras sen que nós nos apuntásemos en ningún sitio. Foi todo un agasallo.

Foi un agasallo maior no contexto da pandemia?

Pois si, porque a verdade é que cando pasou todo isto da COVID podías enfadarte moito ou acougar e coller as cousas con calma. Foi moi negativo para moita xente e para moitas cousas, pero positivo no sentido de que nos permitiu mirar cara a onde ir. Isto é unha profesión máis, igual que ser fontaneiro ou electricista. Igual outras profesións non teñen tantas expectativas, pero non despegamos os pés do chan. Somos moi conscientes do que somos e de quen somos. E temos moi claro que sen esforzo non hai recompensa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.