Non é un neoloxismo nin un termo ligado á tecnoloxía ou a novos costumes sociais. Tampouco unha verba adoptada recentemente no idioma e procedente doutra lingua. A palabra do ano 2014 en Galicia é "corrupción". Isto é, cando menos, o que vén de determinar o Portal das Palabras, a iniciativa conxunta da Real Academia Galega e da Fundación Barrié para traballar e divulgar o léxico do galego. O veredito é o resultado dunha recompilación de termos nos medios de comunicación e mais dunha enquisa lanzada a través do Facebook na que "corrupción" estivo presente aínda que non foi a gañadora, senón que ficou en segundo posto, toda vez que no inquérito se impuxo outro termo tamén ligado (presuntamente) ás prácticas corruptas.
"Ademais das recollidas na enquisa do Facebook tivemos en conta as que foron chegando por outras canles", explican dende o Portal das Palabras, que sinala ademais que nesta "valoración conxunta" contou tamén a "votación interna do Seminario de Lexicografía, que só podía escoller entre algunha das presentadas". "Rematado o proceso podemos proclamar que a palabra do ano, a máis escoitada, a máis berrada, a máis lida e negada" e, polo tanto, a "máis representativa" é "corrupción".
Na votación organizada polo Facebook a vencedora foi "crespo", co 70% dos votos
Corrupción é a elixida aínda que na votación popular tivo por diante, nada máis e nada menos, que o termo "crespo", o adxectivo referente ao cabelo crecho que, ademais, é homógrafo do apelido de Gerardo Crespo, o presunto líder da trama Zeta de falsos cursos de formación. A palabra foi a elixida polo colectivo "ridiculista" Sei o que nos figestes... para tentar "ganhar" a votación do Portal das Palabras para, pola vía da retranca, levar a denuncia da corrupción á palabra do ano. Aínda que o ditame final foi outro a iniciativa retranqueira ben se pode anotar a vitoria moral, toda vez que "crespo" obtivo 111 votos fronte a 6 de "corrupción", 5 para "crise", "crisis" ou "crise", 3 para "desafiuzamento", 2 para "soberanía" e 1 voto para 31 palabras diferentes máis.
Unha verba en expansión dende os anos 80
Aproveitando a súa declaración como palabra do ano o Portal das Palabras afonda un chisco na historia e usos dunha palabra cuxa presenza no uso cotián do idioma é "moito maior dos anos oitenta en diante". Así o indican os datos de frecuencias tirados do Tesouro informatizado da lingua galega, que recolle textos de 1612 a 2013, e o mesmo sinala o Corpus de referencia do galego actual, que detecta un "emprego crecente da palabra na prensa escrita" durante os anos "máis recentes". "A tendencia -explican- esténdese aos medios de comunicación en xeral e asemade aos usos orais dos falantes, que corren parellos á actualidade social".
O Portal das Palabras destaca o uso crecente da palabra na prensa e tamén nos usos orais
E, de onde ven "corrupción". A súa etimoloxía cómpre buscala no substantivo latino corruptio, derivado do verbo corrumpere e, á súa vez, de rumpere, que significa romper, quebrar ou rachar, entre outras acepcións. "O denominador común -detallan dende o Portal das Palabras- podería ser unha acción que ten como resultado un estado negativo, ou deturpado, dende unha situación de orixe como referente positivo". Sobre esta base chegou aos nosos días, nos que, segundo o Dicionario xurídico galego, "o significado das expresións corromper ou intentar corromper é controvertido".
Polo xeral, obviamente, adoita ser un termo empregado para definir as "actividades contrarias ao Estado de Dereito desenvolvidas por cargos públicos que fan un uso indebido do poder á espera dunha recompensa" e "prexudicando o interese colectivo", e tamén a "acción promovida por unha persoa física ou xurídica para, por medio de gratificacións, conseguir o favor dun representante público nunha actividade onte interveña unha administración". Se cadra, o resultado non anda demasiado lonxe de "crespo".
Corrupção tamén gaña en Portugal
O resultado do certame do Portal das Palabras foi o mesmo que o do organizado en Portugal pola editorial Porto Editora, que cada ano procura tamén a palabra do ano da lingua portuguesa, aínda que no seu caso condicionando a elección unicamente á votación directa, organizada a través de Infopédia, o seu sitio especializado en dicionarios. "Os vários casos de suspeita de corrupção que foram sendo conhecidos ao longo do ano passado, e a consequente atenção dada pelos media que alimentou debates e conversas, terão influenciado a escolha feita pelos portugueses", salientan para aclarar a vitoria de "corrupção" co 25% dos votos.
En Portugal, tras corrupção, as máis votadas foron "xurdir" e "selfie"
Por tras de corrupção ficou a palabra "xurdir", un "regionalismo" que, explican, "ressurgiu em 2014 em determinados circuitos e muito provavelmente devido às circunstâncias socioeconómicas que o país atravessa". A terceira palabra con máis apoio en Portugal foi "selfie", verba que na súa versión castelanizada foi escollida como palabra do ano en lingua española pola Fundéu. "Este autorretrato dos tempos modernos, marcado pelos telemóveis e redes sociais, faz parte do quotidiano da generalidade dos portugueses e o uso desta palavra está consolidado", evidencia Porto Editora.