Adeus a 'Pencha' Santasmarinas, alma da loita contra a nuclear de Xove

Pencha Santasmarinas, nunha entrevista na TVG en 2017 © CRTVG

O Domingo de Pascua de 1977 arrincaba en Viveiro unha mobilización que ía pasar á historia de Galicia. Milleiros de persoas -5.000, segundo a prensa da época; 8.000, segundo a organización- botáronse a andar polas estradas mariñás para facer ver o amplo rexeitamento que suscitaba na comarca a instalación dunha central nuclear no lugar de Regodela, en Xove.

Naquela histórica manifestación, así como noutras múltiples mobilizacións e actos informativos contra os plans nucleares de Fenosa, Eléctrica del Viesgo e Hidroeléctrica del Cantábrico, destacaba a presenza e o liderado de Prudencia Santasmarinas, Pencha Santasmarinas. A perserverante activista (Santiago, 1943) faleceu o pasado domingo en Compostela do tumor cerebral que padecía.

Pencha Santasmarinas, falecida aos 75 anos, foi clave no liderado das mobilizacións contra a nuclear de Xove, pero tamén nas melloras profesionais para as mulleres no agro e no mar

Mestra de formación, Santasmarinas desenvolveu dende finais dos anos 60 do século pasado a súa traxectoria profesional como funcionaria de Extensión Agraria e mais de Extensión Pesqueira, primeiro para o Goberno central e despois, para o galego. A propia Xunta a recoñecía no ano 2010, cando lle concedeu a Medalla Castelao, como autora dun contributo "esencial" para, por exemplo, a mellora profesional das mariscadoras, impulsándoas a que o seu labor se asentase como profesión e "deixase de ser unha actividade complementaria", ademais de alentar a súa participación nos órganos de goberno das confrarías.

Mobilización contra a central nuclear de Xove Dominio Público Fundación Galiza Sempre

"A estas alturas só me move o tema da muller", explicaba Pencha Santasmarinas nunha entrevista no programa Galegos da Televisión de Galicia no ano 2017. Naquela conversa repousada lembrou as súas primeiras lecturas do Sempre en Galiza, parellas á súa implicación na Asemblea Nacional-Popular Galega e mais no Bloque Nacional-Popular Galego, militancia e activismo político cun guieiro claro: "A política é a arte de transformar a sociedade para mellor, para facer unha sociedade máis xusta". Esa filosofía levouna tamén ao eido sindical, xa fose nas Comisiós Labregas ou no Sindicato Labrego Galego.

"A política é a arte de transformar a sociedade para mellor, para facer unha sociedade máis xusta", reflexionaba Pencha Santasmarinas

Pencha Santasmarinas amosábase naquela entrevista, como na vida, tan firme como humilde. "A xente sempre me di que fun instigadora" das mobilizacións contra a nuclear de Xove, admitía. "Pero non teño nada de heroína, non son nada extraordinaria; son bastante normaliña". Só lle tocou ser "cabeza visible dese movemento político", pero coa intención de "colaborar cos veciños" para ver "que se podía facer" e explicar que en Galicia "non temos que achantar con todo o que nos chegue". "E iso nunca se pode facer soa", reflexionaba. 

Tras transcender a nova do seu falecemento foron múltiplas as condolencias, tanto dende o ámbito político e sinidical como de persoas anónimas que lembraban o seu intenso compromiso co país e a causa feminista e ecoloxista durante toda a súa vida.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.