O Goberno central presentou por fin nos xulgados da Coruña unha demanda contra a familia Franco para esixirlle a devolución do Pazo de Meirás. A acción, reclamada desde hai ben tempo por investigadores, administracións e asociacións pola memoria histórica, baséase nunha escritura de 1938 da que se sabía a súa existencia pero que non se atopara ata agora. Nela, segundo a Avogacía do Estado, confírmase que a venda das Torres ao ditador foi “fraudulenta”. Un escrito "clave" achado hai tan só unhas semanas e que levaba anos a moi poucos quilómetros da parroquia sadense onde se localiza o inmoble, en pleno centro da Coruña.
A demanda céntrase na tese desenvolvida xa no informe encargado pola Deputación: un contrato en 1941 simulou unha compravenda que xa fora realizada a prol do xefe do Estado en 1938
A demanda, adiantada por El País, foi presentada este mércores e céntrase na tese xa desenvolvida en anteriores investigacións e no informe histórico-xurídico encargado pola Deputación da Coruña. Neste, advertíase de que a transmisión do Pazo á familia Franco fixérase a través dun contrato simulado en 1941 para evitar que pasase a ser parte do patrimonio estatal e cando xa levaba tres anos sendo utilizado polo ditador, a quen lle fora doado. Xa que logo, as Torres foron vendidas dúas veces e a última delas a través dun acordo “fraudulento”, cando o inmoble xa era residencia do Xefe do Estado tras un acordo anterior.
Os datos históricos e a hemeroteca aclaraban que a cesión do Pazo de Meirás ao ditador -a través de coaccións e nun clima de represión en plena guerra civil- concretouse no ano 1938 cun documento privado de doazón, que fora aceptada polo propio Franco e anunciada na prensa. A Junta Pro-Pazo, formada por persoeiros afíns ao réxime fascista, xuntou máis de 400.000 pesetas para pagarlles aos herdeiros de Emilia Pardo Bazán. Fíxoo a través de ameazas, deducións das nóminas de funcionarios e dos orzamentos de concellos da zona ou recolleitas con patrullas de falanxistas polas casas, ademais de incautarse forzosamente de terreos que ampliaron os dominios do inmoble.
O documento "clave" atopado sobre a 'doazón' do Pazo en 1938 demostra que a escritura de 1941 simulaba unha compravenda a título particular cando o inmoble xa era usado polo ditador
Sabíase da existencia do documento polas múltiples referencias históricas e nas hemerotecas, mesmo a través de actas de sesións plenarias municipais, pero nunca se dera con el. Si con outra escritura, de tres anos máis tarde, con data de 24 de maio de 1941, que celebra un novo contrato de compravenda entre Franco, representado polo dono do Banco Pastor, Pedro Barrié de la Maza, e Manuela Esteban-Collantes, viúva do fillo de Pardo Bazán. Este documento serviu para crear “artificiosamente a aparencia de que Francisco Franco adquiría ese mesmo inmoble por un prezo de 85.000 pesetas”, din segundo El País os letrados, que cualifican de “irrisoria” a cantidade”.
As Torres xa foran mercadas antes, un dato que agora queda demostrado ao atoparse a acta, asinada ante notario no despacho do gobernador civil da época, que indica que o inmoble foi adquirido un 3 de agosto de 1938 pola Junta Pro-Pazo e cedido ao ditador. Desde aquela, e ata que se fixo ese outro contrato simulado en 1941, o Pazo xa era usado como residencia de xefe de Estado por parte da familia Franco e sometido a obras de ampliación e reforma pagadas con cartos públicos.
Onde se atopaba ese protocolo notarial clave na demanda presentada polo Estado? A só 15 quilómetros do Pazo de Meirás, na Coruña, por tras da sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). O documento foi atopado polos avogados do Estado no Arquivo Histórico de Protocolos do Ilustre Colexio Notarial de Galicia, a un paso da céntrica praza de Galicia, onde levaba décadas almacenado.
O documento clave de 1938 foi achado no Arquivo Histórico de Protocolos, na sede do Colexio Notarial de Galicia na Coruña, a só 15 quilómetros de Meirás
A implicación do Estado na demanda contra os Franco e pola recuperación do Pazo de Meirás foi clave para dar coa escritura nun proceso que pouco ten que ver co habitual no resto de arquivos históricos. Neste caso, a Administración foi quen de lexitimarse ante os notarios e achegar os precisos datos esixidos para poder acceder a un documento agora chave, tal e como explican fontes da investigación impulsada polos letrados. Foi dar alí hai anos, no momento no que a notaría implicada cesou a súa actividade.
Foi a partir do mes de marzo cando a Administración central compuxo un equipo de avogados do Estado na Coruña para afondar nas pescudas que xa iniciaran a través de investigacións como as impulsadas pola Deputación da Coruña e a Xunta ou por Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo na súa completa obra. Investigadores e letrados colaboraron na achega de documentación, certificación de datos sobre terras e inmobles ou na busca documentos que apoiasen unha completa demanda duns cen folios.
A clave, para os avogados do Estado, situouse nos últimos meses na procura desa escritura que demostraría que o Pazo fora adquirido antes e que ratificaría a argumentación do informe encargado pola Deputación: que a venda concretouse no ano 1938, para aprobarse logo en 1940 a lei do Patrimonio Nacional e no 41 formalizarse "unha compravenda ficticia" das instalacións. Era o xeito de evitar que fose incorporado como ben público, en virtude da devandita lei, polo que sería destinado para o uso da xefatura de Estado e non para a familia do ditador Franco, tal e como aconteceu tras a súa morte e tras a recuperación da democracia.
O documento é “clave” porque “demostra que Franco falseou o título co que inscribiu o Pazo ao seu nome”. Segundo os avogados do Estado, esta simulación da compravenda úsase para encubrir a doazón anterior e permitir así unha inscrición a título particular que fora antes transmitida á Xefatura do Estado. Son accións que, xa daquela, estaban castigados no Código Penal como delitos de falsidade en documento público.
O que evitou o ditador foi que as Torres pasasen a ser un ben de dominio público --como reivindica o Estado agora-- e, xa que logo, “imprescritible” que tornaría en nulas as operacións de partición levadas a cabo logo polos herdeiros. Ademais, como destaca o Goberno central, a “compravenda ficticia” permitiulle a Franco inscribir o inmoble ao seu nome no Rexistro da Propiedade.
O documento é “clave” porque “demostra que Franco falseou o título co que inscribiu o Pazo ao seu nome”
“É evidente que nos atopamos ante un negocio sen causa (negocio simulado), dado que o inmoble obxecto deste contrato de compravenda forma vendido xa anos antes” e “entregado ao xefe do Estado” nun acto oficinal en decembro de 1938, defende o Goberno na demanda segundo conta El País. O proceso, impulsado no Xulgado de Primeira Instancia 1 da Coruña, preséntase contra os netos de Franco e a inmobiliaria Pristina, propiedade de Francisco Franco Martínez-Bordiú, quen anunciara á Xunta a súa intención de vender a unha das súas empresas a esta sociedade a parte que lle corresponde do Pazo de Meirás.
Agora, o proceso en primeira instancia debería finalizar nun prazo máximo de dous anos, segundo fontes xudiciais, aínda que habería posibilidade de recursos con posterioridade. Desde o pasado verán, o Pazo foi posto á venda nun portal inmobiliario por 8 millóns de euros. Os avogados do Estado piden ao xulgado unha medida cautelar: que se anote a demanda nos rexistros correspondentes para evitar unha posible mudanza dificulte a recuperación.
Feijóo dubida que a Xunta teña "lexitimidade" para comparecer
Tanto o presidente do Executivo central, Pedro Sánchez, como o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, destacaron os datos apañados pola Avogacía do Estado e que, segundo advirten, permitirán demostrar ante a xustiza as irregularidades cometidas polos Franco e o carácter público do inmoble.
En nota de prensa, o Goberno lembra que a Avogacía do Estado presenta a demanda froito do estudo xurídico levado a cabo en cumprimento da resolución de xusto hai un ano do Parlametno de Galica, na que se instaba o Estado a exercer as accións legais procedentes para recuperar o Pazo.
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, considera que hai “causa para reclamar xudicialmente” a reversión e amosouse “a favor” de que o Ministerio de Xustiza “actué en favor do patrimonio público” do inmoble. Preguntado sobre se o Goberno galego comparecerá no proceso, dixo primeiro, ao mediodía na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, que os servizos xurídicos da Xunta tiñan “dúbidas” sobre a súa “lexitimación”, razón pola que instou a Administración central que impulsase a demanda. Porén, a última hora da tarde a súa conta de Twitter emitiu un chío no que sinalou que os servizos xurídicos xa vían "posible" que a Xunta se persoe no proceso e que "se se confirma esta valoración inicial, farémolo".