A Galicia de 1975: o país en branco e negro que ía collendo cor

Vistas aéreas da Coruña (arriba á esquerda) e Vigo (abaixo) en 1974, pasaxeiros na estación de autobuses coruñesa en 1975 e Franco, tres meses antes de morrer a bordo do Azor en augas galegas CC-BY-NC-ND Montaxe: Praza.gal | Fotos: Fotografía Aérea y Terrestre e imaxes do NO-DO

Aquel 20 de novembro de 1975, hai hoxe medio século, Galicia erguíase con temperaturas frescas e sen ameaza de precipitacións. Era un xoves de outono que amencía coa nova da morte de madrugada do ditador Francisco Franco, anunciada polo daquela ministro de Información e Turismo, León Herrera Esteban, no boletín informativo das 6 da mañá de Radio Nacional de España. Horas máis tarde, contra as 10, o presidente do goberno, Arias Navarro, confirmaba a noticia por televisión, deixando unha frase que se tornou histórica. 

O réxime que iniciaba o seu ocaso coa morte de Franco xa abaneara coa loita obreira e antifranquista desde anos antes, con Ferrol e Vigo como epicentros claves

"Españoles, Franco ha muerto". O ditador falecía na cama logo de case 40 anos á fronte dunha ditadura sanguenta, escura e abafante que abaneaba desde había tempo e que remataría de caer pouco despois. Foi empurrada tamén por movementos sociais e obreiros como os que na súa cidade natal, só tres anos antes, provocaran unha violenta represión que acabou coa vida de dous traballadores de Bazán, ducias de feridos por bala e máis dun cento de detencións

O rei Juan Carlos e Francisco Franco, en Meirás pouco antes da morte do ditador CC-BY-NC-ND NO-DO

No mesmo Ferrol no que no verán previo á morte de Franco foi asasinado pola policía Moncho Reboiras. Nunha das comarcas onde a loita antifranquista estaba mellor organizada, xunto a Vigo, cidade onde nacera Xosé Humberto Baena, executado canda outras catro persoas nos cinco últimos fusilamentos levados a cabo polo réxime. Asasináronas en setembro, menos de dous meses antes do falecemento do ditador, que morreu matando.

A Galicia de 1975, cada vez máis urbana e industrial, era aínda rural: perto do 60% da poboación residía fóra das áreas urbanas e as cidades acollían o 30% dos habitantes

Era unha Galicia en branco e negro que ía collendo cor. Unha región —a autonomía aínda quedaba lonxe— cada vez máis urbana e industrial, fervedoiro de ansias de liberdade e loita obreira, pero un país eminentemente rural, cun vínculo coa aldea que nunca marchou pero que daquela era total. Vivises onde vivises. 

Máis do 56% da poboación residía en concellos afastados das áreas urbanas das sete cidades e o peso do sector agrario era clave na economía, ao nivel da industria ou dun sector servizos que non tiña, nin moito menos, a importancia de agora. Hoxe, case o 60% da cidadanía vive no 1% do territorio, mantendo a tendencia que nas últimas décadas ateiga as urbes e vilas lindeiras coa AP-9. 

As cidades continuaban absorbendo milleiros de persoas que chegaban desde as aldeas tras a vaga migratoria que desde os 60 levara tantas a Europa e ás grandes áreas industriais de España. Nos primeiros anos 70, as sete urbes galegas acollían perto do 30% da poboación, unha porcentaxe que hoxe xa rolda o 40% e se eleva moito máis se temos en conta áreas urbanas. 

Vista aérea de Santiago de Compostela en 1974 CC-BY-NC-ND Fotografía Aérea y Terrestre (FOAT)

Galicia tiña hai 50 anos case a mesma poboación pero era moito máis nova: a idade media era de 35 anos fronte aos 48 actuais e nacían 44.000 bebés ao ano, 30.000 máis que agora

En número, a poboación galega era semellante á actual, por riba dos 2,7 millóns de habitantes, pero supoñía case o 8% do total do Estado cando agora sitúase sobre o 5,5%. Unha Galicia cada vez menos pero aínda emigrante—o fluxo de milleiros cara a Europa remataría naquela altura—, en contraste coa que 50 anos despois recibe xente de fóra para traballar e paliar a baixa natalidade. Naquel 1975, a poboación estranxeira apenas superaba as 10.000 persoas, fronte ás máis de 155.000 rexistradas nesta altura

Era, ademais, unha Galicia nova, sendo o dos cativos ata os 14 anos o grupo poboacional máis numeroso nunha pirámide que deixou de selo medio século despois: a base mingua mentres a franxa entre os 45 e os 54 é a máis numerosa. Porque a idade media actual no país supera xa os 48 anos e en 1975 era de 35. Daquela, só o 12% da poboación superaba os 65 anos, cando agora é o 27%. 

Os menores de 20 supoñían en 1975 case un terzo do total dos habitantes do país, unha proporción que baixou ao 15% na actualidade. Había moitos nacementos —case 44.000 ao ano, uns 30.000 menos dos que se dan agora— e a esperanza de vida rolda os 84 anos cando medio século antes quedaba nos 73. 

As mulleres dedicábanse, na inmensa maioría, ao coidado dos fillos e só meses antes da morte de Franco se lles permitiu abrir unha conta bancaria sen permiso do marido

Aquela era outra Galicia. E outra España. A desigualdade laboral —entre moitas outras— que seguen a sufrir as mulleres era entón o ostracismo. A inmensa maioría dedicábase á casa, á cociña e ao coidado dos fillos, cando hoxe representan case a metade da forza do mercado laboral. Era unha sociedade gris e escura para a metade da poboación, que tiña mesmo restricións legais para a súa autonomía e liberdade. Non foi só ata uns meses antes da morte de Franco, en maio, cando se aprobou a lei que permitía as mulleres abrir unha conta bancaria sen necesidade do consentimento dun home: o marido, no caso das casadas, e o pai ou titor no das solteiras. 

A autorización por parte do marido abranguía moito máis: as mulleres non podían traballar ou asinar contratos sen o permiso do home. Hai tan só 50 anos, cando a idade media na que as mulleres tiñan o seu primeiro fillo estaba por baixo dos 25 anos e agora é de case dez anos máis. Cando apenas un cuarto delas no Estado —e xa é moito dicir se falamos dun país fundamentalmente rural— tiña carné de conducir e a maioría casaban aos vinte e poucos ou antes. O divorcio, madía leva, non existía. E o matrimonio homosexual era amentar (se é que a alguén se lle ocorría) o demo.  

Persoas usuarias da estación de autobuses da Coruña, en 1975 CC-BY-NC-ND NO-DO

"La divertida y picante historia de una chica sin papá... Pero con mámá, y qué mamá", rezaba o anuncio da película Cinco almohadas para una noche, protagonizada por Sara Montiel e estreada nos cines galegos, precisamente, aquel 20 de novembro. Un día despois, declarado xa o loito, quedaban suspendidas as festas e actos culturais, cerraba a Bolsa e universidades e colexios pechaban unha semana. 

A Galicia da morte de Franco era pobre: non alcanzaba o 75% do PIB de España nin o 60% da Europa comunitaria; hoxe rolda o 93% da media estatal e o 84% da da UE

A maioría de actos festivos, culturais ou deportivos retomaríanse a partir do domingo ás 3 da tarde, o que permitiu que Deportivo e Celta disputasen un agardado derbi en Riazor o mesmo día no que Franco era enterrado en Cuelgamuros e logo de días de velorio. Nas horas posteriores á morte do ditador, seguían enchéndose as prazas dos buses e trens que levarían centos de celtistas á Coruña nunha xornada festiva e cunha rivalidade propia —tamén— doutros tempos. Gañaría o Dépor 2-0, no mesmo estadio no que só dous anos despois os xogadores de ambos equipos erguerían a bandeira galega para reivindicala nunha imaxe icónica. 

Galicia sufriu no verán de 1975 case a metade dos incendios forestais de España

Entre lamentos da cidadanía que aínda defendía o réxime, a alegría e desafogo de todo o antifranquismo e a incerteza e esperanza da maioría, Galicia albiscaba aquel novembro un futuro mellor para unha terra pobre, que non alcanzaba o 75% do PIB de España e cunha renda que supoñía menos do 60% da media da Europa comunitaria. En 1995 alcanzaría o 80% e hoxe o seu PIB per cápita rolda o 93% da media estatal e está no 84% da media da UE dos 27.  

Nos tempos previos e posteriores á morte de Franco, España estaba aínda moi lonxe de Europa —tamén no social e no cultural— pero moito máis perto do que estivera e do que se podía imaxinar. A lixeira apertura do réxime e os avances que a enorme diáspora galega levaba anos relatando chegaban aos poucos. Moi paseniñamente. O réxime, no seu ocaso, permitíase mesmo licenzas no ámbito cultural e identitario galego que eran impensables pouco antes. 

Daqueles meses previos á morte de Franco, os seus biógrafos lembran a despedida do Pazo de Meirás, en compaña do rei Juan Carlos, e a súa —disque— emoción no momento da interpretación do himno galego nun acto na Coruña. Os xornais da época permitíanse textos e mesmo reivindicacións "para a normalización da nosa lingua" por parte de organizacións colexiais e entre o alumnado universitario en Galicia, menos da metade do actual, alternábanse reivindicacións e protestas con represión e detencións constantes. 

Rapaces na rapa das bestas de Sabucedo, en 1975 CC-BY-NC-ND NO-DO

Todo estaba por gañar e descubrir, pero había cousas que non eran tan diferentes. No verán daquel 1975 o lume cebouse cos montes galegos, onde houbo perto de 2.000 incendios, case a metade de todos os rexistrados en España. Era a época do servizo militar obrigatorio e longo, da consolidación do terrorismo de ETA e da irrupción dos GRAPO, da mobilización obreira e social e das múltiples folgas xerais e de milleiros de detidos e encarcerados. Tamén a da Marcha Verde coa que Marrocos incrementou a presión sobre España para facerse co control do Sahara durante a hospitalización do ditador. 

A época na que aínda se mantiña a censura, na que o 600 daba paso ao Seat 127, onde Félix Rodríguez de la Fuente comezaba a ser referente e na que Uri Geller dobraba culleres. Pero era tamén a Galicia das romarías e das verbenas, das máis de 150 orquestras e grupos musicais, que chegarían a medio milleiro en poucos anos tras a morte de Franco. E a do país que encetaba as primeiras organizacións ecoloxistas e se preparaba para loita contra a nuclear en Xove, para a batalla das Encrobas, para as mobilización polo areal de Baldaio ou para as protestas contra a navallada da AP-9

Fraga e Meilán

Pero as tebras aínda eran moitas. Ao día seguinte do falecemento do ditador, TVE dedicaba toda a súa programación á súa figura, incluíndo filmes e documentais glosando a súa vida: Franco, ese hombre, Ideario de Franco, Franco: el siglo XX de España, Al servicio de España: programa biográfico sobre el Generalísimo

"La gente vive hoy un poco más despacio, triste, sintiendo la ausencia de quien siempre veló por su destino", empezaba a súa crónica El Pueblo Gallego. Na véspera da morte, El Progreso destacaba que a Franco, de novo, "le gustaban las judías con chorizo", ao tempo que relataba en sucesos o caso dun falso sacerdote que se dedicaba a roubar a punta de navalla. Noutros xornais, en destaque, a foto da chegada de Manuel Fraga a España logo da súa etapa como embaixador en Londres ou o nomeamento como fillo predilecto da provincia da Coruña de José Luis Meilán Gil. Moitos anos despois, ambos —e moitos outros da época— seguirían protagonizando portadas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.