Franco puxo en marcha ao redor de 300 campos de concentración en España nos que foron recluídos entre 700.000 e 1 millón de presos que sufriron duras condicións (fame, torturas, humillacións...) e que en moitas ocasións foron ademais obrigados a traballar en distintas obras públicas e privadas. Máis de 10.000 morreron nos campos, aínda que a cifra podería ser moi superior. Moitos campos funcionaron unicamente entre 1936 e 1939, pero moitos outros mantiveron a súa actividade nos anos da postguerra, chegando nalgún caso ata finais dos anos 50.
A orde para a súa posta en marcha foi dada polo propio xeneral Franco o 20 de xullo de 1936, dous días despois do Golpe de Estado
Son os resultados da investigación publicada hai unhas semanas polo xornalista de eldiario.es Carlos Hernández, Los campos de concentración de Franco. O libro amplía notablemente o número de campos que ata agora se coñecían (os estudos máis fiables cifrábanos en 188) e afonda na súa historia e características.
Había campos de distintos tipos e os propios prisioneiros eran clasificados en distintas categorías: foraxidos (os máis perigosos), bellacos enganados (persoas que loitaran con convencemento no exército republicano pero que podían ser recuperados) e irmáns (persoas con ideoloxía franquista que tiveran que loitar no bando republicano).
Nos 300 campos de concentración foron recluídos entre 700.000 e 1 millón de presos
Hernández salienta que os campos funcionaban como un elemento máis nunha "estratexia de terror" e a súa existencia non foi en absoluto casual. A orde para a súa posta en marcha foi dada polo propio xeneral Franco o 20 de xullo de 1936, dous días despois do Golpe de Estado.
En Galicia funcionaron cando menos 11 campos, situados principalmente nas provincias da Coruña e Pontevedra. A maior parte utilizaron instalacións xa existentes: mosteiros, colexios ou fábricas, aínda que algún foi construído en terreos abertos, sen uso previo.
Os 11 campos galegos
- Betanzos. Campo de longa duración con capacidade para 2.000 prisioneiros, situado na fábrica de curtidos Echeverría e -durante algún tempo- no propio Parque do Pasatempo. Estivo en funcionamento entre agosto de 1937 e, cando menos, maio de 1939
- Cedeira. Campo de longa duración situado nunha antiga fábrica de salgado que chegou a acoller un milleiro de prisioneiros. Estivo en funcionamento entre outubro de 1937 e novembro de 1938, cando menos. O paseo marítimo da localidade foi construído sobre o lugar que ocupaba o edificio.
- Ferrol. Campo de longa duración situado no interior do Arsenal militar da cidade. Para recluír aos prisioneiros utilizáronse unha serie de naves e tamén tres buques fondeados no porto.
- Muros. En Muros coexistiron dous campos de concentración: un situado nunha fábrica de salgado na praia da Rocha e outra nas instalacións da conserveira Vieta, preto do Faro do Rebordiño. Funcionaron entre outubro de 1937 e febreiro de 1938, cando menos.
- Padrón. Campo de longa duración situado nas instalacións dunha azucareira en Iria Flavia. Estivo activo entre decembro de 1937 e abril de 1940 e tiña capacidade para 1.700 prisioneiros
- A Pobra do Caramiñal. Na Pobra funcionaron dous campos, un nas instalacións da conserveira El Pozo, situada na desembocadura do río Pedras con capacidade para 1000 prisioneiros. Operou entre xaneiro e novembro de 1939. O outro comezou a funcionar en abril de 1939 nunha conserveira do Areal
- Rianxo. Campo de longa duración situado nunha fábrica de salgado da familia Goday que chegou a ter capacidade para 2.000 prisioneiros e que funcionou entre outubro de 1937 e decembro de 1939. A fábrica foi derruída e o predio foi ocupado por unha urbanización
- Santiago de Compostela. Nun terreo situado a carón do aeroporto de Lavacolla funcionou en 1939 un campo con capacidade para 2.000 prisioneiros. En novembro de 1939 foi reconvertido en sede de batallóns de traballadores.
- Leiro. Situado no Mosteiro de San Clodio, que funcionou como campo de concentración nalgún momento do ano 1939. Hoxe é un hotel de luxo.
- A Guarda. Campo de longa duración, situado no convento e colexio dos xesuítas de Camposancos. Superou amplamente os 2.000 prisioneiros, aínda que a súa capacidade era inferior ao milleiro. Estivo activo entre 1936 e 1939.
- Oia. Campo intermitente que utilizou as instalacións do mosteiro de Santa María e que chegou a recluír a 3.000 prisioneiros, operando durante varios meses de 1937 e 1939.
E algún outro, non confirmado...
No libro, Carlos Hernández inclúe información sobre algúns campos cuxa existencia non puido certificar por completo, pero sobre os que si existen referencias orais ou documentais. Tres deles son galegos
- A Coruña. Na documentación oficial aparecen citados en 1939 dous campos de concentración de nova creación na cidade da Coruña, que meses despois non figuran nos rexistros, aínda que si se menciona o traslado de presos a un campo da cidade. Tamén se cita en ocasións a Praza de Touros como "campo proposto".
- Santiago de Compostela. Ademais do campo de Lavacolla, na documentación oficial cítase un predio de catro quilómetros ofrecido para acoller 1.000 prisioneiros.
- Ribadeo. Na documentación oficial franquista fálase da existencia dun campo en 1938.