"Lamentable e vergoñenta": persoal da CSAG denuncia a cobertura do 11N e pide a marcha da directora xeral

Redacción na CSAG, baleira pola folga, e imaxes de varias pezas inforamtivas sobre o 11N CC-BY-SA Fotos: Comité CSAG e G24.gal / Montaxe: Praza.gal

A representación laboral do persoal da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG, antiga CRTVG) exixe a renuncia ou o cesamento da directora xeral, Concepción Pombo, pola "vergoñenta e lamentable cobertura informativa" da folga xeral deste pasado mércores. Un tratamento informativo que, segundo o comité intercentros dos medios públicos, está "aliñado co discurso do PP, nunha clara desviación de poder". 

O comité intercentros da CSAG pide a marcha de Pombo, á que acusa de "entregar os medios públicos ao PP"

Nun comunicado, o comité pídelle á directora xeral da TVG e da Radio Galega que "renuncie ao seu cargo" ou que, en todo caso, sexa o Consello de Administración da CSAG o que "inicie o mecanismo para propoñer o seu cesamento por entregar os medios públicos de comunicación galegos ao Partido Popular que goberna na Xunta". 

Para a representación laboral, a "pinga que rebordou o vaso" da súa indignación foi a cobertura da folga xeral, que cualifican de "lamentable e vergoñenta" ao limitarse os servizos informativos, "de xeito vulgar e insultante, a recoller unha sucesión inverosímil de anécdotas relacionadas cos incidentes habituais nos piquetes informativos ou testemuños seleccionados única e exclusivamente para desprestixiar o dereito á folga e criminalizar as persoas que a secundaron e se mobilizaron". 

A representación laboral denuncia que a TVG recollese "de xeito vulgar e insultante" unha "sucesión inverosímil de anécdotas de incidentes habituais nos piquetes"

Refírese o comité a pezas informativas —das que se poden ver nesta información a súa versión en redes— nas que a TVG dá importante relevancia a enfrontamentos verbais entre piquetes sindicais e algún traballador. "Imposible ver imaxes na televisión pública do histórico tamaño das numerosas manifestacións, nin escoitar algunha das centos de milleiros de persoas que as secundaron, nin as diversas razóns polas que o fixeron". 

Un día despois da folga, a TVG volveu ofrecer entrevistas con algunha das persoas que se queixaran do comportamento dos piquetes. 

"Negóuselle á cidadanía galega o dereito a recibir información veraz do que estaba acontecendo a través dos seus medios públicos de comunicación", unha TVG e unha Radio Galega onde o impacto da folga foi importante, con moitos menos profesionais e a programación alterada polo alto seguimento do paro. 

"Normalización do secuestro da TVG e da RG"

O comité intercentros considera "gravísima a normalización deste secuestro da radiotelevisión pública de todas e insta os partidos políticos con representación parlamentaria e o Consello de Administración a tomar as medidas que legalmente correspondan para corrixir de vez esta perigosa desviación de poder". 

En contestación á cobertura da folga, o BNG resumiu en "fake news, manipulación e mentiras" o tratamento por parte dunha TVG á que cualificou de "organización panfletaria do PP". Desde o colectivo Defende A Galega advertiuse que "relegar unha mobilización masiva para elevar unha detención a noticia do día é terxiversar a xornada desde a televisión pública con clara intencionalidade política".

Non é a primeira vez que o comité intercentros da CSAG reclama medidas ou dimisións polas cobertura informativas partidistas e a favor do PP ou que a Corporación ten problemas por mor do exercicio de folga por parte do seu persoal. 

Hai pouco máis dun ano, a xustiza condenou a Corporación por vulnerar o dereito a paro dun traballador, unha sentenza semellante a moitas outras que no pasado sinalaron os medios públicos por atrancar o dereito a facer folga por parte dos seus traballadores e traballadoras. 

Ademais, hai só unhas semanas, a directora xeral da CSAG, Concha Pombo, negou que ocultase a sanción á adega da familia do conselleiro de Emprego porque informou oito días despois, logo das duras críticas do BNG e do PSdeG á cobertura da noticia. Pouco antes, persoal denunciou que a TVG e a Radio Galega engade desde hai meses editoriais aos informativos, o que provoca "un agravamento da manipulación".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.