Maioría absoluta para a deseucaliptización. Un total de 3.114 dos 5.724 votos emitidos no Portal das Palabras elixiron este neoloxismo como palabra do ano 2018. O portal, un proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié, subliña que a vitoria deste vocábulo "reflicte un aspecto destacado na crecente preocupación social pola xestión do monte galego".
A elección "reflicte un aspecto destacado na crecente preocupación social pola xestión do monte galego", destaca o Portal das Palabras
Quedou por diante, subliñan, doutros termos que tamén teñen unha "importante carga informativa" directamente ligada á actualidade deste 2018. Non en van, a segunda palabra máis votada foi feminismo, con 1.032 apoios "nun ano cheo de reivindicacións en todo o mundo pola fin da desigualdade" entre mulleres e homes. Vinculadas con esta verba están tamén sororidade (641 votos) e apoderamento (316).
'Feminismo' ou 'sororidade' foron outros dos termos máis votados e reflicten "un ano cheo de reivindicacións en todo o mundo pola fin da desigualdade" de xénero
O termo fariña, que durante 2018 ocupou titulares vinculado ao libro do xornalista Nacho Carretero sobre o narcotráfico e á serie producida pola galega Bambú Producciones a partir dese traballo, levou "máis de medio milleiro" de votos, informa o Portal, nunha listaxe que pechou o termo fascismo.
Dende a organización do certame, que ten como intención promover o coñecemento do léxico galego en diferentes ámbitos, lembran que entre as palabras finalistas de 2017 -cando gañou afouteza- estivo xustamente "a forma oposta" á deseucaliptización, isto é, eucaliptización. "Desta volta -explican- a gañadora apela ao proceso de recuperación da masa forestal autóctona cando a plantación e reforestación indiscriminada dos eucaliptos provoca cada vez máis rexeitamento social, tanto pola pegada que deixan na paisaxe como polo seu impacto na biodiversidade", así como "outros problemas asociados á súa proliferación" en Galicia ou Portugal.
O termo gañador popularizouse en Galicia nos últimos anos con iniciativas como as Brigadas Deseucaliptizadoras
Dende o Portal das Palabras subliñan que o termo gañador e o seu antónimo non figuran no dicionario da RAG, pero "axústanse ás regras de formación de palabras propias do noso idioma", cun verbo que xorde do substantivo "eucalipto" ao que se lle engade o prefixo 'des-' "co sentido de negación ou privación". O nome do eucalipto ten a súa orixe no século XVIII, cando o botánico francés Charles-Louis L'Héritier denominou Eucalyptus oblique unha árbore achegada pola expedición de James Cook ao Museo Británico . No caso galego, esta árbore chegou a través de frei Rosendo Salvado, que o trouxo das súas misións na Nova Nursia.
O termo gañador popularizouse en Galicia nos últimos anos con iniciativas como as Brigadas Deseucaliptizadoras. Esta iniciativa ambientalista, xurdida tras a vaga de incendios do ano 2017, desenvolveu accións en varios puntos do país para frear a expansión do eucalipto e outras especies invasoras.