En marcha a procura da palabra do ano 2025

Presentación da elección da Palabra do Ano 2025, este 11 de novembro na Casa do Concello de Lugo © Concello de Lugo

Lugo, que plasma nun paseo os termos escollidos no certame organizado pola RAG e o Portal das Palabras da Fundación Barrié, acolle o lanzamento da elección deste ano

Hai xa unha década que a Real Academia Galega e o Portal das Palabras da Fundación Barrié comezaron a procurar a "palabra do ano". Naquela primeira edición, a elixida fora corrupción nun clima político e social especialmente propicio e non só no noso país. Aquel mesmo ano, por exemplo, en Portugal a elixida fora, precisamente, corrupção.

Refuxiado, irmandade, afouteza, deseucaliptización, sentidiño, tanxugueiras, comadre, cibercarracho e cantareira foron os termos elixidos nos anos seguintes nun certame que, explicaba este martes en Lugo o membro da RAG que o coordina, Víctor F. Freixanes, foi concibido como a busca dunha "palabra-crónica" que "representase o ano que concluía". Pero que "foi incorporando unha nova significación: a esperanza, mesmo a aposta polo futuro" nunha procura que xa está en marcha para 2025.

Espazo aberto no Portal das Palabras para recoller as suxestións de Palabra do Ano 2025 © RAG / Portal das Palabras

Está aberto, cre Freixanes, un "camiño que singulariza a proposta galega" fronte "á escolla de palabras do ano noutros idiomas máis centrada en neoloxismos". Nestes anos foron elixidas "palabras que están vivas na lingua e evocan actitudes positivas" ou mesmo "cun aquel de reivindicación consciente".

Ata o 1 de decembro está aberta a fase de recolla de suxestións e do 3 ao 21 do mesmo mes celebrarase a votación

A sucesora de cantareira, palabra de 2024 que foi pórtico da homenaxe á poesía popular oral de 2025, sairá do proceso cuxa primeira fase está aberta ata o 1 de decembro no Portal das Palabras, a "recolla de suxestións". Despois, do 3 ao 21 do mesmo mes, o mesmo Portal exporá as finalistas á votación que determinará a gañadora.

A escollida será a palabra de 2025 e tamén quedará plasmada na rúa Menorca da capital lucense, onde o Concello vén gravando cada un dos termos escollidos no seu Paseo das Palabras do Ano. A iniciativa, eloxia o tenente da Alcaldía lucense, Rubén Arroxo, "ten importancia especial na posta en valor da nosa lingua, un dos símbolos máis importantes de Galiza" e por iso o consistorio decidiu construír "o gran paseo das palabras do ano", unha "intervención artística" que, coida tamén é xa un "atractivo turístico".

Descuberta de "cantareira" no paseo das palabras do ano, en Lugo o pasado abril © Concello de Lugo

Diego Rodríguez, responsable de Patrimonio e Cultura da Barrié, agrega ademais que esta elección anual nos "irmanda con todas as linguas do mundo que queren estar presentes na vida das persoas" e viceversa. "Van tecendo, ano a ano, unha imaxe das nosas preocupacións, pero sobre todo dos nosos afáns coma sociedade", coida.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.