Os festivais de cine están a concentrarse no outono debido ao adiamento de boa parte deles ao que obrigou a pandemia do coronavirus. O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu -FICBueu- presenta o sábado 12 e domingo 13 de setembro na súa sección Galicia R os filmes ‘Xoves de comadres’, de Noemí Chantada; ‘Carne’, de Kamila Kater; ‘Todo el mundo se parece de lejos’, de Rafa de los Arcos; ‘Beyond the glacier’, de David Rodríguez Muñiz e ‘Onde dormen as gaivotas’, de Dani Cornes.
Catro delas: ‘Xoves de comadres’, ‘Carne’, ‘Onde dormen as gaivotas’ e ‘Beyond the glacier’ forman parte tamén da programación do Festival Internacional de Curtas Vía XIV de Verín, que remata o domingo 13. Do 15 ao 20 deste mesmo mes celébrase en Vigo o festival Primavera do Cine, que proxectará algunhas curtas galegas que xa pasaron polo Festival de Cans, polo OUFF ou polo Curtas Armadiña. Un ollar ás curtas galegas destes tres festivais debuxa un panorama de estéticas, formulacións e mesmo calidades moi diferentes con algunhas conexións temáticas como a perspectiva de xénero ou a mirada ecoloxista.
‘Xoves de comadres’ e ‘Eco’
‘Xoves de comadres’ segue o seu percorrido polos festivais galegos despois de pasar pola Mostra de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego e de gañar catro galardóns no Festival de Cans: mellor curtametraxe de ficción, mellor guión, premio do xurado dos veciños á mellor curtametraxe en imaxe real e premio do público á mellor curta de ficción. Nela, unha muller maior doída pola soedade -pola escasa presenza na súa vida da súa familia- protéxese cunha coiraza de desapego ao mundo. Mais outra muller máis nova que vai visitala teimará en conseguir que olle a realidade desde outra perspectiva. ‘Xoves de comadres’ forma parte da programación do Festival Via XIV de Verín e do FICBueu.
A protagonista de ‘Xoves de comadres’, Aurora, sofre un principio de alzhéimer. A mesma enfermidade e un conflito moi semellante -a soidade, a perda de quen foi- definen tamén a Carmen, a personaxe principal de ‘Eco’, de Aitor de Miguel
A protagonista de ‘Xoves de comadres’, Aurora, sofre un principio de alzhéimer. A mesma enfermidade e un conflito moi semellante -a soedade, a perda de quen foi- definen tamén a Carmen, a personaxe principal de ‘Eco’, de Aitor de Miguel, outra das curtas seleccionadas na sección A Raia -dedicada ao cinema galego e portugués- do festival de Verín. ‘Eco’ trata este tema desde unha mestura da ficción realista coa de misterio pois, ao tempo que se esforza por recuperar a súa memoria e afronta o traslado da súa casa a unha residencia á que non desexa ir, Carmen vive unha inquietante conexión cunha parte do seu pasado.
‘Onde dormen as gaivotas’ e ‘Beyond the glacier’
Elementos de fantasía, mais neste caso futurista, ten tamén ‘Onde dormen as gaivotas’, de Dani Cornes, outra das curtas seleccionadas tanto polo Festival de Bueu como polo de Verín. Nun futuro de transformación da atmosfera da Terra polo efecto do quecemento global, unha bióloga, Amelia, chega a un arquipélago remoto -as illas Cíes, en realidade- coa misión de realizar unhas medicións. A súa única conexión co mundo do que provén é a voz de Control no seu ouvido, da que, a medida que avanza na descuberta daquel lugar, vai sentíndose cada vez máis lonxe. Porque moitas cousas das que se dan por supostas non lle encaixan.
Elementos de fantasía, mais neste caso futurista, ten tamén ‘Onde dormen as gaivotas’, de Dani Cornes, outra das curtas seleccionadas tanto polo Festival de Bueu como polo de Verín
No festival de Bueu poderá verse outra curta de idéntico compromiso ambiental e dunha calidade técnica, coma ‘Onde dormen as gaivotas’, moi salientable. ‘Beyond the Glacier’, de David Rodríguez Muñiz, que mostra un grande traballo de fotografía e que fora estreado na Seminci de Valladolid, reflexiona sobre a mudanza nas relacións humanas co medio natural e o seu futuro a consecuencia da fundición de glaciares en Asia central. O conflito entre varios países polo control da auga e a preferencia por unhas actividades económicas sobre as outras alteran o medio e a conexión das persoas co mesmo. ‘Beyond the glacier’ estivo tamén en Verín, na sección Horizontes.
‘O que medra por dentro’ e ‘Cartografía do esquecemento’
A reivindicación ecoloxista é tamén a cerna de ‘O que medra por dentro’, de Nacho Ozores, que o ano pasado estivera no Festival de Cans e no OUFF de Ourense e este ano forma parte da programación do festival Primavera do Cine. Un mozo activista planta árbores no bosque que ama. Un día atopa un artefacto incendiario. E estará disposto a facer o que sexa para evitar que se cause dano á natureza. Unha emoción transfórmase, no seu interior, noutra de igual forza mais de consecuencias imprevistas.
Tras pasar polo Festival de Cans, ‘Cartografía do esquecemento’, de Ariadna Silva, formou parte tamén da programación do Festival de Verín. Imaxes de incendios, eólicos e árbores cortadas serven, xunto con textos de ‘En las orillas del Sar’ de Rosalía de Castro, para propoñer unha reflexión sobre a desaparición do bosque autóctono galego e o seu impacto na memoria e na identidade colectivas. O eucalipto substitúe os carballos ou os castiñeiros mentres os diálogos sobre o lume que todo o arrasa se impoñen na fraga que fora territorio sagrado e lugar de conexión co alén.
‘Carne’ e ‘Mare’
Mentres segue o seu periplo de recoñecementos internacionais -perto de corenta premios-, ‘Carne’, de Camila Kater, producida por Abano Producións, da galega Chelo Loureiro, e por Doctela, poderá verse no Festival de Bueu tras pasar polo de Verín
Mentres segue o seu periplo de recoñecementos internacionais -perto de corenta premios-, ‘Carne’, de Camila Kater, producida por Abano Producións, da galega Chelo Loureiro, e por Doctela, poderá verse no Festival de Bueu tras pasar polo de Verín. Cinco mulleres comparten as súas experiencias en relación cun corpo que nunca parecía ser como a norma social heteropatriarcal mandaba. Feita a través de relatos íntimos presentados a través de voces en off, conta ademais estas historias a través de varias técnicas distintas: pintura, stop motion, película en 35 milímetros ou descomposición de imaxe virtual, conseguindo un resultado moi eficaz na súa formulación discursiva e de moi grande beleza visual.
Polo corpo feminino pasa tamén ‘Mare’, de Guille Vázquez, que estivo no último Festival de Cans e poderá verse en Primavera do Cine. O ‘Mare’ é un íncubo, un demo ao que a lenda medieval atribuía a parálise do sono, pois supoñíase que entraba dentro do corpo da muller e a violaba. Nesta curta, unha moza busca pola casa a alguén que lle entrou nela. Con feitura de filme de misterio ou mesmo de terror, ‘Mare’ percorre un mundo onírico cheo de imaxes inquietantes que suxiren un corpo preso, atrapado. No dossier da película, o director explica que o punto de partida foi a narcolepsia que a súa nai padece.
‘16 de decembro’ e ‘Homomaquia’
Álvaro Gago volveu este ano a Cans e estará no Primavera do Cine con ‘16 de decembro’, a súa curta estreada no Festival de Locarno que leva xa un tempo colleitando recoñecementos en diferentes mostras internacionais. Lucía, unha moza deportista, (Cris Iglesias), atravesa coa súa moto unha paisaxe urbana que cre coñecer ben para ir buscar, por encargo da súa nai, o seu irmán pequeno. Mais ten a mala sorte de topar cun grupo de mozos que non están dispostos a permitir que unha muller se apoña ao acoso ao que consideran ter dereito. ‘16 de decembro’ é unha curta sobre unha das moitas formas de violencia de xénero vixentes nunha sociedade que podería parecer que deixara atrás certos comportamentos.
Álvaro Gago volveu este ano a Cans e estará no Primavera do Cine con ‘16 de decembro’, a súa curta estreada no Festival de Locarno
E cos roles de xénero ten moito que ver por outra banda, igual ca ‘Carne, ‘Homomaquia’, de David Fidalgo, que estará tamén no Primavera do Cine tras un percorrido tamén moi exitoso polos festivais internacionais. ‘Homomaquia’ é unha historia de maltrato animal na que son os humanos os cousificados, perseguidos, capturados e explotados por uns seres que, coma eles, están despoxados de linguaxe, de racionalidade e mesmo de identidade. Só que os humanos conservan a capacidade para os afectos e para a empatía, ademais da arela de verse libres. E, ao lado da tortura animal, agroma a masculinidade tóxica. Sométese aos animais. E ás mulleres.
El jefe’ e ‘Na memoria da túa esposa’
O festival de Verín incluíu tamén -na sección Horizontes- a curta ‘Perrunillas’, de Dena Parra, na que hai tamén unha ausencia e un achegamento ao rural, mais contado en sentido contrario a ‘Na memoria da túa esposa’
Desde unha perspectiva de xénero están concibidas tamén ‘El jefe’, de Ozo Perozo e Fernando Tato, e ‘Na memoria da túa esposa’, de Cristina Yáñez. A primeira estivo en Cans, aínda que fóra de concurso, e pasará agora polo Primavera de Cine, mentres que a segunda formou parte da sección ‘Novas Camadas’ de Cans e estará tamén no Primavera do Cine. En ‘El jefe’, Félix e Rosa chegan ao seu primeiro día de traballo sen saber que compiten -aínda- polo mesmo posto. Desencadéase, así, entre eles, un enfrontamento verbal de tensión crecente no que van agromando moitas miserias. E na que o machismo del non tarda en saír. Trátase dunha curta divertida, de ritmo áxil, toda unha mostra de como os discursos machistas poden fluír con toda a naturalidade nun mundo laboral dominado por homes que non crían os seus fillos.
‘Na memoria da túa esposa’ podería ser, coma ‘Xoves de comadres’ e ‘Eco’, un retrato da soidade. Pero, igual ca estes dous filmes, vai máis alá. Adela -Mela Casal- é unha muller maior que perdeu aquilo ao que dedicara a súa vida: a súa familia. A súa rutina, na súa aldea, quedou reducida a ficar soa na casa, en silencio, e a visitar o cemiterio ou ir á igrexa, mantendo os roles que sempre desempeñara e nos que fora educada. Non sabe ser se non é para os demais. Mais un día faise consciente da súa situación e colapsa emocionalmente.
‘Perrunillas’ e ‘Brotar’
O festival de Verín incluíu na sección Horizontes a curta ‘Perrunillas’, de Dena Parra, na que hai tamén o que semella unha ausencia -a avoa que marchou da aldea- e un achegamento ao rural, mais contado en sentido contrario a ‘Na memoria da túa esposa’. Porque é a neta a que volve á aldea despoboada e, a través de algo que a avoa lle ensinara a facer, conecta co seu afecto e co relato de como fora a súa vida e de como todo se fora transformando desde a súa mocidade.
Idéntica homenaxe á figura da avoa e aos lazos que con ela unen ás netas pode albiscarse en ‘Brotar’, de Montse Piñeiro e Rubén Abad, outra das curtas do Primavera de Cine. Mirta ten os ollos cheos de peixes. E as mans inzadas de flores. Cando algunha queda murcha, ela gárdaa con todo o coidado. Agóchaa entre as páxinas dos libros. Porque sabe que segue a ter valor. A curta foi realizada coa técnica stop-motion a partir de obxectos de cerámica feitos por Piñeiro e da produción de espazos sonoros e musicais por parte de Abad. ‘Brotar’ ten unha estética que evoca as primeiras décadas do século XX, con transicións de cine mudo.
‘Filucha de Taramancos’ e ‘Marusía’
Na sección A Raia inclúe tamén o festival de Verín ‘Filucha de Taramancos’, de Santiago Teijelo, que gañara o premio Xohana Torres na modalidade audiovisual. Un relato en primeira persoa dunha muller que se dedicara toda a vida a mariscar e que conta como era e como se transformou un oficio feminizado do que, moitas veces, non se comprenden as súas características. Filucha fala da dureza dun traballo físico non sempre recoñecida mais tamén da solidariedade entre as compañeiras ou de como as cousas melloraron para as mariscadoras máis novas.
Na sección A Raia inclúe tamén o festival de Verín ‘Filucha de Taramancos’, de Santiago Teijelo, que gañara o premio Xohana Torres na modalidade audiovisual
Do mundo do traballo, aínda que desde unha perspectiva de ficción e non documental, fala tamén ‘Marusía’, de Pedro Sancho, outro dos filmes da programación do Primavera do Cine. ‘Marusía’ partiu dun feito real: as protestas -nas que participaron máis de 40 colectivos- pola instalación do barco ‘Bernardo Alfageme’ nunha rotonda do barrio de Coia, en Vigo. Juan e Pedro, os protagonistas da curta, son dous pobres homes que planifican unha acción sen moito sentido para, polo menos, quedar contentos ante a inxustiza que perciben, despois de verse afectados polos despedimentos no sector industrial.
‘Unidade veciñal’ e ‘Una película hecha de’
Uns nenos ignoran a tele no salón. Un home fai pesas. Unha muller está co seu can. Nada especial pode acontecer, mais que a vida que pasa, en ‘Unidade veciñal’, de Tono Mejuto, retrato sobre a paisaxe humana que habita un edificio de vivenda social do Barrio das Flores da Coruña que podería ser, tamén, o retrato da clase social que representa a maioría da sociedade. A curta forma parte dun proxecto máis amplo que inclúe un fotolibro. Filmada en 16 mm, a película percorre distintas estancias deste grupo de vivendas, promovido pola Obra Sindical do Fogar nos anos 60, ata chegar á cuberta, desde a que se ve anoitecer… ‘Unidade veciñal’ estivo en Verín e estará tamén no Play-Doc e no S(8).
‘Unidade veciñal’ puido verse en Verín e estará tamén no Play-Doc e no S(8)
O retrato urbano é tamén un dos piares de ‘Una película hecha de’, de Malena Solarz e Nicolás Zukerfeld, unha curta que pasou polo Festival Internacional de Cine Mar del Plata. Coa canción ‘There’s too much on my mind’ de The Kinks como fío condutor, un director galego pasea por Vigo, iluminado coas luces de Nadal, mentres pensa posibles puntos de partida para unha película. Unha curta sobre o feito de facer unha curta, sobre ideas que veñen e van, imposibles de levar ao cinema convencional, e que coma ‘Unidade veciñal’ evoca diferentes momentos da historia das últimas décadas. Ángel Santos -na voz en off, xunto con Malena Zuckerfel- e Jaime Pena forman parte do equipo da película. ‘Una película hecha de’ forma parte da programación do Primavera de Cine.
‘Todo el mundo se parece de lejos’ e ‘Hoop’
Unha moza volve para a casa da nai, no barrio onde se criou, desorientada despois dunha perda que aínda non é quen de aceptar. Hai tristeza e desacougo nos seus ollos, na súa expresión. O seu estado de ánimo leva, tamén, a algún desencontro coas persoas que quere. Unhas, por invasivas. Outras, por aparentemente terse desprendido, tan rápido, dun vínculo que ela aínda non é quen de romper. Malia todo, ela tira para adiante. Non disposta a quedar varada. Así e ‘Todo el mundo se parece de lejos’, a curta de Rafael de los Arcos, estreada na Seminci de Valladolid, que puido verse en Cans e forma parte tamén da programación do FICBueu.
A curta de animación ‘Hoop’, de Yvonne López Gaus, que estará no Primavera de Cine, céntrase tamén nas transicións vitais e no camiño a aprender para seguir tirando para adiante malia as dificultades
A curta de animación ‘Hoop’, de Yvonne López Gaus, que estará no Primavera de Cine, céntrase tamén nas transicións vitais e no camiño a aprender para seguir tirando para adiante malia as dificultades. O protagonista é Bulb, un personaxe que causa empatía desde o primeiro momento. A calidade da curta é, como no caso de ‘Todo el mundo se parece de lejos’ moi salientable desde o punto de vista técnico. A base é o stop motion, con vídeo, animación dixital 2D e efectos especiais en posprodución. Bulb pérdese, magóase, cae, aparece en sitios para el descoñecidos, e segue sempre camiñando. Perde a luz e continúa a buscala.
Badaladas de amor e morte’ e ‘Quen son?’
No Primavera do Cine estarán tamén ‘Badaladas de amor e morte’, que pasou por Cans, e ‘Quen son?’, dúas curtas moi diferentes entre si mais cun semellante fondo existencial. A relación humana coa morte -o medo á mesma, así como a súa certeza- é o tema principal de ‘Badaladas de amor e morte’ de Iria Ares, unha curta feita a partir do texto homónimo de Roberto Vidal Bolaño e que conta coa voz de Manuel Lourenzo. Nela, unha muller desesperada pola dor do mal que está a devorar o seu corpo pídelle calmantes ao home co que vive. Unha enfermidade parece estar levando aos habitantes da aldea e a muller non atura máis: desexa saber cando será a súa hora. Non porque arele a morte, que agarda no monte, senón porque precisa liberarse da dor. Mais na súa procura atopará algo inesperado.
A relación humana coa morte -o medo á mesma, así como a súa certeza- é o tema principal de ‘Badaladas de amor e morte’ de Iria Ares, unha curta feita a partir do texto homónimo de Roberto Vidal Bolaño e que conta coa voz de Manuel Lourenzo
‘Quen son?’, de Adrián García Seoane, é unha curta documental experimental que, a través de imaxes de arquivo caseiras, reflexiona en ton poético, cunha voz en off, sobre o paso do tempo ou a identidade persoal. Cunha estética moi diferente, aínda que de temática semellante -a vida e os seus conflitos-, móstrase outra das curtas do Primavera de Cine, mais esta de animación: ‘Avelino’, de Lizartonne. Nela, un monstro atópase cun rapaz nun parque e os dous comezan a falar sobre a vida e os seus problemas. E os azares e conflitos da vida, aínda que tratados desde un punto de vista máis ben cómico, están tamén no fondo doutra das curtas do mesmo festival, ‘Cafeína’, de Julio López e Sara C. Lorenzo. Un home adicto á cafeína percorre a cidade, desesperado, en busca do que lle dá -e lle quita- a vida: o café. Cada vez máis desesperado na súa busca, chega a sementar o pánico. Ou iso contan os medios de comunicación.
'Feitizo’ e ‘Os fachucos’
Na sección Outras Miradas do festival de Verín están tamén presentes dúas curtas relacionadas co Entroido, ‘Feitizo’, de Alejandro González e Patricia Porto -centrada no Entroido de Verín- e ‘Os Fachucos’, de Alejandro González e Borys Martínez, sobre o Entroido de Oímbra. O fachuco, un facho de palla, é un elemento fundamental da celebración do Entroido neste lugar, do que os veciños falan ante a cámara, aínda que a imaxe correspóndese co que relatan e non co momento da recolla do seu testemuño. Sentido de pertenza e identidade son, deste xeito, piares destes documentais.
Nas actividades paralelas do festival de Verín incluíuse tamén a presentación da longametraxe documental ‘Entroidar’, de Pablo Ces, sobre o Entroido de Laza
Nas actividades paralelas do festival de Verín incluíuse tamén a presentación da longametraxe documental ‘Entroidar’, de Pablo Ces, sobre o Entroido de Laza. Entroidar naceu da paixón e namoramento pola comarca, a contorna e as tradicións e quefaceres do Entroido. Un documental “que se asenta en tres piares fundamentais: as personaxes que fan Entroido, os lugares nos que se fai Entroido e a propia celebración do Entroido. Buscamos tombar mitos. Laza é un concello con múltiples lugares nos que tamén se celebra o Entroido. O Entroido non só soamente cinco días. Comeza dende o comezo do ano no que os chocos xa comezan a ruxir pola contorna. O Entroido de Laza son os peliqueiros, pero tamén as formigas, as madamas, os maragatos…”.