Eva Veiga recibe este sábado o premio de Honra Fernando Rey na Gala de entrega da XXII edición dos premios Mestre Mateo
Eva Veiga (Pontedeume, 1961) recibe este sábado o premio de Honra Fernando Rey na Gala de entrega de premios da XXII edición dos Mestre Mateo. A xornalista foi un dos primeiros rostros que os galegos e galegas viron na súa pantalla no primeiro día de emisión da TVG, en xullo de 1985. Neses anos primixenios da canle copresentou o primeiro programa informativo da televisión pública galega e tamén espazos como Entre nós, Mesa reservada, De perfil ou Galicia no tempo, a primeira gran serie documental sobre a historia da arte en Galicia.
Veiga "forma parte dunha xeración pioneira que fixo posible unha televisión pública comprometida coa información, a divulgación e a construción da identidade de varias xeracións de galegas e galegos", destaca a Academia Galega do Audiovisual, que salienta igualmente que constitúe "un exemplo de profesionalidade, creatividade e resiliencia”.
Veiga "forma parte dunha xeración pioneira que fixo posible unha televisión pública comprometida coa información, a divulgación e a construción da identidade de varias xeracións de galegas e galegos", destaca a Academia Galega do Audiovisual
A leucemia apartouna da televisión, pero dende entón mantén unha intensa actividade como poeta que lle permitiu obter os premios Fiz Vergara Vilariño (2013), o Premio Poesía AELG (2014) e o Premio da Crítica de poesía galega (2016). E tamén no grupo poético musical Ouriol que comparte con Fito Ares e Bernardo Martínez. Así mesmo, nos últimos anos participou como actriz nas longametraxes A cicatriz branca (2012) e Nación (2020), de Margarita Ledo, xunto a quen guioniza o seu próximo filme Prefiro condenarme, que se atopa actualmente en proceso de rodaxe.
Falamos con ela sobre unha traxectoria que "transita da memoria á vangarda, empregando a comunicación e a creación como ferramentas ao servizo da nosa cultura e o noso audiovisual".
Ao longo da túa vida desenvolviches actividades en ámbitos moi diversos, dende o xornalismo televisivo ao cine, pasando pola poesía? Como recibiches a nova de que che entregaban este premio dende o mundo o audiovisual?
Recibín o premio cun asombro que aínda non rematou. Como ben dis, teño unha relación diversa co audiovisual, a través de distintos ámbitos, e o premio serviume como unha maneira de mirar o realizado. O primeiro que pensei foi “por que me dan a min este premio” e tiven que volver ata os inicios, ata a TVG, onde tiven unha carreira intensa na que traballei arreo en programas complexos, que me interesaron moito. Menos concursos fixen de todo (ri). A leucemia obrigoume a deixar a televisión, que sempre foi a miña paixón. Traballar na televisión foi un agasallo da vida, entusiasmábame.
"Na TVG tiven unha carreira intensa na que traballei arreo en programas complexos, que me interesaron moito. Menos concursos fixen de todo. A leucemia obrigoume a deixar a televisión, que sempre foi a miña paixón. Traballar na televisión foi un agasallo da vida, entusiasmábame"
Íache preguntar se botas de menos a televisión, pero penso que xa contestaches...
Si, foi un tempo moi especial para min. E dentro da televisión o que máis botei de menos foi facer entrevistas. Trátase de establecer unha comunicación que transforma as dúas persoas que estamos conversando. Na televisión cando se apagan as luces e se comeza a gravar, a persoa que entrevista e a entrevistada sitúanse como nun planeta aparte. Falo, por suposto, dunha entrevista temperada, non das entrevistas puramente informativas. Gustábame tamén moito o directo, e é algo que tamén gozo agora co grupo Ouriol: nos directos vives o instante cunha intensidade e cunha verdade moi profunda.
Como foi ter que reinventarte, unha vez que deixas a televisión?
Ao deixar a televisión, despois dun tempo de convalecencia longo, recuperei algo que me acompañara toda a vida, como é a poesía. E, canda a poesía, chegaron os rectais multidisciplinares. E en 2011 Margarita Ledo chámame para facer A cicatriz branca e con isto recibín outro agasallo: o cinema. En xeral, en todo o que fixen hai un nexo común: a comunicación.
"O inicio da TVG non foi só o comezo dunha televisión, senón que foi un momento histórico para o noso país. Foi a creación dun espello no que dar conta da realidade pero tamén un espazo no que soñar outras realidades"
A Academia do Audiovisual destaca que "formas parte dunha xeración pioneira" que puxo en marcha a TVG. Sentes que, en parte, este galardón homenaxea tamén a moitos compañeiros e compañeiras dese tempo?
Si, por suposto, ten que ser así. Síntome dalgunha maneira representante de todas estas persoas. O inicio da TVG non foi só o comezo dunha televisión, senón que foi un momento histórico para o noso país. Foi a creación dun espello no que dar conta da realidade pero tamén un espazo no que soñar outras realidades. Foi un momento de enerxía, no que se liberou unha gran cantidade de enerxía positiva. Un momento tamén de ilusión e dunha certa inocencia. Todos tiñamos isto. Daquela só había unha canle, non centos coma agora. E polo tanto o que dicías a través da televisión tiña unha certa transcendencia. Era a primeira vez que Galicia se miraba a si mesma, dunha maneira propia e non como nos vían os demais.
Agora ves dende fóra a situación que se vive nos medios públicos, pero como estás asistindo ás protestas do persoal da CRTVG?
Cando tanta xente sae a protestar e durante tanto tempo, será por algo. Eu non estou dentro e non podo dicir o que pasa alí, pero si vexo o que tantos compañeiros e compañeiras están dicindo e polo tanto ten que ser real.
"Na loita pola liberación da muller houbo e hai mulleres anónimas que co seu proceder e a súa conduta realizaron tamén a súa propia liberación e, ademais, son quen de cambiar tamén as súas comunidades e o conxunto da sociedade"
Como é ‘Prefiro condenarme’, o filme dirixido por Margarita Ledo e que coguionizas canda a ela?
Margarita sempre traballa sobre o real, todos os seus filmes teñen un fundamento documental. En todas as súas películas hai unha realidade que se trae a unha estrutura fílmica convivindo a linguaxe poética e a documental. Neste caso o filme fala da loita dunha muller nos anos 60 e 70, en plena ditadura, nos que impera a moral nacional-católica. Na loita pola liberación da muller houbo e hai mulleres anónimas que co seu proceder e a súa conduta realizaron tamén a súa propia liberación e, ademais, son quen de cambiar tamén as súas comunidades e o conxunto da sociedade.
"Hai un fervedoiro de talento e de bo facer. A saúde do audiovisual hoxe en día é algo marabilloso e así o recoñece o mundo enteiro"
Este sábado é a gran festa do audiovisual galego. Como valoras o momento que está a vivir o sector en Galicia?
A saúde do audiovisual hoxe en día é algo marabilloso e así o recoñece o mundo enteiro. É algo marabilloso que levanta o ánimo. Hai un fervedoiro de talento e de bo facer. Chama a atención a cantidade de creacións e a súa diversidade. Hai un gran talento neste país en moitos ámbitos, só se necesita axuda para deixalos ser e para promocionarse.