A natalidade cambia a tendencia: aumentan os nacementos ata setembro tras un novo mínimo histórico

O número de nacementos nos nove primeiros meses do 2025 aumentou en 111 nenos e nenas © Montaxe: Praza.gal Imaxe: Xunta

O ano 2024 volveu marcar un novo mínimo de nacementos na serie histórica en Galicia. Naceron 13.350 nenos e nenas, por debaixo das cifras de 2023 (14.004) e moi lonxe do dato de 2008 (23.175), case dez mil menos

O ano 2024 volveu marcar un novo mínimo de nacementos na serie histórica en Galicia. Naceron 13.350 nenos e nenas, por debaixo das cifras de 2023 (14.004) e moi lonxe do dato de 2008 (23.175), case dez mil menos. En consecuencia, o saldo vexetativo (diferenza entre nacementos e defuncións) torna aínda máis negativo (-19.399), xa que o número de mortes (32.749) mesmo se incrementou en relación ao ano anterior.

Ese ano 2008 supuxo un cambio de tendencia en canto ao número de nacementos. Foi o final dun período dun lento ascenso da natalidade, iniciado en 1996, primeiro grazas á chegada ás idades máis fértiles da xeración do baby boom da década dos 70, e despois a consecuencia da vaga de inmigración chegada a Galicia nos primeiros anos deste século.

Entre xaneiro e setembro naceron en Galicia 1.116 nenos e nenas, 111 máis que no mesmo período do pasado ano 2024, aínda que lonxe -iso si- dos valores dos anos anteriores (en 2023 foran 10.377)

Dende entón a cifra anual de nacementos en Galicia non deixou de descender. Porén, este 2025 pode supor un punto de inflexión, un cambio de tendencia. Este mércores, ademais da estatística do movemento natural da poboación do ano 2024, o INE deu a coñecer os datos provisionais de nacementos dos nove primeiros meses do ano.

Entre xaneiro e setembro naceron en Galicia 1.116 nenos e nenas, 111 máis que no mesmo período do pasado ano 2024, aínda que lonxe -iso si- dos valores dos anos anteriores (en 2023 foran 10.377). Haberá que agardar aos datos dos últimos tres meses do ano para comprobar se se mantén unha tendencia que xa viñan apuntando os meses anteriores. E haberá que comprobar posteriormente se este cambio de tendencia supón un punto de inflexión sostido no tempo ou se se trata, simplemente, dun ascenso puntual.

Haberá que agardar aos datos dos últimos tres meses do ano para comprobar se se mantén unha tendencia que xa viñan apuntando os meses anteriores

No que levamos de ano o aumento no número de nacementos en Galicia (+1,11%) sitúase mesmo por riba do incremento rexistrado no conxunto do Estado (+0,95). Os nacementos soben en todas as comunidades autónomas, agás Baleares, Cantabria, Estremadura e Navarra.

En Galicia o aumento provisional é debido, principalmente, ao incremento no número de nacemento entre nais con idades entre os 40 e os 44 anos (+4,55%) e entre os 35 e 40 (+2,28%).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.