De Radiotelevisión Galicia á RG: 40 anos de radio pública en galego

Logotipos da Radio Galega ao longo da súa historia ao carón dun antigo radio cassette CC-BY Montaxe: Praza.gal | Foto: Anmol Arora

"Bos días, Galicia. Coa interpretación do noso himno acaban de empezar as probas técnicas de Radiotelevisión Galicia, a nosa radio". Con estas palabras, tal día coma hoxe pero hai 40 anos, a radio pública en lingua galega comezaba as súas emisións. Foi o 24 de febreiro de 1985 (no día no que ata hai pouco se celebraba o nacemento de Rosalía) cando a voz de Nicolás Camino encetou un camiño que acumula xa catro décadas e que supuxo, como a propia empresa pública cualifica, un "fito", ao "emitir as 24 horas do día ininterrompidamente en galego".

Aquel domingo de febreiro iniciáronse as emisións en probas —desde o emisor do monte Xesteiras, no concello de Cuntis— para unha programación regular que comezaría a súa andaina apenas un mes despois, o 29 de marzo. Arredor de medio cento de profesionais traballaban daquela nunha radio pública que emitía non desde San Marcos, a onde se trasladaría en 1991, senón desde San Caetano, como lembra a CRTVG nunha reportaxe que lembra a efeméride, que a actual Radio Galega (RG) celebra este luns cunha programación especial

Radiotelevisión Galicia comezaba as emisións en probas o 24 de febreiro de 1985 co himno galego e unha petición de protección ao patrón Santiago

Era, daquela, Radiotelevisión Galicia. "Estaba todo por facer", lembraron este luns na programación dedicada á efeméride os protagonistas ou testemuñas daqueles inicios que supuxeron "un antes e un despois para a lingua e a cultura do país". Emblemáticos locutores como Chus Castro, Xosé María Fernández Pazos, Xaime Escudeiro ou Pichi Varela volveron coller o micro azul para revivir algúns dos momentos máis destacados da súa carreira. E preto dunha vintena de profesionais que traballaron na emisora durante estas catro décadas visitaron os estudios para compartir as súas experiencias co gallo deste 40º aniversario.

Para a celebración, a RG reuniu tamén figuras como Menchu Lamas, Pepe Ferreirós ou Víctor Freixanes, que reflexionaron sobre o contexto cultural da época na que naceu a Radio Galega. Ademais, dedica tamén tempo a descubrir o traballo das primeiras redaccións hai catro décadas, "cando aínda non existían internet nin teléfonos móbiles". Unha programación á que se une tamén este luns a Televisión de Galicia. 

Persoal que leva 40 anos na RG destaca "o valor de emitir 24 horas ao día" unha programación "conectada absolutamente co país"

Antes, Isabel Freire e Yolanda López, que levan desde 1985 na RG, lembraron para aqueles comezos e destacaron "o valor" que daquela e agora ten "emitir 24 horas ao día" a través dunha radio "conectada absolutamente co país". "E nas catástrofes é cando se puxo de manifesto", lembra Freire, poñendo como exemplo o seu compañeiro Xosé Luís Portela, que informou do terremoto de 1997 en boa parte de Galicia anunciando en directo "que se lle estaba movendo a cadeira". Aquela noite os estudos da Radio Galega recibiron unhas 10.000 chamadas. 

Ambas insisten en destacar a proximidade coa cidadanía e co que acontecía no país como unha das características máis importantes dunha radio pública que os profesionais, naqueles inicios, querían "encher de literatura galega, música galega, das xentes, dos logros deste país..."

Instalacións da Radio Galega en San Caetano no inicio da súa andaina e publicidade da daquela nova radio na revista Irimia en maio de 1985 CC-BY-SA Praza.gal

A cuarta radio pública autonómica

Eran tempos nos que as emisións da Radio Galega empezaban co Bo Día, continuaban co Programa da mañá, seguían co Parladoiro e informaban d'O noso deporte. Á tarde abríanse os teléfonos para as e os ouvintes e emitíanse programas como A rosa dos ventos ou Fío directo, ademais de boletíns informativos a cada hora, xunto co Noticieiro ás 8, 9 e 12 da mañá e ás 2, 3 e 8 da tarde. 

Unha programación de 24 horas da que supoñía a cuarta radio pública autonómica inaugurada no Estado, logo de Catalunya Radio, Radio Euskadi e Onda Madrid, e cuxo primeiro director foi Xosé Luís Blanco Campaña, que sempre loitara por unha radio para toda Galicia. Quería acabar co "minifundio radiofónico" de "emisoras con pouca vida propia e integradas nas grandes cadeas do Estado" que, ademais, "non teñen a lingua galega como propia e nin sequera como lingua principal", como declarara á revista Irimia anos antes da posta en marcha da RG. 

"Este esforzo intenso por darlle ao noso país un espazo propio no que reflectir as súa vivencias e a súa realidade é unha das mellores achegas dos últimos anos. A construción de Galicia como país, con personalidade propia, pasa inevitablemente pola creación dunha comunicación que nos arrinque do illamento, que recupere o valor do propio, que nos poña en contacto co alleo sen necesidade de intermediarios", destacaba Irimia nun editorial ao facer a radio pública un ano de vida. 

Desde aquela, mil historias arredor dunha Radio Galega que é a única emisora de Galicia con cobertura total do seu sinal en todo o país e que foi a terceira do Estado en poder ser escoitada en directo a través de Internet, desde agosto de 1996, un cambio que segue a marcar o camiño do futuro desta e de todas as emisoras. A dunha radio pública que, lembra a CRTVG, "hoxe opera desde un innovador estudio multimedia á vangarda das multiplataformas dixitais".

Moi diferente á radio que nacía hai 40 anos e que Nicolás Camino "convidaba a seguir" desde os estudos de San Caetano aquel 24 de febreiro. "E por ser domingo e emitir desde Santiago, pedimos a protección do noso patrón, o señor Santiago", proclamaba daquela. Noutros tempos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.