O día en que eu me perda no Calexón de Núñez,
chimpádeme unhas cascas de manises no Náutico.
O día en que eu me vaia no Nautilus, avante,
polo mare de Rande cara as lamas máis últimas,
levai camelias murchas á taberna de Armando.
O día en que eu naufrague nos furanchos de antano,
que no Bar Abanico latrique a pianola.
Que me choren con fados e cántigas canallas
os chaíñas e os ghichos que me fixeron punto
con chavalas curriñas no baile das Cabañas.
Cando eu rache a paipa, como fixo Brassens,
e deixe á descendencia as zapatillas vellas,
que coman caldeirada de pata-roxa todos
os amigos, na Anguila, con raiba encantadora.
O día en que, de súpeto, onda as Almas Perdidas,
eu pille ese tranvía fantasma que nos leva
aos bébedos, na néboa, aos solares de tras,
lembrádevos de Chambi, Martinico, o Chinito,
e a boca se vos encha de pirulí e barquillo,
e que ninguén me faga pranto de cascarilla
cando eu estire a pata nesta cidade estrépito
e poñan no meu texto: "fechou por defunción".
A despedida de Xosé Luís Méndez Ferrín respectou bastante o espírito deste poema de Estirpe que encheu as redes sociais en homenaxe ao poeta, escritor, político, pensador, mestre e revolucionario que nos deixou aos 88 anos de idade tras unha desas vidas que non caben nunha soa.
No tanatorio de Pereiró, en Vigo, comezou na tarde deste xoves un adeus que rematará este venres, ás seis da tarde, cando sexa incinerado na intimidade familiar. Alí déronse cita varias xeracións de ex-alumnos de Ferrín do Instituto Santa Irene, á parte de personalidades da cultura e da política local e galega, que acompañaron á familia con verbas de alento.
"Deixa un legado creativo inmorredoiro, que o paso do tempo axigantará", salienta o presidente da Academia, Henrique Monteagudo
As mostras de recoñecemento chegaron de diferentes eidos, a Real Academia Galega –da que foi académico e presidente, antes de renunciar a ambas cousas– expresa un fondo pesar polo pasamento de quen é unha "figura central da cultura a galega desde a segunda metade do século XX polas súas achegas nos eidos da creación literaria, o xornalismo, os estudos literarios e a filoloxía". "Dotado dun estilo inconfundible, de alta densidade literaria, a súa obra constitúe un universo moi persoal, no que se mesturan elementos do plano mítico e do real, do existencial e do político", salienta a institución.
"Nos seus escritos alenta a súa poderosísima imaxinación e a súa ardente paixón polas causas que defendeu (o idioma, a nación, a revolución proletaria). En cada un deles engaiola o seu abraiante dominio do galego, que lle permitiu forxar unha lingua literaria opulenta, luminosa e eficaz. Vaise un dos mellores escritores galegos de todos os tempos, un grande da nosa cultura, un patriano excepcional. Deixa un legado creativo inmorredoiro, que o paso do tempo axigantará", razoa o presidente da Academia, Henrique Monteagudo.
O Consello da Cultura Galega despide a "unha das figuras máis relevantes da cultura galega contemporánea" e recoñece que "a súa traxectoria intelectual e creativa deixou unha pegada fundamental na literatura, nos estudos literarios e no xornalismo, así como na proxección exterior da cultura e das letras galegas".
"Contribuíu á modernización da literatura galega e á súa conexión con outras tradicións culturais e literarias, cunha escrita que explora a identidade, a memoria, a liberdade e os conflitos individuais e colectivos", sinala o Consello da Cultura
"Desde os seus primeiros libros, contribuíu á modernización da literatura galega e á súa conexión con outras tradicións culturais e literarias, cunha escrita que explora a identidade, a memoria, a liberdade e os conflitos individuais e colectivos. A súa renovación estilística formal marcou profundamente as novas xeracións", recolle o CCG nun comunicado. Tamén dan conta da súa pena e recoñecemento na Fundación Rosalía de Castro, que argumenta que a obra de Ferrín "significou un antes e un despois para a nosa literatura"; na Fundación Barrié, na SGAE, no Ateneo Ferrolán ou desde o Culturgal.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) lémbrao como "autor central da literatura galega contemporánea, que uniu a súa enorme creatividade na escrita a un compromiso insubornábel co país". "É un exemplo de traballo constante na profundidade estética da palabra e a vontade de intervir no conxunto na sociedade, sempre coa independencia da nación como horizonte común", agrega o colectivo.
"Hoxe non hai ningún Valle-Inclán, ningún Torrente Ballester. A literatura que se produce en Galicia é en galego e danos unha fortaleza indiscutible para a defensa da lingua". Con esta sentenza lembra a Méndez Ferrín a Fundación Torrente Ballester, que traslada as súas condolencias. "Faleceu aos 88 anos, coma don Ramón, deixando, tamén coma Otero, unha pegada inmensa", apuntan dende a Fundación Otero Pedrayo.
"Tivemos a honra de recoñecer a súa extraordinaria traxectoria co doutoramento honoris causa", lembra a reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, que incide en que "como universidade pública" teñen o compromiso "de manter vivo o seu legado, de seguir lendo, estudando e debatendo unha obra que continuará interpelando ás novas xeracións".
"Tivo un vínculo moi estreito coa Universidade de Vigo e atendeu sempre as súas chamadas para cursos de doutoramento, conferencias, recitais... El vivía en Vigo e era un dos grandes coñecedores do que é Vigo en todos os sentidos: o dos grandes transatlánticos e dos cabalos ceibos que están aquí na universidade. Lembro artigos memorables sobre este tema, Os cabalos do reitor, por exemplo, que apuntan a unha persoa que sabía o territorio que pisaba e que estaba moi vinculado á que foi a súa universidade no traxecto final da súa vida", reflexiona Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro e profesor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina desta universidade.
Angueira destaca que co pasamento do seu benquerido amigo o país queda sen "unha figura irrepetible, absolutamente irrepetible, que puxo os ollos onde ninguén e non só como escritor, senón como político e home de intervención".
A Deputación de Ourense compartiu o pesar sinalando que "a súa obra é parte da memoria literaria de Galicia". O Concello de Celanova decretou un día de loito oficial en sinal de respecto polo seu falecemento. Méndez Ferrín permaneceu toda a vida ligado á parroquia de Vilanova dos Infantes, onde sempre tivo a casa da súa familia paterna.
O Concello de Santiago, cidade na que Ferrín comezou os seus estudos universitarios, uniuse ao pésame. Pola súa banda, o Concello de Xinzo de Limia lembrou que o pasado 8 de outubro foi distinguido co 𝗩 𝗣𝗿𝗲𝗺𝗶𝗼 𝗖𝗮𝗿𝗹𝗼𝘀 𝗖𝗮𝘀𝗮𝗿𝗲𝘀 𝗱𝗲 x𝗼𝗿𝗻𝗮𝗹𝗶𝘀𝗺𝗼 l𝗶𝘁𝗲𝗿𝗮𝗿𝗶𝗼, concedido por unanimidade, "en recoñecemento a máis de corenta anos de escrita xornalística". "O seu legado literario e o seu compromiso político permanecerán para sempre no pobo galego", salienta o Concello de Oleiros.
"A nosa economía e a nosa cultura e a nosa vida colectiva en xeral non serán normalizadas até que academos un Poder Galego que aínda se divisa ao lonxe, que aínda non demos conquerido". O Concello de Fene expresa o seu fondo pesar e lembra que Méndez Ferrín foi o autor da primeira declaración institucional do Día da Patria Galega neste municipio, no ano 1999.
Edicións Xerais de Galicia tamén expresa un fondo pesar polo falecemento de Méndez Ferrín, estreitamente ligado á editora desde a súa fundación. "A súa relación coa editora forma parte dunha historia partillada de compromiso coa literatura e coa cultura galegas", manifestan sobre o ourensán, ao que definen como "un escritor excepcional, un creador que ampliou os límites da nosa literatura e deixou unha obra que pervivirá, acompañará e interpelará ás seguintes xeracións como o fixo con todas as anteriores".
"Perde Galicia un gran poeta e intelectual clave para entender a nosa cultura nun presente incerto", traslada a Fundación Gonzalo López Abente, con sede en Muxía. O agarimo chegou de todo o país, da Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas de Vigo á Biblioteca Municipal de Chantada, que reuniu unha mostra bibliográfica con algúns dos seus libros, que forman parte da súa colección, para renderlle unha pequena homenaxe: "Hoxe máis ca nunca, ler tamén é unha forma de lembrar". A Biblioteca Pública de Ourense Nós tamen preparou unha homenaxe a Ferrín a través dos seus libros.
"A nosa economía e a nosa cultura e a nosa vida colectiva en xeral non serán normalizadas até que academos un Poder Galego que aínda se divisa ao lonxe, que aínda non demos conquerido", escribiu Ferrín para o Día da Patria de 1999 en Fene
"Dor tras dor, tempo negro leste, váisenos outro dos grandes mestres, inmenso poeta e escritor e intelectual da nosa historia contemporánea e de todos os tempos", lamentou o escritor, político e editor Miguel Anxo Fernán-Vello nas redes sociais na mesma noite do falecemento de Ferrín, que chega apenas mes e medio despois do pasamento de Xosé Manuel Beiras. Fernán-Vello tira do seu fundamental arquivo e comparte tamén unha fotografía de ambos políticos moi preto da Praza de Mazarelos, en Santiago de Compostela, compartindo mesa nunha terraza. Unha imaxe que xa é historia.
"Hoxe apagou o corazón insubornablemente rebelde e loitador do amigo Xosé Luís Méndez Ferrín, revolucionario das letras galegas e comprometido coa causa das clases populares en Galicia e no mundo. Alicerzará para sempre a Trabe de Ouro da Nación", escribiu nas redes sociais o catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela Xavier Vence.
Dende a Casa-Museo Manuel María (Outeiro de Rei) lembran que o poeta escribiu: "... de Xosé Luís Méndez Ferrín... e gardo no meu corazón a súa palabra, / que é unha semente fecunda e milagreira / e ollo latexar o seu corazón grande como Galiza, / inmenso como un verso salvador, / ateigado de amor, beleza e inocencia". Na Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña e na Fundación Curros Enríquez, tampouco esquecen o seu legado.
"A través dos seus versos, dos seus relatos e do seu compromiso coa lingua, Ferrín axudou a contar quen somos", traslada a Unión Deportiva Ourense
A Unión Deportiva Ourense uniuse tamén ao recoñecemento do escritor asegurando que a cidade das Burgas "perde un dos seus fillos máis ilustres" e Galicia despide unha "voz fundamental". "A través dos seus versos, dos seus relatos e do seu compromiso coa lingua, Ferrín axudou a contar quen somos. As súas palabras seguirán acompañando a xeracións de galegas e galegos", manifesta o club de fútbol.
A Confederación Intersindical Galega (CIG) resalta que "a súa traxectoria intelectual, cultural e política estivo marcada pola defensa da lingua galega, da identidade nacional e dos dereitos da clase traballadora, causas que concibiu como parte dunha mesma loita e polas que chegou a ser encarcerado".
O sindicato Comisións Obreiras destaca a súa achega á cultura do país e unha traxectoria intelectual e pública "marcada pola defensa da lingua galega e polo compromiso coa realidade social de Galicia e coas reivindicacións da clase traballadora". "A figura de Méndez Ferrín representa, en definitiva, unha traxectoria na que a creación literaria e o compromiso coa realidade do país avanzaron da man", conclúe CCOO.
"Reclamo a libertade pró meu pobo", coa lembranza deste verso despediuno a CUT. O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) sumouse cunha lembranza de Ferrín.
"A obra de Xosé Luís Méndez Ferrín xa forma parte da historia das nosas letras", manifestou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rede social X. Neste mesmo espazo, o delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, expresou o seu pesar e indicou que Ferrín "deixa unha obra e un legado que xa forman parte da historia da nosa terra".
"No vento de mazán que se desfraga / nos cons e pedregullo solar / de cabo de Home e Punta do Cabalo de Fora / reclamo a libertade pró meu pobo". O BNG comparte estes versos de Ferrín na súa mensaxe de pésame. "Deixa unha fonda pegada en todas as persoas que, coma el, amamos Galiza e aprendemos a mirala tamén a través das súas palabras", afirma a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón.
"Perante a ameaça de volta da besta, desde os arrabaldos do norte seguiremos retornando sempre a Tagen Ata para combaté-la sem trégua sob a lembrança e inspiraçom das vítimas do franquismo", asevera o Comité pola Memória Histórica do Val do Límia
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou a "perda irreemprazable" para a cultura galega que supón a morte do intelectual afincado en Vigo, ao que definiu como unha "potencia cultural da nosa literatura". Formacións políticas como a UPG, Anova, Compostela Aberta, Marea Atlántica, Podemos Galicia ou Anticapitalistas tamén mostraron o seu pesar pola desaparición do ourensán.
"Creu na unidade da esquerda cando todo era tabú, facendo valer aquel verso que escribiu apelando 'a unión mínima dos homes darredor dun problema sórdido", comparte Rubén Pérez Correa, secretario de Estado de xuventude e infancia. Tamén tivo unhas palabras para despedilo o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que o recoñece como "figura fundamental" da nosa cultura.
"Perante a ameaça de volta da besta, desde os arrabaldos do norte seguiremos retornando sempre a Tagen Ata para combaté-la sem trégua sob a lembrança e inspiraçom das vítimas do franquismo", asevera o Comité pola Memória Histórica do Val do Límia, que despide a "um dos maiores divulgadores e amantes das imensas terras arraianas do Val do Límia, neste nosso sul da Gallaecia central, onde os bosques brilham com umha estrelinha em cada folha".