Os Franco abren a Casa Cornide 63 anos despois: un inmoble "baleiro", frío e sen uso

Inés Rey, Francisco Jorquera e Alfredo Vigo acceden á Casa Cornide CC-BY-SA Concello da Coruña

Logo de anos de insubmisión, multas da Xunta e escurantismo, os Franco abriron a Casa Cornide da Coruña por primeira vez. Fixérono obrigados pola declaración BIC (Ben de Interese Cultural) do palacete da Cidade Vella, con atraso e cun interior "baleiro" e frío, segundo puideron comprobar os primeiros visitantes dun inmoble que leva 63 anos en mans da familia do ditador, desde que en 1962 unha poxa controlada por destacados franquistas locais permitiu que acabase nas súas mans. Unha venda "simulada" ao estilo do ocorrido co Pazo de Meirás. 

As portas abriron este pasado luns ás 9 da mañá nunha visita que inauguraron cinco persoas, as máximas permitidas por quenda ata un máximo de catro ata as 13 horas, o mínimo exixido pola Xunta. Os primeiros en acceder foron a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, Rubem Centeno, en representacion da Comision pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), e o historiador Alfredo Vigo, do Instituto José Cornide, autor do detallado informe que posibilitou que a casa virase en BIC. 

Inés Rey, Rubem Centeno, Alfredo Vigo e Francisco Jorquera, na Casa Cornide CC-BY-SA Concello da Coruña

Foi este historiador quen puido comprobar de primeira man, aínda que sen poder ser mostrado xa que están prohibidas as fotografías e a gravación de imaxes, que todo aquilo que os Franco puideron levar xa o levaron e que o palacete dá a impresión dunha casa baleira, desmontada e sen habitar; con estantes sen libros e sen case ningún moble, e con divisións e compartimentos feitos pola familia do ditador que agochan a súa estrutura inicial. De feito, tal e como revelara Praza.gal, bens ligados a este palacete foran aflorando en 2021 no mercado de antigüidades ao iniciarse o proceso para expulsar a familia do xeneral fascista

Os primeiros visitantes coinciden en sinalar o "baleiro" do palacete; "non hai xa ningún moble de Cornide, nada", di o historiador Alfredo Vigo

"Non hai xa ningún moble de Cornide, nada", asegurou Vigo respecto dos elementos anteriores a que o inmoble pasase a mans dos Franco. Ademais, destacou algúns dos obxectos que puido ver no interior, como os teitos orixinais de pedra, réplicas de portas ou "algunha estatua", como unha do apóstolo Santiago. 

É unha escultura medieval traída, ben seguro, doutra parte, ao igual que dúas columnas que poderían ter chegado á Casa Cornide dalgún claustro. Tamén hai unha escaleira antiga, do século XVIII, que provén do Hospital de Caridade que estaba situado a poucos metros do inmoble. E papeis, iso si, co selo que sinala a Franco como xefe do Estado. "Como se fosen deixados aposta", advertiu un dos visitantes. 

ALfredo Vigo, Inés Rey, Francisco Jorquera e Rubem Centeno, na Casa Cornide CC-BY-SA Concello da Coruña

Do teito do palacete colga unha gran lámpada araña de cristal e hai unha enorme cheminea de mármore, así como unha biblioteca totalmente baleira, segundo relatan varios dos visitantes, que insisten na impresión de baleiro e de nulo uso que dá a casa, con doce cuartos e oito baños.

Inés Rey destacou o "momento histórico" que supón a apertura da Casa Cornide pero advirte que o obxectivo é "que volva ao patrimonio público"

 Tras unha hora de visita que chega de sobra porque pouco hai que ver, máis alá da importancia arquitectónica dun inmoble que é un exemplo único do barroco francés en Galicia e foi construída no século XVIII por Diego Cornide. 

Logo de pasar polas mans do Ministerio de Educación e do Concello da Coruña, a Casa Cornide foi entregada á familia Franco nun proceso rodeado de irregularidades que está en revisión legal e polo que a administración local iniciou un proceso co que espera poder recuperala para o público, ao igual que se fixo co Pazo de Meirás. 

"O obxectivo do Concello é que esta casa volva ao patrimonio publico e mentres tanto que se garanta a súa protección como ben de interese cultural e que os cidadáns poidan visitala", dixo Inés Rey, que cualificou o día de onte de "momento histórico" e sinalou que é "destacable que os Franco por fin cumpran a lei" sobre un ben público "que pasou a mans privadas nun momento no que o ditador e a súa muller crían que todo lles pertencía, incluído o patrimonio".

Francisco Jorquera, portavoz municipal do BNG e convidado á visita por ser outro dos impulsores da declaración BIC, agarda que esta apertura sexa o primeiro paso para "a restitución" do inmoble ao patrimonio público tras ter sufrido "un auténtico roubo" por parte dos Franco.

Inés Rey e Francisco Jorquera acceden á Casa Cornide CC-BY-NC-SA BNG

Mentres, fóra do inmoble, unhas trinta persoas volveron exixir a "devolución" da Casa Cornide "ao pobo da Coruña". Asi, Manuel Monge, presidente de Defensa do Común, convocante da mobilización, reclamou ao Concello que impulse actuacións para que os Franco devolvan o palacete. 

"Imos seguir reivindicando a devolución, non só que se abra", dixo, tras cualificar de "espolio" o outorgamento aos Franco dun inmoble do que piden que se incrementen os horarios de visita e a cantidade de xente permitida. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.