A Irmandade Obreira de Acción Católica (IOAC- HOAC de Galicia) apoia a folga "como unha acción solidaria para reclamar salarios dignos, o acceso efectivo a unha vivenda e medidas fronte ao encarecemento da vida"
"Apoiamos a folga como unha acción solidaria para reclamar salarios dignos, o acceso efectivo a unha vivenda e medidas fronte ao encarecemento da vida". Nun comunicado a Irmandade Obreira de Acción Católica (IOAC- HOAC de Galicia) reafirma o seu apoio á folga xeral convocada este mércores polos sindicatos, un apoio que "se concreta en acompañar, favorecer a información e o discernimento nos nosos equipos e ambientes, e colaborar coas iniciativas que defenden estes dereitos".
A Irmandade Obreira de Acción Católica, que agrupa as entidades de Santiago, Mondoñedo-Ferrol, Tui-Vigo, Ourense e Lugo, conclúe que "coidar o traballo e garantir unha vivenda é coidar a vida" e subliña que a reivindicación de "teito e traballo para todas as persoas" é "unha esixencia de xustiza que nos convoca a actuar".
Os colectivos católicos denuncian que "a especulación coa vivenda converte unha necesidade básica nunha fonte de enriquecemento a custa das condicións de vida doutras persoas. O seu prezo absorbe as melloras salariais e afonda na desigualdade"
Na reflexión publicada polos colectivos católicos fan un chamamento a "escoitar a vida do mundo obreiro" e as súas preocupacións e problemas, como "ter un emprego e non poder soster un fogar" ou "dedicar unha gran parte do salario ao alugueiro e carecer de recursos para outras necesidades básicas" ou "vivir co medo de perder a casa".
Denuncian, neste senso que "a precariedade laboral, os salarios insuficientes e o encarecemento da vivenda refórzanse mutuamente. Danan a saúde, dificultan os coidados e debilitan a vida familiar e comunitaria", unha situación que "afecta especialmente ás persoas novas, ós fogares con menores ingresos, ás mulleres que sosteñen soas as súas familias e ás persoas migrantes".
Lembran que a Doutrina Social da Igrexa "recoñece a vivenda entre os bens necesarios para unha vida digna" e contempla "a lexitimidade da folga cando constitúe un recurso necesario para obter un beneficio proporcionado"
E critican que "a especulación coa vivenda converte unha necesidade básica nunha fonte de enriquecemento a custa das condicións de vida doutras persoas. O seu prezo absorbe as melloras salariais e afonda na desigualdade". Tamén alertan de que "a inflación constante vai diminuíndo o poder adquisitivo e nótase no encarecemento da alimentación, das subministracións e doutros bens esenciais". "Alí onde medran as marxes empresariais mentres as familias deben restrinxir os gastos básicos, faise especialmente visible a inxustiza no reparto da riqueza", engaden.
Conclúen que "estas situacións teñen causas económicas e políticas. Escoitar a quen as sofre comprométenos a acompañalo e a transformar as condicións que o empobrecen", lembrando que "a Doutrina Social da Igrexa recoñece a vivenda entre os bens necesarios para unha vida digna" e que "garantir o seu acceso constitúe unha esixencia de xustiza", subliñando que "a rendibilidade económica non pode antepoñerse ao dereito a un fogar".
Esixen ás organizacións empresariais que negocien "salarios suficientes e condicións compatibles cos coidados" e ás administracións públicas "ampliar o parque público de vivenda, regular os alugueiros, frear a especulación e protexer a quen pode perder o seu fogar"
Así mesmo, destacan que a mesma Doutrina Social da Igrexa "recoñece a lexitimidade da folga cando constitúe un recurso necesario para obter un beneficio proporcionado, despois de constatar a ineficacia dos demais medios para superar o conflito".
Neste senso, as irmandades obreiras de acción católica galegas din ser "conscientes de que pode haber elementos que xeren dúbidas sobre a oportunidade ou non da folga" pero subliñan que "desde a realidade na que estamos e ante o drama que experimentamos ao noso arredor, optamos polo principio que lanzaba o papa Francisco: «prefiro unha Igrexa accidentada, ferida e lixada por saír á rúa, antes que unha Igrexa enferma polo peche e a comodidade de aferrarse ás propias seguridades»".
Denuncian que "a precariedade laboral, os salarios insuficientes e o encarecemento da vivenda refórzanse mutuamente", unha situación que "afecta especialmente ás persoas novas, ós fogares con menores ingresos, ás mulleres que sosteñen soas as súas familias e ás persoas migrantes"
Os colectivos católicos esixen ás organizacións empresariais que negocien "salarios suficientes e condicións compatibles cos coidados" e ás administracións públicas lles demandan "sentido común e vontade de acordo para ampliar o parque público de vivenda, regular os alugueiros, frear a especulación e protexer a quen pode perder o seu fogar".
"Desde estas consideracións, consideramos que a folga pode ser unha acción proporcionada para reclamar respostas, desbloquear a negociación e expresar a nosa solidariedade co sector máis vulnerable da nosa sociedade", rematan.