'Sentidiño' imponse a 'feminicidio' e 'narcosubmarino' como a palabra galega do ano

Sentidiño foi escollida 'Palabra do Ano' en 2019 © RAG

Galicia aposta polo sentidiño, cando menos como a palabra do ano. Este termo foi o escollido na votación organizada polo Portal das Palabras, a web de divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. Sentidiño  acadou o 51 % dos votos, superando por unha ampla marxe a feminicidio  (20%) e narcosubmarino  (15%). Quecemento global sumou o 8 %, ecocidio  acadou o 5 % e negociación foi a menos defendida, con apenas o 1% dos votos.

Sentidiño acadou o 51 % dos votos, superando por unha ampla marxe a feminicidio (20%) e narcosubmarino (15%)

Sentidiño  sucede a deseucaliptización, que foi a palabra escollida o pasado ano 2018, e a afouteza, a máis votada en 2017. En anos anteriores as palabras escollidas foron irmandade (en 2016, cadrando co centenario das Irmandades da Fala), refuxiado/a (2015) e corrupción (2014).

A palabra gañadora non aparece como tal no diccionario, ao tratarse dunha derivación de sentido. De todas as acepcións que recolle o Dicionario da Real Academia Galega para a palabra sentido, sentidiño relaciónase coa cuarta: a "capacidade mental de actuar de maneira razoable e correcta". En realidade, máis que un diminutivo constitúe un xeito propio da lingua galega de designar o sentido común.

Hai dúas semanas escolléronse as seis palabras finalistas © RAG

Dende a RAG destácase neste senso que "o aspecto máis interesante do termo é o papel do sufixo derivativo –iño, que neste caso non outorga á nova palabra o matiz habitual de máis pequeno senón o de ‘calidade de sensato', expresando con frecuencia tamén certa complicidade coa persoa coa que se fala". "De feito, o noso sentidiño pode considerarse un sinónimo do sentido común, que o Dicionario define como 'bo xuízo' ou 'calidade ou capacidade de xulgar e actuar cabalmente'", engaden.

En galego hai outra palabra para se referir ao mesmo concepto: siso, definido como 'bo entendemento para falar ou actuar'

Dende o Portal das Palabras, explícase igualmente que en galego hai outra palabra para se referir ao mesmo concepto: siso, definido como 'bo entendemento para falar ou actuar'. Así mesmo, tamén se atopan termos semellantes noutros idiomas próximos. O sentidiño aseméllase moito, por exemplo, ao seny do catalán, cuxa primeira acepción denomina a 'ponderación mental'. Bebe tamén do latín sentire, raíz compartida igualmente con outras solucións de idiomas da mesma familia nos que o adxectivo bo funciona como o o fai o sufixo -iño na Palabra do Ano 2019. É o caso do buonsenso italiano, o bon sens francés ou o bom senso portugués.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.