Este sábado inaugúrase no Museo do Pobo Galego a exposición ‘As pequenas cousas’, impulsada pola iniciativa Mapas de Memoria, que poderá verse por primeira vez en Galicia no marco da 15ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE). A exposición componse de obxectos, documentos, cartas e fotografías de persoas perseguidas e represaliadas polo franquismo.
A exposición poderá visitarse de forma gratuíta ata o vindeiro 19 de abril
Esta mostra, cuxo núcleo orixinal está formado por doce paneis, incorpora grazas a coordinación técnica de persoal do Museo do Pobo Galego novas achegas procedentes das familias de presos e fusilados galegos, para o que conta coa colaboración de particulares e entidades como O Faiado da Memoria e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH). A exposición poderá visitarse de forma gratuíta ata o vindeiro 19 de abril.
"Son cousas que gardaron porque eran dos poucos obxectos físicos que conservaban deles e que polo tanto representan a súa ausencia e á vez a súa memoria"
"Trátase de elementos cargados de simbolismo e cargados de emoción, porque son obxectos que gardan as familias e que pertenceron a persoas asasinadas, exiliadas ou deportadas", destaca Ana Estévez, responsable do DEAC do Museo do Pobo e directora da MICE. "Son cousas que gardaron porque eran dos poucos obxectos físicos que conservaban deles e que polo tanto representan a súa ausencia e á vez a súa memoria, unha memoria que estivo dalgunha maneira apartada nesas mesmas familias, condenadas ao silencio, ao igual que o Estado español estivo condenado ao silencio durante 40 anos", sinala, engadindo que "dalgunha maneira ese obxecto que gardaban funciona como un catalizador da memoria que conseguiron gardar desa persoa".
Entre os obxectos que compoñen a exposición están, por exemplo, uns botóns de puño de esmalte que pertenceron a José Rodríguez Silvosa, xastre de Lugo asasinado no ano 1938
Entre os obxectos que compoñen a exposición están, por exemplo, uns botóns de puño de esmalte que pertenceron a José Rodríguez Silvosa, xastre de Lugo asasinado no ano 1938, extraídos na exhumación de Castroncelos (Pobra do Brollón). "Os seus familiares dicíannos que para eles José Rodríguez Silvosa era "o avó do que ninguén lles falaba, do que non sabían nada. Só sabían que fora xastre, que sempre ía ben vestido e que levaba botóns de puño. Así morreu, escapando co seu traxe", explicaba Carmen García Rodeja (ARMH) ao falar daquela exhumación.
"Noutro tipo de exposicións sobre a represión ou a memoria histórica podes atopar documentación que está en arquivos, ou obras de arte cun gran valor, como 'A derradeira lección do mestre'. En cambio aquí falamos de elementos que en principio non teñen un gran valor artístico ou económico, pero si dun gran valor emocional", subliña Ana Estévez.
Walter Benjamin escribiu que "ninguén morre tan pobre como para non deixar algo". Na exposición hai igualmente obxectos moi humildes, tanto como unhas abarcas, un calzado típico empregado polos labregos nos anos 30, e atopados nunha exhumación en Cidade Real, e que revelan a condición humilde dos fusilados naquela foxa común.
Na mostra atopamos igualmente unha reprodución do retrato que realizou o arquitecto Jordi Tell ao artista Mario Granell no cárcere da Coruña, que despois Granell empregou como tarxeta postal para llela enviar aos seus familiares. De feito, na exposición atopamos moitos obxectos que proceden dos cárceres, e que nos contan como era o día a día nas prisións franquistas: barallas de cartas realizadas con todo tipo de materiais, cartas, debuxos...
"Houbo moitas mulleres represaliadas, moitas mulleres madriñas de presos en San Simón... Hai un papel fundamental de mulleres como gardiás e transmisoras desta memoria"
Tamén cómpre destacar unha fotografía de Sandalio Alonso de la Riva, membro do Partido Socialista e alcalde de Boñar, quen conseguiu praza no Winnipeg para ir tralo amor de Rosina, filla de Elpidio Villaverde, político de Vilagarcía de Arousa, quen coñecera uns días antes en Bordeos. O barco Winnipeg fletou a máis de 2000 refuxiados españois a Chile grazas á axuda de Rodrigo Soriano (ex-embaixador republicano español) e ao poeta Pablo Neruda.
Na exposición están así mesmo representadas as Marías compostelás, Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, a través de dúas fotografías, dunha caixiña de pos de arroz e un lapis de labios da época, que forman parte da colección do Museo do Pobo. "A memoria das Marías é á vez íntima e colectiva", subliña Ana Estévez, que lamenta que pola "falta de tempo" non poida haber máis mulleres representadas na mostra. "Hai obxectos de mulleres que non puidemos conseguir por falta de tempo, pero que temos localizados. Houbo moitas mulleres represaliadas, moitas mulleres madriñas de presos en San Simón... Hai un papel fundamental de mulleres como gardiás e transmisoras desta memoria", destaca.
Como preámbulo á inauguración da exposición, terá lugar ás 11 da mañá deste sábado o encontro e presentación de El duelo revelado, do antropólogo e comisario da exposición Jorge Moreno Andrés, que estará acompañado dos familiares que cederon obxectos a través da ARMH.
O libro realiza un percorrido pola transmisión da memoria da Guerra Civil e o franquismo a través das fotografías gardadas e conservadas, poñendo en valor estes documentos antropolóxicos que permitiron a moitas familias de persoas asasinadas, desaparecidas, encarceradas ou exiliadas seguir mantendo a súa memoria viva fronte ao empeño do réxime franquista por silencialos.