"A CSAG, a audiencia non a traga!". Varias ducias de traballadores e traballadoras dos medios públicos galegos concentráronse na mañá deste mércores ás portas das instalacións da TVG e da Radio Galega en San Marcos contra o "agravamento da manipulación informativa a través da incorporación de editoriais nos informativos da TVG e Radio Galega".
Doutra volta, persoal de ambos medios —convocado polo comité intercentros— quixo amosar o seu malestar ante o que consideran unha manipulación cada vez máis evidente e descarada, e para rexeitar as "opinións mesturadas con información" e os "discursos partidistas" difundidos acotío.
O persoal mobilizado denuncia o "agravamento da manipulación informativa coa incorporación de editoriais nos informativos"
"As traballadoras da CSAG dicimos non á manipulación informativa nos medios públicos galegos, a través da opinión mesturada con información, reproducindo discursos partidistas e chamamos a defender con nós o servizo público", di o comité intercentros nun comunicado.
Tanto a representación laboral dos traballadores como colectivos como Defende A Galega puxeron o foco nos últimos días nos comentarios editoriais que desde hai uns días preceden a varios programas informativos, tanto da TVG como da Radio Galega.
"Partidistas" e contra as normas da CSAG
Segundo Defende A Galega, a emisión destes editoriais "nesgados, partidistas e dirixidos exclusivamente contra o Goberno central" incumpren as propias normas dos medios públicos. "Non estamos só ante a habitual falta de pluralidade e de ética xornalística. É algo máis", explica o colectivo, que lembra que no artigo 6 dos Criterios reitores da dirección editorial da CSAG establécese que "as opinións, en canto xuízos de valor, serán emitidas por persoas alleas á Corporación, incluíndo sempre a identificación daqueles que as manifesten”.
"É inaceptable introducir propaganda partidista baixo a aparencia de información"
Neste caso, estes editoriais que sinalan son emitidos e locutados por presentadores dos medios públicos, ante o que Defende A Galega se pregunta quen os redacta e aproba e "quen asume a responsabilidade polo incumprimento dos criterios reitores da dirección editorial da CSAG". "É inaceptable introducir propaganda partidista baixo a aparencia de información. Pedimos que paren xa estes excesos", manifestaron nos últimos días.
O sumario editorial agora utilizado na Radio Galega e na TVG é, para Defende A Galega, "un exemplo da progresiva desaparición das fronteiras entre información e opinión nos medios públicos galegos". "Abonda xa de manipulación. Nós non somos cómplices!", reivindican os e as traballadoras mobilizados.