Unha carta do secretario de Franco acredita a artimaña do ditador para quedar coa Casa Cornide da Coruña

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Advertira o senador por designación autonómica, José Manuel Sande a súa intención de facela pública. Referíase á carta que certificaría os amaños e artimañas levados a cabo pola familia Franco para, como no caso do Pazo de Meirás, facerse coa propiedade dun inmoble pertencente ao Estado, neste caso coa Casa Cornide da Coruña. A misiva, cuxa existencia era xa coñecida, nunca foi revelada e, como no caso dos documentos achados na mesma cidade, pode virar agora no documento clave para facilitar a recuperación destoutro edificio espoliado polo ditador para o patrimonio público. Aquí sae á luz. 

A carta, á que tivo acceso Praza.gal, evidencia a suposta fraude cometida na compravenda da Casa Cornide a través dunha poxa amañada co obxectivo de satisfacer o “desexo” de Franco e da súa dona, Carmen Polo. Foi dirixida desde o Pazo de Meirás en agosto de 1962 polo secretario persoal do ditador, Ricardo Catoira, ao daquela subsecretario de Facenda, Juan Sánchez-Cortés y Dávila. Nunca fora feita pública desde que se atopou no Archivo General de Palacio, procedente da Casa Civil do Xefe do Estado. 

A carta do secretario de Franco sae á luz e certifica a presunta montaxe: "La mejor fórmula, ya que así no se hace una adjudicación de bienes que fueron del Estado al propio Caudillo

Desvelada polos investigadores Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo na súa obra Meirás. Un pazo. Un caudillo. Un espolio, agora faise pública para constatar que a versión defendida polos herdeiros de Franco de que a propiedade da Casas Cornide é lexítima non é verdade. O argumento é que o ditador recibiu o inmoble do seu amigo e activo defensor Pedro Barrié de la Maza, que a adquiriu nunha poxa pública organizada polo Concello da Coruña. Todo foi, presuntamente, unha montaxe.

Tengo el gusto de comunicarte que hoy por fin ha terminado el plazo para la subasta de la célebre casa que tanto deseaba Su Excelencia. Hoy también se reúne el pleno para adjudicarla a un particular y este venderla a la Señora. Así se lo hemos explicado a Su Excelencia por ser la mejor fórmula ya que de esta forma no se hace una adjudicación de bienes que fueron del Estado al propio Caudillo”. Así comeza a carta, nun parágrafo que deixa clara a estrataxema: ocultar, como na compravenda fraudulenta de Meirás, que a familia do ditador se facía coa propiedade dun ben público e simular unha doazón que nunca existiu.

Casa Cornide, na Coruña, propiedade da familia Franco Dominio Público Zarateman

A Casa Cornide, antiga propiedade do historiador, político e ilustrado José Cornide, fora doada por esta familia ao Concello da Coruña para acabar funcionando como escola e ser propiedade do Ministerio de Educación. A administración local e o Estado permutaron propiedades para que a primeira volvese gozar da propiedade do edificio, ata que decidiu sacala a poxa pública tras un acordo da corporación municipal que prohibía volver vendelo nun prazo de dez anos.

A carta que explica a estrataxema foi enviada un día antes de que Barrié de la Maza se impuxese na poxa para obter o inmoble

Barrié de la Maza, home de prol do franquismo, financeiro das tropas fascistas e impulsor da compra do Pazo de Meirás, acudiu á poxa xunto a outro militante fascista, o falanxista José Luis Amor Fernández. O banqueiro impúxose e obtivo o inmoble tras pagar pouco máis de 300.000 pesetas. Foi o 2 de agosto de 1962, un día despois de que Catoira enviase a carta na que se explicaba a realidade do amaño. 

Han logrado el deseo de poder tener una casa en La Coruña para cuando tenga que desplazarse la Señora no haya necesidad de abrir el Pazo de Meirás, que tantas molestias origina", di a carta

“Los señores están encantados porque han logrado el deseo de poder tener una casa en La Coruña para cuando tenga que desplazarse la Señora no haya necesidad de abrir el Pazo de Meirás, que tantas molestias origina por lo grande que es esta Residencia y el número de criador y servidores que se necesitan”, di o secretario de Franco respecto da estratexia preparada para cumprir cos desexos de Carmen Polo. 

Na adxudicación inclúese unha aclaración que libera a Barrié daquela prohibición de vender a Casa Cornide ante posibilidade de doarlla á “esposa de Su Excelencia el Jefe del Estado” e compracer así os seus propósitos.

Así que mañana, Dios mediante, ya tendremos la escritura y empezaremos las obras de reforma interior”, di Catoira na carta. Outra frase da que se poden tirar máis evidencias sobre a fraude e espolio cometidos polos Franco ao vinculala coas conclusións dun recente informe realizado pola Real Academia Galega de Belas Artes. 

O Concello pagou obras na casa cando xa era dos Franco

No documento, ao que tivo acceso Praza.gal, desvélase o procedemento de adquisición da Casa Cornide por parte dos Franco, pero tamén como o Concello da Coruña, logo de ter vendido xa o edificio naquela poxa a Barrié de la Maza, pagou obras de rehabilitación cando non tiña vinculación ningunha co inmoble. O informe de Belas Artes foi elaborado a petición do anterior goberno local da Coruña, da Marea Atlántica, ao iniciar as pescudas sobre as posibilidades legais para recuperar a titularidade do inmoble. 

Nel, destácase como o Concello paga en maio de 1963 case 178.000 pesetas polos gastos efectuados na reconstrución da Casa Cornide cando “xa non era propiedade municipal”. Ao ano seguinte, tal e como revelan documentos do Arquivo Histórico Municipal, o Concello paga preto de 1 millón de pesetas por máis obras, segundo as certifiacións de obra “revisadas e asinadas polo arquitecto municipal”.

A pasada semana, o BNG volveu reclamar, como xa fixera antes, a devolución da Casa Cornide e advertiu do amaño que supuxo a compra e a poxa. A formación nacionalista anunciou que levará unha iniciativa ao pleno para que comecen as accións legais. Nunha entrevista con Praza.gal, a alcaldesa, Inés Rey, advertiu que o proceso para recuperar o inmoble "vai cara adiante"

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.