O pasado 3 de abril a Xunta actualizou o seu visor de aproveitamentos forestais, unha ferramenta que amosa as zonas "suxeitas a unha protección especial" (pola existencia de elementos patrimoniais protexidos ou por atoparse en zonas de afección ligadas a ríos ou á costa). O visor busca "axilizar e reducir os trámites aos que debería realizar o cidadán para a realización de cortas de madeira na súa propiedade ao reducir a unha simple declaración responsable as cortas", indica o Goberno galego, que indica que "para que isto sexa posible, cómpre delimitar coa meirande rigorosidade posible as áreas afectadas pola distinta lexislación sectorial".
Porén, que sucedería se algún destes elementos protexidos non estivese correctamente delimitado? Poderíanse levar a cabo traballos forestais amparados por estas informacións -de carácter oficial- que porían en risco estes bens patrimoniais, sobre todo polo uso que se fai de maquinaria pesada nestas actuacións.
Hai "un considerable número de xacementos arqueolóxicos" cuxos límites marcados no visor "non se corresponden" cos seus límites xeográficos reais
O 15 de maio ADEGA e Mariña Patrimonio denunciaron que "malia que as intencións eran boas", había "un considerable número de xacementos arqueolóxicos" cuxos límites marcados no visor "non se corresponden" cos seus límites xeográficos reais, recollidos mesmo nos PXOM aprobados en cada concello, "poñendo en risco esas zonas arqueolóxicas que deberan estar protexidas".
As dúas entidades explicaban que "os erros detectados, malia non ser xeneralizados, afectan a unha considerable parte do territorio galego". Reclamaban, ademais, a retirada do visor de aproveitamentos forestais da Xunta "mentres a Consellaría de Cultura non faga unha profunda e completa revisión desa información e non repare os erros de delimitación e xeolocalización atopados".
A situación "podería estar favorecendo a destrución de xacementos arqueolóxicos catalogados e protexidos" e que, así mesmo, os propietarios forestais se poderían enfrontar a "elevadas sancións" polos erros contidos no visor
Así mesmo, demandaban que a Consellaría de Medio Rural non outorgase autorizacións para cortas ou plantacións forestais "naqueles predios nos que non estea garantida a protección e a correcta delimitación de xacementos e doutros elementos patrimoniais". Alertaban de que o Goberno galego "podería estar favorecendo a destrución de xacementos arqueolóxicos catalogados e protexidos" e que, así mesmo, os propietarios forestais se poderían enfrontar a "elevadas sancións" polos erros contidos no visor.
Máis de dúas semanas despois, ADEGA e Mariña Patrimonio reiteran a súa denuncia e advirten de que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural segue sen retirar do visor os datos errados da xeolocalización do patrimonio cultural, facéndoa pasar como información oficial e fiable. As dúas entidades alertan de que "malia que a Xunta é plenamente consciente dos graves erros, continúa recomendando o emprego do visor telemático" como ferramenta para avaliar se cómpre ou non solicitar autorización á hora de realizar traballos forestais en zonas potencialmente protexidas.
ADEGA e Mariña Patrimonio fixeron unha escolma de dez elementos patrimoniais do norte da provincia de Lugo que, incorrectamente localizados ou delimitados, poderían estar en risco
Entre os varios erros detectados, ADEGA e Mariña Patrimonio fixeron unha escolma de dez elementos patrimoniais do norte da provincia de Lugo que, incorrectamente localizados ou delimitados, poderían estar en risco de sufrir prexuízos por causa de traballos forestais. Así mesmo, as dúas entidades fan un chamamento "ás persoas e asociacións preocupadas e interesadas polo patrimonio cultural" para que "revisen e denuncien calquera erro de xeolocalización ou delimitación que detecten no visor".
Así, segundo denuncian, no Castro de Quenllas do Forno (Guitiriz) o visor só marca como zona protexida un terzo do xacemento; no Castro O Curveiro-Nois (Foz) a maior parte do xacemento quedou fóra da delimitación deste castro costeiro; no Castro de Meirengos (Ribadeo) das 4 hectáreas que ocupa este xacemento, só se sinala como superficie protexida 0,5 Ha; no Castro da Vela (Xove) a Xunta reduce a zona protexida deste castro de 6Ha a 0,45Ha no visor de aproveitamentos forestais.
Na denuncia explícase que algúns erros o que fan é incrementar o espazo protexido
Na Mina romana de ouro da Espiñeira (Foz) a extensión que ocupa este antigo xacemento de 45 Ha é reducida pola Xunta a 2 Ha no visor de aproveitamentos forestais; na Antiga capela e cemiterio de Santo Estevo do Ermo (Barreiros) a Xunta sitúaa no aparcadoiro da nova capela, a 120 m da súa correcta xeolocalización; ou na Arquela da Pruída (Fonsagrada), desprazada 123 m da súa localización real. Na denuncia explícase que algúns erros o que fan é incrementar o espazo protexido, como por exemplo no Castro Castelo (Xove), que cunha extensión real de unha hectárea pasa a sinalarse erroneamente unha superficie protexida de 8,5 Ha.
Nos últimos anos foron moitas as denuncias presentadas por distintos colectivos en relación coa destrución de elementos patrimoniais a cargo da maquinaria empregada en traballos forestais, tanto de corta de eucaliptos e piñeiros como de plantación destas especies. Hai tres anos Mariña Patrimonio e ADEGA documentaron danos da industria do eucalipto a 40 xacementos arqueolóxicos do norte de Lugo.