"O seu mundo era xa como un formigueiro baleiro, unha colmea case seca á que chega un grilo bulideiro". A realizadora Noemí Chantada estrea en Galicia a súa primeira peza de ficción, Xoves de Comadres, na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) no Museo do Pobo Galego. Unha curta que aborda a soidade coitiá, esa que só coñecen as persoas que a experimeintan, a través dunha muller, Aurora, cun principio de Alzheimer. "A soidade é aínda máis triste así, cando en realidade tes xente ao teu redor pero estás soa. Este é o caso de Aurora e penso que de moita xente maior", di a viguesa.
A proxección na MICE será mañá, día 26, no parque de Bonaval ás 22 horas, dentro da sección de curtas Impropias na que comparte espazo con Santa Baia de Montes, de Sabela Souto, e con De Monstruos y faldas, de Carolina Astudillo. O festival, que ten moi presente a perspectiva de xénero, adaptou o seu formato para manter esta mostra de antropoloxía e etnografía audiovisual con quince filmes coproducidos por dezaseis nacionalidades diferentes na sección oficial.
Chantada vén de presentar a curta no Festival de Málaga, que tiña que terse celebrado no mes de marzo. "Foi unha experiencia fantástica, o ambiente do festival é moi bo e para nós foi super agradable", conta. Por mor da Covid-19 só houbo unha presentación das proxeccións e perdeuse o coloquio posterior, con todo, a viguesa quedou satisfeita coa acollida: "Achegáronsenos varias persoas ao remate para dicirnos que lles gustara moitísimo e a verdade é que non o esperabamos porque, aínda que estaba ben programado porque fluía moi ben, viñamos de dúas curtas con bastante humor e de pronto chegaba a nosa que é unha curta bastante longa, lenta, observacional... e de primeiras pensamos que nos correrían a gorrazos da sala, pero non foi así".
A curta levou o primeiro premio na sección oficial da Mostra de Cinema Rural al Pallars, organizada polo colectivo Mostremp, en Catalunya. "Foi un subidón, arrincar e que o primeiro palmarés conte con nós dános moitos folgos", asegura Noemí Chantada, que tamén participará no Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU), que se celebrará entre o 11 e o 19 de setembro.
A realizadora sorprendeu en 2017 coa súa primeira curta documental, La mujer invisible, coa mirada fixa na prostitución, e codirixiu con Óscar Pardo, o seu compañeiro na produtora Islandia, a serie Sorrisos transformadores, sobre a realidade trans. O seu traballo caracterízase por un forte traballo de investigación previo, que lle permite condensar despois a esencia dos accións na pantalla. Para este Xoves de Comadres valeuse da experiencia da súa nai como coidadora e visitou varias veces unha residencia de persoas con inicio de Alzheimer en Vigo.
A realizadora presentou este primer traballo de ficción no Festival de Málaga e acaba de recibir un galardón na Mostremp en Catalunya, agora estrea en Galicia dentro do MICE do Museo do Pobo Galego e nunhas semanas participará no FICBUEU
"Quixen achegarme ás persoas que viven esas primeiras ausencias, que é o que lle pasa a Aurora con eses primeiros signos de esquecemento. É unha ficción, precisamente, porque durante a investigación previa que fixen coa idea de facer un documental dinme conta de que, especialmente nesta parte inicial da enfermidade, é super importante para elas e eles o feito de ter marcadas unhas rutinas. Axúdalles moitísimo a que o deterioro non avance. E pensei que se facía un documental nas condicións que tiña nese momento, pois debía entregar a curta nun tempo determinado, si que lles ía romper moito as rutinas. Así que collín un pouco das cousas que me contaban alí e o trasladei a unha ficción".
Aurora Maestre e Noelia Castro son en Xoves de Comadres Aurora e Mari, unha muller que vive soa e unha rapaza que entra na súa vida cunha enerxía nova. "Cando empecei a traballar hai 15 anos estaba nunha serie na que traballaba Aurora e lembrábame dela, de que me gustaba moito como traballaba tanto a nivel actoral como cando remataba, porque era unha muller moi agradable. Levaba moitísimo tempo sen saber dela, busqueina en redes e propúxenlle tomar un café. E a verdade é que xa me din conta de que era a mesma Aurora que eu coñecía e que era perfecta para o papel. A ela encántalle actuar, entrégase a tope, e as mulleres a partir de certa idade non teñen moita oferta de papeis", conta Chantada.
"É xente que ás veces leva unha coiraza moi dura para afrontar esa soidade", explica Noemí Chantada sobre a protagonista de 'Xoves de Comadres'
A Noelia Castro coñecíaa do seu traballo con A Panadaría, e explica que viu nela "forza e, á vez, alegría", dous características que buscaba para a personaxe de Mari, a coidadora. "É un traballo que precisa das dúas cousas, polo que a miña nai me contaba. Es un pouco o sopro de aire que lles chega unha ou dúas veces á semana e tratas de estar máis ou menos contenta para alegrarlles, contarlles cousas e intentar activalos; e á vez precisas certa forza, man esquerda, porque non sempre es ben recibida. É xente que ás veces leva unha coiraza moi dura para afrontar esa soidade".
Coas "microhistorias de vida" que recolleu durante a súa investigación, Noemí Chantada elaborou un guión cargado de xestos nos que se condensa a súa mensaxe. "Sempre traballo con Óscar Pardo, que neste caso foi o meu axudante de dirección e o editor da peza, penso que é responsabilidade súa o saber guiarme para manexar ben os tempos", explica. A curta colleu o nome de Xoves de Comadres pola "sororidade" do Entroido, no que ao principio só acudían as mulleres. "A palabra comadre para min ten un significado moi especial, representa esa sororidade entre mulleres que eu quería mostrar", salienta.
"A palabra comadre para min ten un significado moi especial, representa esa sororidade entre mulleres que eu quería mostrar", di a viguesa
Unha sororidade que está diante e detrás da cámara, pois Chantada rodeouse dun equipo conformado na súa maioría por mulleres e a música da curta tamén leva nome de muller con Su Garrido Pombo e os grupos As Áureas e Xiada. "É unha marabilla traballar entre compañeiras, mais é difícil porque en audiovisual os equipos case sempre están liderados por homes".
Por outra banda, a crise da Covid-19 puxo o foco nas residencias de maiores e nas condicións nas que viven moitas persoas de idade avanzada nos seus fogares. Levou aos titulares unha realidade á que se achega tamén esta curta. "En xeral o mundo do coidado, tanto pola miña nai como polas súas compañeiras, é algo que sempre teño bastante presente. Non son unha voz autorizada para opinar, pero si que penso que isto pode axudarnos a darlle unha volta á situación na que se atopan os noso maiores, que tanto nas casas como nas residencias están en situacións moi precarias", di.