O Túmulo de Barro, unha tumba neolítica de 6.000 anos de antigüidade situada no Concello do Irixo, ficou totalmente destruída por mor duns traballos forestais para a plantación de piñeiros. A Garda Civil está a investigar por un presunto delito contra o patrimonio histórico a catro persoas: tres delas membros da Comunidade de Montes de Loureiro e o cuarto o operario que levou a cabo os traballos.
Ademais do Túmulo de Barro, ficaron parcialmente destruídas outras dúas mámoas: o Túmulo 3 da Bugalleira e o Túmulo 4 da Bugalleira. As tres, localizadas na parroquia de Santa Mariña de Loureiro, estaban inventariadas no Catálogo de Bens Culturais de Galicia. A acción da maquinaria empregada para achaiar o terreo foi a quen estragou a primeira mámoa, mentres que as outras dúas foron afectadas polas máquinas usadas para a plantación dos piñeiros
A actuación do Seprona, denominada Operación Sepulcrum, partiu dunha denuncia da asociación cultural e medioambiental Mámoa Verde Patrimonio. A Garda Civil xa lles tomou declaración ás catro persoas investigadas. O caso será agora investigado polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 do Carballiño.
As denuncias pola destrución de patrimonio histórico provocada por traballos forestais e outras actividades industriais, como a acción de canteiras, son cada vez máis habituais. "Perante a inoperancia da administración, somos a cidadanía organizada a que estamos asumindo o papel de tutelar estes bens", sinalaba hai tres anos Mariña Patrimonio cando denunciou nun informe os danos causados pola industria do eucalipto a 40 xacementos do norte de Lugo.