Pouco despois de que un xulgado de instrución de Madrid lles dera a razón en primeira instancia no litixio pola propiedade das esculturas do Mestre Mateo, os netos de Franco interpuñan unha demanda contra un dos principais investigadores do espolio do Pazo de Meirás, o sadense Carlos Babío, xunto a outra decena de persoas e á empresa de comunicación Mediaset. Basean a súa demanda por inxurias e calumnias na emisión, o pasado xullo, dunha reportaxe no programa En el punto de mira da canle Cuatro sobre o patrimonio dos herdeiros do xeneral golpista e "os negocios nos que investiron a súa fortuna".
Carlos Babío, autor xunto a Manuel Lourenzo da investigación Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, recibiu un escrito de demanda que fixa como primeiro paso unha conciliación cos netos do ditador fascista en Madrid o vindeiro 25 de marzo. Non acudirá.
Que lle queren os Franco?
O que propoñen é unha conciliación, que eu chamaría extorsión. Eu non me vou presentar nesa conciliación porque eu non teño nada que conciliar cos Franco. Todo o que manifestei, fixen e dixen está contrastado nun traballo de investigación de moitos anos, onde se tirou de infinidade de fontes documentais e de memoria oral. É moi evidente nesa investigación que a propiedade do Pazo de Meirás foi adquirida, ampliada e mesmo mellorada con procesos corruptos iniciados nunha guerra civil, sen ningunha garantía para os cidadáns e nun contexto de terror e xenocidio. Foi, ademais, completada durante moitos veráns nos que Franco utilizou o inmoble como residencia oficial de Xefe de Estado e alí deriváronse moitos fondos públicos. Desde o Estado ás administracións locais, todo o enguedello administrativo franquista enriqueceu o peto particular dos Franco.
"Non teño nada que conciliar cos Franco nin nada do que retractarme; que presenten a demanda civil e demostraremos que viven na absoluta impunidade"
Daquela, non se presentará á conciliación do vindeiro 25 de marzo?
Nada teño que conciliar e de nada me teño que retractar, ao contrario. Convido os Franco a que presenten a demanda civil e alí nos veremos e alí demostraremos que viven na absoluta impunidade, utilizando ferramentas do Estado español absolutamente inxustas. Non nos esquezamos de que sobre os crimes cometidos polos familiares destes señores pesa unha Lei de Amnistía, o que xa resulta vergoñento. O Estado ten unha lei que fai esquecer os crimes e abusos cometidos nun contexto de xenocidio e persecución pero, aínda por riba, a xustiza española considera a etapa franquista como un período normal e democrático onde os procesos administrativos que emanaban daquela ditadura teñen o mesmo tratamento que os dunha democracia. É o mundo ao revés, algo inaudito, unha inxustiza.
Os que tentan recuperar a memoria acaban nun xulgado...
As vítimas daquel xenocidio, daquela ditadura, teñen que estar constantemente defendéndose desta xente, o cal é un paradoxo total. Se o miramos desde un punto de vista democrático, estes comportamentos do Estado español non teñen cabida nun sistema de democracia normal.
"A democracia española non ofrece ningunha garantía ás vítimas do xenocidio nin aos dereitos humanos"
Vistas sentenzas como a das esculturas do Pórtico da Gloria, parece que os Franco están crecidos.
Isto ten que ver coa Transición española e como se fixo aquilo. A Lei de Amnistía perdoou ou esqueceu todos aqueles crimes e abusos e a xustiza e os altos cargos seguiron a transitar sobre ese réxime. España virou nunha democracia formal pero nos altos cargos da Administración prevalecen actitudes de consentimento cunha etapa ditatorial, condenada pola ONU, pola Eurocámara e polas democracias do mundo pero que no Estado español recibe rango de normalidade democrática.
De normalidade?
Non esquezamos que no BOE, emanado pola decisión da Casa Real Española, segue figurando a etapa franquista como un período glorioso da etapa de España. É preciso rachar con iso. Eu convido a que se xulgue isto pero con parámetros democráticos internacionais. A democracia española non ofrece ningunha garantía ás vítimas do xenocidio nin aos dereitos humanos.
Que pensou cando leu a noticia sobre a sentenza a favor dos Franco no caso das estatuas de Isaac e Abraham?
Como a xustiza española, en primeira instancia, pode tratar un período histórico, de 1936 a 1975, e todos os procesos administrativos que se daban naquela época ditatorial como se fosen emanados en 2019? Como pode ser posible? No momento no que consideras unha ditadura un período normal e democrático, estás faltando ao principio de xustiza internacional. Non se pode tomar isto á lixeira. O franquismo está xulgado no mundo e é inxusto que o Estado deixe á iniciativa particular a normalización democrática porque non fai absolutamente nada para normalizar democraticamente os problemas que ten co seu pasado. E debe facelo xa porque, ademais, cidadáns coma min temos que vernos ante a xustiza por reclamar dignidade, xustiza, memoria e verdade.
"É unha denuncia contra min, pero tamén contra todo aquel que se atreva a cuestionar o réxime de Franco"
É maís que unha denuncia contra vostede?
É unha denuncia contra min, pero tamén contra todo aquel que se atreva a cuestionar o réxime de Franco. Non atopo cualificativos para calibrar o que aquí pasa.
Historiadores, defensores da memoria histórica, políticos... Son moitos os que denuncian os vínculos que en certas administracións e mesmo na xudicatura hai co franquismo...
O réxime franquista tivo tempo de abondo para asentarse e non esquezamos que tiña unha característica fundamental pola que aguantou 40 anos: era un réxime de elites, gobernado e dirixido polas elites, onde funcionaba un perfecto tráfico de favores que se retroalimentaban. Era unha administración absolutamente corrupta e que, dalgunha maneira, continuou até os nosos días. Son os herdeiros desas elites os que están nos altos cargos das administracións públicas. Non é pouca cousa que os altos cargos da dereita española sexan herdeiros de sangue daquelas elites que gobernaron o Estado mediante unha ditadura xenocida e totalitaria. Manteñen os mesmos privilexios e están en altos cargos da Administración Pública. Se nos queremos poñer unha venda nos ollos, poñámola, pero na sentenza sobre as estatuas de Isaac e Abraham vese claramente o vínculo da xustiza co consentimento, co relato de que a etapa franquista foi normal. Ese é o problema.
"Son os herdeiros desas elites os que están nos altos cargos das administracións públicas; a sentenza das estatuas do Pórtico deixa claro o vínculo"
Cal cre que é o obxectivo final que teñen os Franco con todas estas denuncias?
O que buscan é que calquera cidadán que pretenda cuestionar, denunciar ou reclamar memoria respecto do franquismo non o faga. Meterlles medo, amedrentalos. Ademais, buscan tamén que non se poña en cuestión ese réxime que, segundo eles, tanta grandeza trouxo a España. Ese é o relato, o que indica que a democracia actual é a continuación do réxime fascista. Aqueles que pretendan cuestionar este relato teñen que acudir aos xulgados. É o mundo ao revés.
"Os Franco buscan amedrentar a quen cuestiona o franquismo, que non se poña en cuestión o relato que indica que a democracia é a continuación do réxime fascista"
Vox, un partido que gaba o franquismo, semella unha opción clara de pacto para PP e Ciudadanos, preocúpalle o auxe da ultradereita e o apoio doutros partidos?
Véxoo con moitísima preocupación porque eses partidos xogan á marxe da democracia. Ten moito que ver con esas elites sociais, políticas e económicas que vinculan o franquismo cun proceso normal da Historia. Iso non é compatible coa democracia. Calquera opción política democrática e calquera demócrata debería estar moi preocupado tamén.