Recuperan, 50 anos despois, a novela inédita de Méndez Ferrín 'Os corvos, a figueira e a fouce de ouro'

Imaxe dunha das dúas copias da obra orixinal mecanografada por Ferrín © Universidade de Vigo

En 1969 Xosé Luís Méndez Ferrín foi detido e enviado ao cárcere durante case dous anos por un delito de propaganda ilegal. Decretárase o estado de excepción e a policía atopara entre as pertenzas do autor tres exemplares dunha novela inédita, Os corvos, a figueira e a fouce de ouro, asinada baixo o pseudónimo de Laín Feixóo e que se compuña de 41 páxinas mecanografadas. Aínda que no xuízo Méndez Ferrín alegou que se trataba dunha ficción alegórica e que non tiña intención de publicala, o autor foi condenado. 

Méndez Ferrín foi encarcerado por ter escrito esta novela, aínda non publicada e dedicada aos guerrilleiros antifranquistas galegos

A sentenza recolle un gran número de fragmentos da novela, entre eles a dedicatoria que lle daba inicio: "Ao Piloto, último guerrilleiro de Galicia, abatido a tiros en Belesar en 1964. En memoria de Foucellas, Bailarín, Ponte, Raúl, Curuxás e de todos os xefes guerrilleiros que defenderon o honor, a liberdade e a democracia na Nación galega, e morreron".

Méndez Ferrín foi encarcerado, primeiro en Vigo e posteriormente na prisión de El Dueso, en Cantabria, onde escribiu Retorno a Tagen Ata (publicada en 1971 por Edicións Castrelos) e Antón e os inocentes (publicada en 1976 por Edicións Xistral). Porén, tanto os tres exemplares da novela como a tradución ao castelán encargada a Francisco Fernández del Riego polo xuíz instrutor do Tribunal de Orden Público desapareceron, coñecéndose unicamente da novela os fragmentos recollidos na sentenza condenatoria. Durante 50 anos. Ata agora.

Méndez Ferrín le o manifesto do Día Mundial da Poesía no Teatro Principal De Santiago © Óscar Corral

Fernando Ramallo iniciou no ano 2018 unha procura, despois de falar co propio Méndez Ferrín. Localizou a novela en Salamanca

O investigador da Universidade Vigo e director da Área de Normalización Lingüística, Fernando Ramallo, iniciou no ano 2018 unha procura, despois de falar co propio Méndez Ferrín. Ramallo localizou a novela no Centro Documental da Memoria Histórica, dependente da Secretaría de Estado de Cultura e con sede en Salamanca. A finais dese ano 2018 recibiu a confirmación de que o texto se atopaba nese arquivo, coa documentación ligada ao proceso xudicial contra o autor. 

Porén, "a obra quedara convertida nun bloque compacto por efecto da humidade, o que tamén derivara na presenza de microorganismos diversos como fungos ou insectos", explican dende a Universidade de Vigo, razóns polas que o equipo de restauración do Archivo Provincial de Salamanca desaconsellaba por completo a súa manipulación. 

Ramallo insistiu na necesidade de levar a cabo o proceso de restauración, atendendo á importancia da obra e do propio Ferrín, "cuxa candidatura ao Premio Nobel de Literatura foi presentada en numerosas convocatorias", subliña o investigador. Finalmente, a restauración foi aprobada e culminouse con éxito en setembro de 2019, despois de 15 meses de traballo, recibindo Ramallo as imaxes dixitais de dúas copias da novela e da tradución de Fernández del Riego.

A tradución encargada a Francisco Fernández del Riego © Universidade de Vigo

A restauración realizouse ao longo de 15 meses

Aínda que unha parte importante do texto estaba danado e non puidera ser recuperado, a casualidade permitiu que as partes perdidas nunha e noutra copia fosen diferentes. "Esta ‘complementariedade’ dos fragmentos irrecuperables permitiunos unha edición sobre a que apenas tivemos que deixar partes en branco, por seren ilexibles nos dous textos”, explica Ramallo. E, naquelas partes que si se perderan nas dúas copias, a tradución de Del Riego, que case non sufrira danos, permitiu completar o texto.

A novela transcribiuse completamente, acordándose ademais con Xosé Luís Méndez Ferrín facer unha transcrición literal, "respectando integramente os fragmentos perfectamente lexibles nos manuscritos, estivesen ou non de acordo coa normativa actual e marcando con cores diversas as partes construídas, incluídas as tomadas da tradución", sinálase dende a Universidade de Vigo. 

O investigador Fernando Ramallo © Universidade de Vigo

Ramallo anima a Méndez Ferrín a que faga pública a novela: "O texto, alén do seu innegábel valor literario, ten un valor histórico de primeira magnitude"

Fernando Ramallo explicará o proceso de recuperación desta novela no artigo De arquivos, memoria e literatura política: a recuperación da novela Os corvos, a figueira e a fouce de ouro de Xosé Luis Méndez Ferrín, que se publicará en breve en A Trabe de Ouro. "O texto, alén do seu innegábel valor literario, ten un valor histórico de primeira magnitude, polo que animamos ao seu autor a que a faga pública. Confiamos que así sexa, porque a súa publicación será o punto final da restauración e, asemade, Galicia quedará agradecida”, afirma Ramallo, que tamén quere subliñar o traballo desenvolvido polo arquivo.

Fragmento da novela reconstruído polo cotexo das copias e a tradución © Universidade de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.