360 curvas: 'As Movidas' da Fonsagrada como exemplo de loita da Galicia rural

A loita veciñal da Fonsagrada é a protagonista de '360 curvas' © 360 Curvas

360 curvas recupera as loitas veciñais de comezos dos 90 na Fonsagrada coñecidas como As Movidas, que incluíron concentracións, peches, folgas xerais e mesmo unha gran manifestación en Santiago ante a sede da Xunta

Entre Lugo e A Fonsagrada hai 360 curvas. Unha estreita e revirada estrada que sobe cara á montaña e que marca un lugar marcado polo devalo poboacional que a comezos dos anos 90 decidiu loitar pola súa supervivencia. Foron as protestas veciñais coñecidas como 'As Movidas', unha loita pioneira contra a desaparición do mundo rural e que reclamaba mellores servizos e comunicacións. As Movidas da Fonsagrada incluíron concentracións, peches, folgas xerais e mesmo unha gran manifestación en Santiago ante a sede da Xunta.

Agora un documental, titulado precisamente 360 curvas, recupera esa memoria valéndose de imaxes de arquivo e de testemuños dos e das protagonistas, nunha longametraxe que se converte nunha metáfora "do abandono e da resistencia do rural galego, evocando tamén as súas conexións co presente", destacan os seus responsables, Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández.

O documental de Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández recupera esa memoria valéndose de imaxes de arquivo e de testemuños dos e das protagonistas

A película estréase este mes de novembro en tres citas: o 20 de novembro poderase ver no Festival Internacional de Cine de Xixón (FICX), na sección Esbilla. E o 23 de novembro no Cineuropa de Santiago e no Cormorán Film Fest da Coruña.

Ariadna Silva Fernández e Alejandro Gándara Porteiro explican que o proxecto naceu "da vontade de entender o territorio e as súas memorias compartidas", combinando "as súas miradas documentais e poéticas nunha codirección que aposta pola emoción, o arquivo e a proximidade". 

A película estréase en tres citas: o 20 de novembro poderase ver no Festival Internacional de Cine de Xixón (FICX), na sección Esbilla. E o 23 de novembro no Cineuropa de Santiago e no Cormorán Film Fest da Coruña

A idea orixinal de 360 Curvas xorde de Adrián Méndez, Manuel Lucas, Alejandro Gándara e Ariadna Silva Fernández, cun equipo encabezado na produción executiva por Xacio Baño e Tamara Canosa, e coa xefatura de produción de Adrián Méndez. Producido por Rebordelos con distribución de La Machina. O filme conta cun rico arquivo do fotógrafo Manuel Fernández, imaxes que se amosan por primeira vez.

 O proxecto conta con apoio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e a área de Cultura da Deputación de Lugo.

Vídeos de arquivo da loita veciñal dos anos 90, coñecida como 'As Movidas', son a base de '360 curvas' © 360 Curvas

O traballo de Ariadna Silva Fernández (A Estrada, 1996) combina a creación audiovisual e fotográfica cunha mirada crítica e sensible sobre temas como a desmemoria, a identidade e o territorio. Recibiu o Premio Contemporánea no Festival Intersección pola peza Friccións (2023) e o Premio CREA á mellor dirección de curta documental por O intruso (2022). A súa primeira obra, Cartografía do esquecemento (2020), foi seleccionada en festivais como Cans, Curtocircuíto ou Play-Doc.

Pola súa banda, Alejandro Gándara Porteiro (Baio, 1993) é graduado en Xornalismo pola USC e máster en Produción Executiva Audiovisual (MPXA) pola UDC. É produtor e codirector de Dorothé na Vila, finalista nos Premios Mestre Mateo, e codirector da serie documental De 20 a 20 para TVG. Desde 2024 coordina os Premios Fouciño, certame da Costa da Morte que promove o cinema nos centros educativos e a creación en galego.

'360 curvas' está dirixido por Ariadna Silva Fernández e Alejandro Gándara Porteiro © 360 Curvas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.