400 'venres negros': a mobilización continúa ante o "desmantelamento" da TVG e da Radio Galega

Persoal dos medios públicos no colectivo Defende a Galega, no primeiro venres negro, o 25 maio de 2018 © Defende a Galega

Cando o persoal mobilizado dos medios de comunicación públicos do país vestiu a camisola negra por primeira vez para visibilizar a "manipulación informativa" á que estaban sometidos, a CRTVG aínda existía como tal, na programación da Televisión de Galicia non se "privatizaran" máis da metade dos espazos non informativos que se emiten a diario e na redacción da Radio Galega e da TVG non asistían ao seu "desmantelamento progresivo". Ademais, había unha lei de medios con moitos capítulos por desenvolver, como a creación dun Consello de informativos, que desapareceu da nova lei aprobada o pasado marzo

O colectivo Defende a Galega comezou cos 'venres negros' o 25 de maio de 2018, cando o movemento estaba en marcha tamén no ente público estatal RTVE, e este venres 16 de xaneiro de 2026, case oito anos despois, chega ás 400 semanas de reivindicación dende dentro da actual Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG). O balance non pode ser positivo, salientan, "porque non fomos quen de parar a degradación e o desmantelamento progresivo dos medios públicos, pero tamén sabemos que estes 400 venres negros foron unha mostra importantísima de dignidade profesional da redacción e persoal técnico, de pedagoxía social sobre o rol dos medios públicos e de transparencia sobre o seu funcionamento".

O 'venres negro' 399, este 9 de xaneiro, nas instalacións da CSAG en San Marcos © Defende a Galega

O persoal dos medios públicos mobilizado en Defende a Galega chega case oito anos despois aos 400 'venres negros' coa dignidade intacta. Porén, o desánimo medra polo incremento da "privatización" da programación e a redución paulatina de redaccións e equipos técnicos propios

"Comezamos pensando que era posible mellorar, malia que eramos conscientes de que as nosas denuncias non ían ter moito eco na maioría dos medios de comunicación, que saben que se xogan o soporte económico da Xunta –confesan en Defende a Galega–. O que vemos 400 venres despois é que a manipulación segue a ser unha constante e o desmantelamento do que alertabamos chegou a cotas insostibles: hai un desleixo absoluto sobre a programación, non se coida ningún tipo de contido, emítense continuamente programas antigos ou gravados hai meses, moitos espazos están sendo privatizados… A aprobación da nova lei de medios foi un golpe tremendo, porque dificulta denunciar esas prácticas. O cadro de persoal segue loitando por visibilizar a demolición dos medios públicos por responsabilidade, pero cada vez somos máis pesimistas sobre o futuro da tele e da radio".

"Este aniversario é importantísimo. É a constatación dun éxito, pero tamén dun fracaso. A boa nova é que nos medios públicos hai unha masa crítica de profesionais capaces de resistir 400 semanas nunha demanda que debera ser, nun sistema democrático, de toda a sociedade: a TVG e a RG deben despolitizarse, liberarse das inxerencias que manipulan a programación e os servizos informativos cada día para favorecer os intereses do goberno que haxa, hoxe do Partido Popular, incumprindo así o mandato legal que teñen encomendado. Gravísimo, é gravísimo. Botamos en falta a actualización do Código Penal para tipificar como delituosas estas prácticas que desde a maquinaria do poder queren que normalicemos", asegura Raquel Lema, presidenta do Comité Intercentros da CSAG.

Defende a Galega: "Comezamos pensando que era posible mellorar, malia que eramos conscientes de que as nosas denuncias non ían ter moito eco na maioría dos medios de comunicación, que saben que se xogan o soporte económico da Xunta"

Defende a Galega segue a visibilizar a súa protesta cada semana, paralelamente á "demolición" de programas de produción propia da TVG. "En canto se aprobou a nova lei de medios públicos o pasado verán, sen consenso, sen diálogo e co único apoio do PP, comezou a demolición tamén da produción propia informativa á que lle abriron a porta no marco legal", advirten.

Semella que queda moi lonxe, pero antes de facer as dez semanas dos 'venres negros' na CRTVG chegou a dimisión dos presentadores do Telexornal Tati Moyano e Alfonso Hermida en protesta polo control informativo. Estes xornalistas encabezan unha lista de profesionais que foron esvaecéndose da pantalla, ou afastados dos micrófonos, a medida que avanzaba a súa participación coas camisolas negras, das que nunca se informou dende os propios medios públicos, nin cando Defende a Galega gañou o Premio José Couso de Liberdade de Prensa en 2019, outorgado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Asociación da Prensa de Ferrol. 

A resposta interna tampouco cesou. En 2022 quedou avalada a sentenza que condena o ente público por represalias contra un traballador mobilizado e visible dentro do colectivo Defende a Galega. Houbo outras demandas que non correron a mesma sorte, pero as sentenzas condenatorias seguiron chegando, como sucedeu na pasada folga

SOS na CRTVG en folga, o 14 de outubro de 2024 CC-BY-SA Comité Intercentros CRTVG

Baixada das audiencias

E que se ve dende fóra? O primeiro sábado do ano 2026, cando o Goberno dos EUA liderado por Donald Trump bombardeaba Caracas e secuestraba ao presidente venezolano Nicolás Maduro, na Radio Galega emitiuse ao longo de toda a mañá o magazine Galicia Por Diante fin de semana gravado previamente. Durante a peor vaga de incendios vivida no país, non se fixeron programacións nin especiais coberturas, como denunciou a representación legal das traballadoras. A desaparición da grella da TVG do programa de referencia das mañás A Revista por outro de produción externa, motivo –entre outras cousas– da declaración da primeira folga indefinida na Corporación. Ou un uso das redes sociais que en ocasións fica moi lonxe do Código deontolóxico do xornalismo galego, como reflicte o chío desta mesma semana no que se preguntaba ao público, a partir do comentario dun colaborador da radio sobre as denuncias presentadas contra Julio Iglesias: "Estamos asistindo a unha 'futbolización' dos casos de presunta agresión sexual?".

Os malos datos de audiencia da TVG publicados nos últimos meses responden, en parte, ao fastío que un sector da poboación galega sente pola súa televisión. "Non se trata só da manipulación informativa, é o propio deseño da programación. Cada vez que pos a TVG hai alguén comendo ou bailando. Hai unha desconexión total coa realidade do país, dende a dirección demostran que son incapaces de facer xornalismo de proximidade. Galicia non está no centro das informacións e faise un seguidismo da axenda informativa de Madrid", relata un traballador de recoñecida traxectoria a Praza.gal.

"Non se trata só da manipulación informativa, é o propio deseño da programación. Cada vez que pos a TVG hai alguén comendo ou bailando. Hai unha desconexión total coa realidade do país", sinala un traballador

"O que nos preocupa realmente neste momento é a propia supervivencia dos medios públicos como medios de referencia. A renuncia a facer nin un mínimo esforzo informativo sobre o que estaba pasando en Venezuela, coa relevancia que tiña globalmente e para Galicia, é moi significativa e dolorosa. A degradación informativa e da calidade dos contidos nos últimos anos é unha estratexia deliberada que leva á irrelevancia e á desafección da sociedade, e de aí á privatización ou á desaparición", argumenta unha traballadora do ente público. 

"Vemos un futuro moi negro se non hai un xiro de 180 graos. A dirección demostra con cada decisión que toma a súa falta de respecto polos medios públicos e, máis aínda, pola audiencia que os sostén. Os datos aos que tanto se aferraban hai anos están aí: o 2025 foi o ano con peores índices de audiencia para a Galega, e iso non é casualidade. Sempre dixemos que gañar oíntes e televidentes non pode xustificar todo, pero é que agora ocorre todo o contrario: cada novo paso sen sentido afasta a oíntes e televidentes", destacan dende o colectivo Defende a Galega. 

Máis programas para produtoras privadas

Fontes do ente público consultadas por este xornal calculan que neste momento na primeira canle da TVG arredor do 75% dos programas que se emiten están producidos dende produtoras externas. Na Radio Galega esta "privatización" da programación "está comezando", sinalan estas mesmas fontes, que dan por segura a próxima externalización de espazos senlleiros da grella da radio pública, nomeadamente de programas relevantes da fin de semana. "Se a cousa segue así só faremos os informativos", vaticina un traballador. 

Debuxo de Kiko da Silva para Defende a Galega © Kiko da Silva

Defende a Galega recibe con "moita preocupación, indignación e tristeza" a emisión gravada do programa íntegro do Galicia por Diante dos fines de semana. "Hai recursos materiais e humanos para ofrecer un programa de calidade en directo, e así se leva facendo décadas tanto na radio pública de Galicia como na inmensa maioría das emisoras que emiten no país, por certo, con moitos menos medios que os da Radio Galega".

"O desmantelamento paulatino do servizo público provoca indignación e preocupa enormemente ao persoal, pero tamén provoca moita tristeza ver como unha insignia da lingua, a cultura, a información e o entretemento en galego esvaece non por falta de talento, nin de esforzo, nin de medios, senón por unha estratexia planificada de quen pilota a empresa", engade o colectivo, que non deixa de sinalar as peores condicións laborais do persoal das produtoras privadas ás que está a contratar a dirección da CSAG. 

En 40 anos de historia da radio pública "non houbo un momento peor" ao de agora. "Están acabando con ela, non lles interesa", certifica unha veterana traballadora. Desfíxose o Diario Cultural, remataron programas sen xustificación e nesta temporada a externalización levouse por diante, por exemplo, Ao contraataque, o programa nocturno diario de deportes, que foi substituído por A penaltis, de produción externa á Radio Galega.

En 40 anos de historia da radio pública "non houbo un momento peor" ao de agora. "Están acabando con ela, non lles interesa", certifica unha veterana traballadora

O persoal mobilizado describe como a redacción da radio foise reducindo moito nos últimos anos por decisión da dirección, xubilacións que se amortizaron, baixas que non se substitúen, xente con peso na redacción á que se trasladou forzosamente fóra da radio... "Pero todos os programas que se privatizaron ou parece que se queren privatizar podería aínda asumilos o cadro de persoal, que os leva facendo ata agora", aseveran. Esta situación é máis revirada nas delegacións que quedan, onde o persoal é obrigado a traballar á vez para a televisión, para a radio e para as redes sociais.

Mais os problemas na sección de Deportes non fican nas ondas, unha das peores crises co público viviuse na TVG cos cambios realizados no programa En Xogo, emblema da casa, de onde sacaron ao histórico presentador Óscar Benito e que dilapidaron con cambios "ao estilo do Chiringuito de Jugones", detallan fontes do persoal. "Puxeron á fronte a un rapaz novo sen experiencia previa en deportes e o rodearon de influencers. O único que conseguiron foi degradar a imaxe do programa e cabrear a xente. O resultado foi desastroso en audiencia e rematou coa dimisión do director do programa tras quince anos", sinalan as mesmas fontes. Tiveron que rectificar, pero o dano deixou pegada no público, que mantén viva a súa indignación nas redes sociais. 

Integrantes de Defende a Galega recollendo o premio José Couso de liberdade de prensa en Ferrol Dominio Público @DefendeAGalega

"En Deportes está pasando agora o que leva pasando en Informativos moitos anos", explican fontes coñecedoras

"En Deportes está pasando agora o que leva pasando en Informativos moitos anos", explican fontes coñecedoras, que vinculan o empeoramento da situación coa chegada do novo coordinador, que "exerce de correa de transmisión da dirección de informativos" mentres se está a "baleirar de contidos a segunda canle da tele", que deixa de facer moitas retransmisións, co golpe que iso supón para os deportes locais. A maiores, están a reducir os minutos de Deportes do Telexornal serán, que pasaron de dez a sete e agora xa son cinco, moitos días con ata a metade do tempo para publicidade, segundo relatan a este xornal as mesmas fontes. 

De momento, o único programa cultural da TVG de produción propia, o Zigzag, mantense a flote e deixa de depender do departamento de Programas para facelo do de Informativos. Iso si, emitíndose desde a segunda canle da tele e cun horario que varía –pode ir ás seis e media, ás oito ou incluso ás nove e media– en función de retransmisións deportivas. E con menos recursos humanos e técnicos e, polo tanto, menores oportunidades de saír gravar reportaxes en profundidade. "Nós creamos comunidade, creamos criterio. A televisión pública ten que ser iso", razoan as traballadoras, que rememoran os anos nos que había programas específicos de música, cine e libros na televisión pública. "Temos que coidar moito o Zigzag. É un tesouro, nel segue saíndo xente que non aparece noutros espazos da TVG", apunta unha traballadora. 

Sensibilizar a cidadanía

Quen está na recta final da súa traxectoria profesional nos medios públicos cualifica como "brutal" a perda na última década. "Cando caeu o vertedoiro de Bens na Coruña en 1996 fomos os primeiros en chegar, un oínte chamou á delegación para avisarnos. Hoxe practicamente non existimos para a xente", exemplifica esta traballadora, que lembra os tempos nos que facían media hora diaria de información local dende A Coruña na Radio Galega. "Que a xente contara connosco levou tempo, pero destrozar todo iso fíxose moi rápido", lamenta a profesional. 

"O fracaso deste 400 aniversario é tamén colectivo. Onde está a Universidade? Onde está a Facultade de Xornalismo? Cara onde están mirando que non atenden e acompañan esta protesta lexítima? Non están de acordo?, pregúntase a presidenta do Comité Intercentros

"O fracaso deste 400 aniversario é tamén colectivo. Onde está a Universidade? Onde está a Facultade de Xornalismo? Cara onde están mirando que non atenden e acompañan esta protesta lexítima? Non están de acordo? Que papel xogan os profesores e profesoras das futuras promocións de xornalistas galegas que poñen a venda nos ollos ante esta realidade que teñen a un quilómetro do campus? Por que a maioría dos medios de comunicación privados, xornais e radios de ampla difusión, silencian tamén a existencia do movemento Defende a Galega e os Venres Negros? Non é noticiable o que pasa na CSAG? A que teñen medo? Son tantas as preguntas… Cada quen que intente encontrar a resposta", interpreta a presidenta do Comité Intercentros da CSAG, Raquel Lema, que define a Defende a Galega como "un movemento heroico".

O momento é "moi delicado", o desánimo medra entre un cadro de persoal que se vai reducindo pero, con todo, coincide en que "non hai volta atrás". "O principal logro dos venres negros foi a sensibilización cidadá. Que a sociedade fose consciente de que o mal uso da radio e da televisión faise coa oposición dunha grande parte das traballadoras, que non teñen apenas instrumentos para exercer a resistencia. E conseguir que se estendera a mensaxe de que a solución non é desbotar os medios públicos por nefastos e mirar cara outros medios; a solución é implicarse e defender o que é de todos e todas, esixindo que a CRTVG cumpra co seu papel fundacional de xeito independente, plural e profesional", celebran desde Defende a Galega. Van 400 'venres negros'. E os que virán. 

Persoal da CRTVG –agora CSAG– conmemora os 300 'venres negros' CC-BY-SA Defende A Galega

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.