Mariña Patrimonio esixe responsabilidades a Xunta e Concello pola destrución do castro de Cervo

Os restos atopados teñen un incalculable valor e dan conta da importancia do xacemento © Mariña Patrimonio

A recente sentenza do Tribunal Supremo que lle recoñeceu a Promociones San Ciprián o dereito a ser indemnizada pola imposibilidade legal de construír enriba do Castro da Atalaia trouxo á actualidade un dos máis aberrantes casos de destrución do patrimonio dos últimos anos en Galicia. Unha parte do xacemento foi estragado e aínda que agora o castro está protexido, está aínda pendente a súa escavación e estudo, así coma o derrubo da estrutura ilegal construída ao seu carón. De igual xeito, quedan por determinar as responsabilidades das administracións con competencias para a defensa deste espazo -nomeadamente Concello de Cervo e o departamento de Patrimonio da Xunta-.

ADEGA e Mariña Patrimonio inciden nestes dous asuntos: a petición de que os terreos sexan expropiados para a súa correcta protección e estudo e a demanda de depuración de responsabilidades. Ademais, as dúas entidades botan man da retranca á hora de valorar a sentenza do Supremo, parabenizando a promotora, que obterá un beneficio económico dunha actuación que provocou a destrución dun valiosísimo elemento patrimonial: "queremos felicitar a empresa construtora porque, malia ter destruído 1600 metros cadrados de xacemento arqueolóxico, conseguiu librarse das denuncias e porque, a pesar de ter na Atalaia un edificio ilegal que non cumpre as Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal, o seu edificio, de momento, segue en pé para vergoña de todos os cervenses. Tamén o felicitamos polos cartos que vai recibir da Xunta de Galicia, xa que non todos os construtores teñen a posibilidade de facer caixa dende que estourou a burbulla inmobiliaria". Falamos con Manuel Miranda, voceiro de Mariña Patrimonio.

Dende cando se sabe que nese lugar había ou podía haber restos arqueolóxicos?

A promotora quixo construír sobre un sitio no que dende había moito tempo se sabía que había un castro: xa no ano 1974 descubrírase unha parte nunha escavación arqueolóxica, que atopou unha construción moi singular, que pensamos que pode ser unha sauna castrexa. Na propia sentenza consta o momento a partir do cal o Concello e Patrimonio son conscientes de que alí hai un xacemento. O 29 de setembro de 2005 entregáronse no Servizo de Patrimonio de Lugo uns restos arqueolóxicos atopados no castro da Atalaia, ao tempo que se rexistraba un escrito advertindo sobre a compra de terreos para edificar nesta zona, polo que se solicitaba a protección do xacemento.

Por que non se procedeu inventariar e estudar os restos nese momento?

Eles saberán por que non incluíron nese momento o xacemento no inventario. Tardaron 20 meses.

Houbo máis advertencias?

Pouco despois desa primeira denuncia, no momento en que o Concello de Cervo estaba a realizar unhas obras na Atalaia para a construción dun observatorio de aves, avisamos a Patrimonio. E os arqueólogos do Servizo de Lugo constatan o 9 de agosto de 2006 a existencia na zona dun xacemento galaico-romano. Tamén está por escrito. E a pesar diso seguiron sen incluílo no inventario, incomprensiblemente.

O Concello tamén estaba sobre aviso e mesmo así concedeu as licenzas...

En novembro e decembro de 2006 o Concello comezou a dar as licenzas para a construción dos edificios proxectados por Promociones San Ciprián. Fíxoo en tres datas distintas, a derradeira o 18 de abril de 2007. E ao día seguinte Patrimonio incluíu o xacemento no inventario. A nós parécenos moita casualidade que pasen estas cousas.

"Dende ADEGA e Mariña Patrimonio demandamos que a Dirección Xeral actúe depurando as posibles responsabilidades do Servizo de Patrimonio de Lugo"

Tedes probas de que existisen conexións entre a empresa e as administracións para facilitar este desenlace?

Estabamos nunha época de moita corrupción e de moitos cartos en xogo. Eu non teño probas para acusar a ninguén, pero chama moito a atención que sabendo que hai un xacemento e sabendo que hai unha construtora interesada en edificar enriba del non se incluíse no inventario. Dende ADEGA e Mariña Patrimonio demandamos que a Dirección Xeral de Patrimonio actúe depurando as posibles responsabilidades do Servizo de Patrimonio de Lugo.

Esixídeslle responsabilidades tamén ao Concello de Cervo? 

Si, ademais de Patrimonio o outro gran culpable foi o Concello. Por lei os concellos teñen a obriga de protexer o Patrimonio e teñen certas competencias. E neste caso non cumpriron coa súa obriga, outorgando estas licenzas sabendo que debaixo había un xacemento arqueolóxico moi importante. Despois, cando por fin Patrimonio incluíu o castro no inventario, o Concello posicionouse en contra e chegou a recorrer a decisión, que tamén é unha cousa moi estraña. O ex-alcalde José Insua e o seu equipo de goberno son tamén responsables da destrución no castro da Atalaia e de que Patrimonio teña que indemnizar agora ao construtor. Cómpre non esquecer, ademais, que a sentenza abre a posibilidade de que o promotor lle reclame ao Concello outra indemnización por ter concedido unhas licenzas para edificar nun lugar no que sabían que existía un xacemento. Esta posible indemnización suporía que todos os veciños de Cervo teriamos que pagar polas actuacións irresponsables de José Insua e mais do seu equipo de goberno.

"A veciñanza de San Cibrao estivo en todo momento oposta á construción destes edificios, foi grazas á súa presión que se puideron facer catas arqueolóxicas, e ademais estiveron sempre vixilantes para que as obras dos edificios non se reanudasen"

O Concello chegou mesmo a desoír a orde de Patrimonio de paralización das obras?

En 2007, coa licenza na man, comezaron as obras de construción dos edificios, con maquinaria pesada. Avisamos a Patrimonio, que se dirixiu ao Concello esixíndolle que paralizase as obras, pero o Concello non obedeceu a orde, tardou tres días e destruíronse mil metros cadrados de castro. E non estragaron máis porque fomos os veciños a parar as obras, e con coches interrompemos o paso dos camións. E mesmo despois da paralización, o construtor aínda levou a cabo algunha actuación máis, a pesar da prohibición de Patrimonio, estragando outros 600 metros cadrados.

Que papel xogaron os veciños e veciñas da localidade?

A veciñanza de San Cibrao estivo en todo momento oposta á construción destes edificios, foi grazas á súa presión que se puideron facer catas arqueolóxicas, e ademais estiveron sempre vixilantes para que as obras dos edificios non se reanudasen.

"Queremos que se cre un Museo Arqueolóxico e que todo isto reverta na sociedade, convertendo o castro nun grande atractivo turístico para a comarca"

Que solución propoñedes para a correcta protección do castro?

Hai que expropiar os terreos. Parece que agora o Concello está de acordo e aposta por facelo, como lle vimos reclamando dende hai anos. Así mesmo, o esquelete do edificio que aínda segue en pé debe ser derribado, porque é unha estrutura ilegal que nunca se vai poder rematar. Queremos que o lugar se poña en valor, se musealice. Queremos que se cre un Museo Arqueolóxico e que todo isto reverta na sociedade, convertendo o castro nun grande atractivo turístico para a comarca.

"O arqueólogo que o escavou di que pode ser o castro máis importante da cornixa cantábrica"

Que importancia pode acadar este xacemento?

O Castro da Atalaia é moi importante. O arqueólogo que o escavou di que pode ser o castro máis importante da cornixa cantábrica. Outros especialistas, á vista dos materiais atopados, apuntan a que poderiamos estar ante un porto romano, pode que o porto da cidade de Lugo. Ademais ten unha condicións de conservación moi boas. Hai que ter en conta que a Atalaia é unha duna xigante, polo que o xacemento no seu momento foi tapado pola area e de forma moi rápida, polo que se conservou nunhas condicións excepcionais. Ademais, a area conserva moito mellor que a terra.
 

Restos do Castro da Atalaia, que quedaron á vista polas obras de construción da urbanización © Mariña Patrimonio
As máquinas estragaron unha superficie de máis de mil metros cadrados Dominio Público Mariña Patrimonio
O Castro da Atalaia © Mariña Patrimonio
Aínda permanece en pé o esquelete dun edificio non rematado Dominio Público Mariña Patrimonio
O xacemento, agora tapado de novo, presentaba un bo estado de conservación © Mariña Patrimonio

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.