Piden protección para a mina romana de Espiñeira, en Foz, ante os traballos dunha canteira

Traballos na canteira Nuestra Señora de Begoña, en Espiñeira (Foz) © Mariña Patrimonio

ADEGA e Mariña Patrimonio denuncian que os traballos se están a desenvolver dentro da contorna de protección arqueolóxica e estarían a causar "danos directos" na antiga mina romana sobre unha canle de evacuación identificada e documentada en estudos arqueolóxicos

ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de presentar unha denuncia ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural pola realización de traballos mineiros, desmontes e movementos de terra asociados á canteira Nuestra Señora de Begoña, situada no lugar da Espiñeira, no concello de Foz. As dúas entidades alertan de que eses movementos de terra afectan directamente á Mina Romana da Espiñeira, un ben catalogado e protexido tanto pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural como polo Plan Xeral de Ordenación Municipal de Foz.

As asociacións denuncian que os traballos realizados pola empresa se están a desenvolver dentro da contorna de protección arqueolóxica e que estarían a causar "danos directos" na antiga mina romana, concretamente sobre unha canle de evacuación identificada e documentada en estudos arqueolóxicos.

As asociacións denuncian que os traballos estarían a causar danos directos na antiga mina romana sobre unha canle de evacuación identificada e documentada © Mariña Patrimonio

As dúas entidades sinalan que a canle "aparece xa identificada no traballo sobre minería antiga realizado no ano 2019 polo Consello Superior de Investigacións Científicas", asinado polos arqueólogos Brais Currás e Javier Sánchez-Palencia. Neste traballo delimítase a área correspondente á Mina Romana da Espiñeira e documéntanse as súas canles de evacuación.

No mesmo sentido, indican, o recente Informe de delimitación planimétrica do xacemento explotación aurífera de A Espiñeira, elaborado en marzo de 2025 por encargo da Dirección Xeral de Patrimonio e asinado polo arqueólogo Santiago Ferrer, representa na súa planimetría a mesma zona como parte da antiga mina romana, coincidindo coa delimitación establecida polo CSIC, que identifica ese tramo concretamente como unha canle de evacuación da antiga mina romana.

Solicitan á Xunta que paralice de inmediato os traballos, inspeccione con urxencia a zona afectada e abra o correspondente expediente sancionador

Ademais, segundo ADEGA e Mariña Patrimonio, estes traballos "poderían estarse realizando sen contar coa autorización previa" da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural nin co preceptivo control arqueolóxico que esixe a lexislación vixente.

Por este motivo, solicitan á Xunta que "paralice de inmediato os traballos, inspeccione con urxencia a zona afectada e, se se confirma que non existe autorización, abra o correspondente expediente sancionador e adopte as medidas necesarias para reparar os danos causados na Mina Romana da Espiñeira".

A Mina Romana da Espiñeira é un ben catalogado e protexido tanto pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural como polo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Foz © Mariña Patrimonio

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.