Un deputado do PSdeG denuncia "un burofax ameazante da CRTVG" para instalo a "retractarse"

Julio Torrado, deputado do PSdeG, este 21 de xullo en conferencia de prensa CC-BY-NC-SA PSdeG

O parlamentario socialista Julio Torrado revela o emprazamento formal da CSAG a corrixir unha intervención na que, tras relatar "casos de imputados relacionados coa CRTVG, citei nunha das ocasións a palabra condenados" de modo "erróneo" e facelo "cunha difusión equivalente, que sería que non saíse en ningún lado, porque non se publicou"

O deputado e voceiro de Sanidade do PSdeG, Julio Torrado, finalizou a súa comparecencia ante a prensa deste 21 de xullo, centrada nas medidas da Xunta anunciadas para a Atención Primaria, compartindo unha "valoración" por "conciencia". Ser "moi explícito" e "non deixar nada" a respecto de que "recibín un fantástico burofax da CRTVG", a actual Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, para instalo a "retractarse" a respecto de palabras pronunciadas por el mesmo nunha anterior intervención ante os medios.

O que Torrado recibiu como "burofax ameazante", explica, refírese a unha das súas resposta nas que, tras "sucesivas preguntas sobre a situación de imputados e investigados en casos xudiciais, fixen unha valoración que ten que ver cos casos de investigados ou imputados que estiveron relacionados coa CRTVG". "Citei en sucesivas ocasións a palabra investigados e nunha das ocasións, a palabra condenados, que non é procedente, porque estaba citando investigados", relata sobre o burofax, medio empregado habitualmente como paso previo a emprender accións legais se a persoa receptora non acepta o reclamado.

Julio Torrado, deputado do PSdeG, explica o contido do burofax que lle remitiu a CSAG

En aras de "non lesionar o prestixio institucional" da Corporación e a "honra das persoas afectadas", indica o socialista, e tamén "por unha cuestión de conciencia", o parlamentario considera que "é moi importante referendar que ás veces hai que ser moi estrito coas palabras" e "non estivo ben utilizado" o termo vinculado a unha condena. "Porque foron investigadas e non condenadas".

A corporación dos medios públicos reivindícase como "plenamente respectuosa coa liberdade de expresión" no escrito ao deputado, que lembra que o ente público "está condenado por vulnerar" este dereito ou o de folga 

Nese burofax, "moi amable, tremendamente fantástico", abonda, a Corporación responsable da Televisión de Galicia e da Radio Galega preséntase como "plenamente respectuosa coa liberdade de expresión; a CRTVG, digo por se alguén non o percibira", ironiza. E ademais, agrega, faime "unha reflexión sobre o meu dereito á inviolabilidade" como deputado ademais de pedir "unha difusión equivalente das miñas palabras, en termos de retractarme".

"Unha difusión equivalente sería que non saíse en ningún lado, porque non se publicou en ningún sitio", explica Torrado. Non obstante, entendín, e alégrome ben, de que os dirixentes da CRTVG observen con cariño e atención todas as miñas roldas de prensa", polo que "para que teñan a mesma difusión, digo aquí que intercambiei as miñas palabras de maneira errónea", sinala.

Persoal da CSAG mobilizado en Defende a Galega, o pasado marzo durante o 'venres negro' número 409 CC-BY-NC-SA Defende a Galega

"En conciencia", abonda Torrado, é necesario "ser precisos, aínda que sexa nunha cuestión pequena, pero de moita relevancia", e da mesma maneira, cabe recordar que a mesma CSAG que se presenta como "plenamente respectuosa coa liberdade de expresión" xa "está condenada como corporación por vulnerar a liberdade de expresión", ten "máis de 400 sentenzas contrarias por irregularidades laborais e 8 anos acumulados de reivindicacións de profesionais por manipulación".

"Como eu si  fago unha defensa do prestixio da institución e creo na defensa da liberdade de expresión e dos medios públicos, quería aproveitar para lembrar que calquera imprecisión nunha valoración podería dar pé a deixar de darlle importancia a outras cuestións", como esas "condenas por vulnerar a liberdade de expresión ou o dereito á folga", cuestións "que parecen gravísimos". 

Faino, conclúe, "coa vontade de que teña a mesma difusión".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.