Iago Castro publica nun artigo en Madrygal un texto que o poeta dedicou en 2001 a un traballador do naval e que foi rescatado anos despois pola súa sobriña nunha redacción na clase de Lingua Galega, aínda que posteriormente ficou perdido
Esta é unha historia en tres actos, que fala do pasado e tamén do futuro e que comeza pola metade. Era o ano 2009 e na clase de Lingua Galega de 1º de Bacharelato do IES República Oriental de Uruguai de Vigo, no proletario barrio de Teis, o mestre encargou ao alumnado faceren unha redacción, "a historia de alguén que admires do teu círculo próximo". A alumna Andrea Costas Graña entregou un texto sobre o seu tío Ricardo Domínguez González, Pancho, traballador do naval e sindicalista, que se significou nas loitas obreiras dos anos 80, especialmente nas protestas de ASCON.
O admirativo texto recollía a implicación de Pancho (“o meu tío estaba en primeira liña, así levou paus por todas partes”) e comentaba a relación de amizade que o unía a Xosé Luís Méndez Ferrín (“un gran amigo co que
comparte a memoria das loitas obreiras que tan importantes foron en Vigo”). Unha proximidade que levou a que no marco dunha homenaxe tributada a Pancho en Candeán, na que tamén participou Xesús Alonso Montero, Ferrín lle dedicase un poema, “Abrazar a Pancho”, texto que Andrea incorpora á súa redacción e que permaneceu inédito durante anos. Ata agora.
O texto, destaca Iago Castro, "leva ao poético a memoria da loita colectiva" e personifica en Pancho "eses 'compañeiros irrepetíbeis' que loitaron man con man contra o maquieiro do metal no Vigo do primeiro lustro dos 80"
Rescátao no último número de Madrygal. Revista de Estudios Gallegos Iago Castro, que tamén daba clases nese curso 2008-09 no IES R.O.U. de Teis. Nese momento o mestre que encargara a redacción amosáralle o texto, sorprendido pola inclusión do poema sabedor da proximidade de Castro con Ferrín e as Redes Escarlata. De feito, Iago Castro chegou a comentar o achádego con Anxo Angueira. Porén, o texto ficou despois perdido durante anos, tanto na súa versión dixital coma nunha copia física, traspapelada nalgures.
"Foi publicar Anxo Angueira en 2024 a Poesía reunida de Méndez Ferrín, onde o poema aquelaría perfectamente na sección de textos Dispersos, e aparecer este Abrazar a Pancho", comenta Iago Castro en conversa con Praza.gal, sinalando que estivera todo o tempo entre as follas dun poemario do propio Ferrín, unha edición do Erótica (1992).
O poema
Pancho estivo na vangarda das protestas de ASCON e mesmo chegou a ir preso. "Levounas no corpo por estar aí, loitando por todos", destaca Iago Castro. En 2001 foi vítima dunha explosión no seu traballo nun estaleiro
O texto, destaca Iago Castro no artigo que publica en Madrygal, "leva ao poético a memoria da loita colectiva" e personifica en Pancho "eses 'compañeiros irrepetíbeis' que loitaron man con man contra o maquieiro do metal no Vigo do primeiro lustro dos 80". E destaca que "facer público este poema perdido permite, máis alá de acompañar un corpus poético dunha entidade e impacto sen igual na poesía galega contemporánea, dar testemuño dunha loita nun tempo e nun lugar e facermos unha pouca xustiza histórica cos seus protagonistas".
O poema, que se pode ler integramente no final desta noticia, encaixa na poesía revolucionaria que Méndez Ferrín escribiu como Heriberto Bens ou no propio Con pólvora e magnolias do que estamos a celebrar o 50 aniversario. Porén, é sobre todo "un poema dun tempo e dun lugar", destaca Iago Castro, unha homenaxe ao Vigo proletario a través dun dos seus loitadores ("as masas proletarias, que teñen un poder ilimitado axuntábanse no centro da cidade e eran soberanas") .
"Para min o máis interesante, máis aló do valor que ten un texto novo de Ferrín, é a forma en que neste caso conecta estas loitas do pasado co presente", destaca Iago Castro
Polos seus versos aparecen as loitas de ASCON nos anos 80 e mesmo o secuestro -en 1985- dun barco que cruzaba a ría, tamén o obxectivo de "endereitar unha liña sindical torta". E remata cunha acendida laudatio do "solidario, alegre, limpo, activo, valente" Ricardo Domínguez González, Pancho, que "sempre era o primeiro en botar as dúas mans".
Pancho estivo na vangarda das protestas de ASCON e mesmo chegou a ir preso. "Levounas no corpo por estar aí, loitando por todos", destaca Iago Castro. Tras o peche do estaleiro, seguiu a traballar no sector naval, no
estaleiro Metalship. Alí, no ano 2001, unha explosión nun tanque mataou un compañeiro e feriu gravemente outros catro. Un deles foi o propio Pancho, que acudiu en axuda dun compañeiro e salvouno das chamas e que sufriu danos importantes, que mesmo o tiveron varios meses en coma e ingresado na UCI. Á saída do hospital foi cando recibiu a homenaxe pública de onde procede o poema.
O valor do texto
Na redacción Andrea escribiu: “eu sempre estarei orgullosa do meu tío; estou segura de que é un claro exemplo a seguir: unha persoa loitadora”
Nesta historia en tres actos un poema serve de homenaxe ás loitas do pasado e aos loitadores que as protagonizaron. Pero o poema ten a capacidade de proxectarse cara adiante, cara ao futuro e a xeracións vindeiras, neste caso a través do texto da sobriña de Pancho que serviu para recuperalo. Así o entende Iago Castro: "para min o máis interesante, máis aló do valor que ten un texto novo de Ferrín, é a forma en que neste caso conecta estas loitas do pasado co presente". No seu texto, a sobriña de Pancho destaca a loita colectiva da que o seu tío facía parte e o valor de estar "todos a unha". Na redacción Andrea escribiu: “eu sempre estarei orgullosa do meu tío; estou segura de que é un claro exemplo a seguir: unha persoa loitadora”.
"A redacción de Andrea mostra como moita xente en Vigo ten aínda tatuados os anos da loita obreira na cidade, como hai xente nova que ten moi presente esa resistencia. Iso explica como Vigo está sempre á vangarda da contestación social cando hai unha folga ou en tantas manifestacións", di Iago Castro.
ABRAZAR A PANCHO
Pasar da necesidade á liberdade,
repetíanos Mao Tsé-Tung.
Daquela poñíamonos pensativos e iamos
[abrazar a Pancho.
As masas proletarias,
que teñen un poder ilimitado
axuntábanse no centro da cidade e eran
[soberanas
por unha hora ou menos.
Transcorría o combate glorioso de Ascón e,
[á tardiña,
unhas botellas de ribeiro branco na Guía.
Os encapuchados asaltan o catamarán, bravo.
Nós, entusiasmados,
corriamos á de Xusto para frenéticos xogar á
[chave
e abrazar a Pancho.
Tratábase de endereitar unha liña sindical torta
ou de substituír unha táboa podre no sobrado
[común.
Sempre Pancho era o primeiro en botar as dúas
[mans.
E nós, entón, abrazábamos a Pancho.
Solidario, alegre, limpo, activo, valente Pancho.
Damos gracias á vida por nos ter posto en Vigo
nun tempo en que Pancho e os compañeiros
[irrepetíbeis vivían
e respiraban na loita e na esperanza.
E abrazamos a Pancho.