"A TVG vai camiño da irrelevancia e os dirixentes teñen pánico a calquera crítica á Xunta"

Manuel Pampín, xornalista xubilado da TVG CC-BY-SA Defende A Galega

O 24 de xullo de 1985, vai facer agora 40 anos, a TVG emitía por primeira vez. Alí estaba Manuel Pampín (Melide, 1958), que levaba xa semanas traballando na estrea da Televisión de Galicia, unha das dúas empresas que, xunto á Radiotelevisión de Galicia, operarían baixo o paraugas da Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG). Xubilado hai dous anos, o que é aínda un dos rostros e das voces máis simbólicas e recoñecidas dos medios públicos galegos repasa a súa traxectoria e mantén o espírito reivindicativo que o levou a apoiar, desde o inicio, as protestas contra a "manipulación". 

Admite a "dor" e a "pena" que lle provoca a actual situación na TVG, que considera "a anos luz" da liberdade, calidade, compromiso e ilusión das súas primeiras épocas, e denuncia o control político e a "autocensura" dos dirixentes. Pero alerta dunha cuestión que cre moito peor para o futuro inmediato dos medios públicos: "Imos camiño da irrelevancia, de ser residuais". Dío en primeira persoa, advirte, porque segue considerando a televisión pública como algo seu, de todos. "Dóeme porque é a nosa empresa, a que creamos con tanto esforzo, sacrificio e dedicación; custou moitísimo como para a que agora se converta nun órgano de propaganda", insiste, mentres remexe o café e olla atrás para lembrar unha traxectoria que o levou a traballar no Telexornal, en programas de reportaxes, no ámbito cultural (Zig Zag), no En Xogo ou na información deportiva. Foi alí, ao pé do céspede de Riazor, Balaídos ou San Lázaro, onde labrou unha figura que quedou no imaxinario social de toda unha xeración:a da voz do fútbol de elite en galego. Pero houbo moito máis. 

Manuel Pampín e outros compañeiros da sección de Deportes nos primeiros anos da TVG CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Que lembra daqueles primeiros tempos na TVG, hai 40 anos?

Foi unha mestura de medo e ilusión. Medo ao algo moi descoñecido, porque dos que empezabamos daquela só Teresa Castelo tiña algo de experiencia na televisión; o resto procediamos de prensa escrita ou da radio. A palabra que mellor define aqueles tempos é a ilusión, si. Ilusión por traballar nun medio público do teu país, no teu idioma, para teus pais, teus avós, para a xente galegofalante...

"Lembro a ilusión dos inicios da TVG e un persoal de enorme calidade; traballabamos sen ataduras, a anos luz do que hai agora"

A súa imaxe está moi vinculada aos deportes, pero fixo de todo na televisión pública...

Cheguei á TVG desde a delegación de El Ideal Gallego en Santiago, onde facía de todo. Na televisión empecei facendo información xeral, pero un compañeiro de Deportes pasou aos informativos e eu collín o seu sitio nun departamento no que eramos Xosé Luís Muñoz, Ovidio González e mais eu. Só tres persoas, coa axuda de Sergio Delpont as fins de semana. Non dabamos feito. Gustábanme os deportes, pero gustábame ser xornalista e facer de todo, porque traballando en Santiago, no xornal, cubría o Parlamento, a Xunta, a Universidade... Pero tamén o Compostela ou a Liga do Sar. 

Ten boas lembranzas dos inicios?

Pois á marxe da ilusión que tiñamos todos, lembro un cadro de persoal inmenso, dunha enorme calidade xornalística: Teresa Castelo, Antón Galocha... E, sobre todo, que traballabamos sen ataduras. O xefe de Informativos daquela, Lois Caeiro, deixábanos facer. Non podemos nin comparalo ao que está a acontecer agora. Non é que sexa o día e a noite, senón que aquela época estaba a anos luz. Traballabamos a gusto, moitísimas horas, dunha forma artesanal, cunha televisión aínda en cueiros... Eramos un grupo de amigos e amigas, no que non había pelexa de egos, algo que se dá moito neste mundo da televisión. Hai xente que mata por saír en pantalla e a min nunca me tirou tanto... Como dixen moitas veces, a min gustábame presentar polo plus económico que supoñía, pero nada máis (ri). 

Leva anos denunciando o control político e a manipulación que di haber nos medios públicos, pero cre que este problema foi gradual, progresivo?

A inxerencia ou control empezou a ser gradual en canto os políticos —nomeadamente o PP,  que leva gobernando case toda a autonomía— se decataron da forza e influencia que tiña a TVG. Pero o grao actual de control é superlativo, incomparable. Fálase ás veces de que co bipartito tamén había problemas, pero houbo outra sutileza, outra maneira de afrontar as cousas. Eu traballaba as fins de semana daquela e metiamos reportaxes de sanidade ou dependencia con voces moi críticas coa Xunta e non pasaba nada. O de agora é unha absoluta propaganda da Xunta e do PP. 

"A TVG de agora é unha absoluta propaganda do PP e da Xunta; é moi lamentable que xente veterana normalice isto, que non proteste"

Desde a propia CRTVG, persoal advirte de que o control e a manipulación chega a estar normalizada xa...

Entendo que cadaquén é moi libre de actuar e opinar como queira, pero paréceme moi lamentable e moi penoso que xente veterana da CRTVG, que xa non ten nada que perder e que está a piques de xubilarse, normalice unha situación que é lamentable. Polo menos o dereito á queixa, á protesta e dicirlles: "Oes, comigo non contes para isto". Tes un orgullo profesional e non debes pregarte a estas historias, pero hai moita xente que o fai. Uns por prebendas económicas, de cargos ou do que sexa, porque son colaboracionistas; e outros porque deixan facer. E ollo, que teño amigos e amigas que están nesa situación, pero non me gusta que sexan indiferentes. "Odio os indiferentes", dicía Antonio Gramsci. Pois é iso. 

Hai medo a perder certo status económico ou é desleixo?

No caso dos que teñen os privilexios, en forma de plus, programas e cargos, claro que si porque hai nóminas moi saborosas, pero a xente que non está nesa situación e non fai nada é que se acomodou, que non loita. Non os condeno, pero moléstame e non me gusta. Fáiseme triste que xente que leva moitos anos aí, case toda a vida, non proteste e deixe as cousas como están. Xa estou xubilado, pero a min dóeme porque é a nosa empresa, a que creamos con tanto esforzo, sacrificio e dedicación. Custou moitísimo como para que agora se converta nun órgano de propaganda. 

Manuel Pampín, cubrindo unha edición da Volta a Galicia CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Hai unha relación directa entre o poder político e a TVG?

Non creo que haxa unha influencia política directa ata o punto de que desde a Xunta, do gabinete de comunicación, chamen para dicir que poñas isto ou estoutro, négome a que exista esa perversión. Creo que o que hai, sobre todo, é autocensura dos responsables da CRTVG, dos dirixentes que están sempre pensando en que pode enfadar ao Goberno galego, sobre todo nos informativos, pero tamén en programas de entretemento onde os convidados políticos son sempre Rueda ou Feijóo. 

"Non creo que a Xunta chame para indicar o que hai que dicir na TVG; o que hai, sobre todo, é autocensura dos dirixentes e cómplices, xente moi mercenaria"

Hai un nesgo ideolóxico claramente inclinado á dereita e a un partido...

Supoño que hai xente que ideoloxicamente é próxima a dereita, pero en xeral o que hai son cómplices que, se mañá hai un cambio de goberno na Xunta, lamberanlle o cu ao BNG ou ao PSdeG ou a Podemos. Hai xente que é moi mercenaria, que ten a fe do converso. Alá cadaquén coa súa conciencia. 

Non ve posibilidade de que haxa un cambio nos medios públicos que non dependa dun posible cambio político na Xunta?

Dubido moito que se hai un cambio político a CRTVG pase a ter unha televisión e unha radio totalmente honestas e independentes, porque os políticos queren o seu xoguete e vano intentar manipular. Agora ben, hai formas e formas. Pódeslle dar unha maior relevancia informativa ao que fai a Xunta e os seus conselleiros, pero o que non podes facer é negar a realidade. Se hai manifestacións pola sanidade pública ou polo ensino público, tes que dalas e punto. É máis, estou convencido de que se un partido gobernante chegase a aplicar esa honestidade nos medios públicos, gañaría á xente. Mesmo como estratexia política, se impulsas uns medios públicos con certa honestidade e imparcialidade, vas gañar o favor da cidadanía. Sexa como for, se algún día hai un cambio político en Galicia, que aprendan a lección os que cheguen porque as consecuencias xa se están vendo. As audiencias da TVG están baixando de xeito alarmante. 

Se cadra nestes tempos a televisión, e en particular a televisión pública, xa non ten tanta influencia como algúns cren...

É así, pero estano facendo igual. Eu xa non vexo a TVG, pero o que me contan e o que vexo nalgúns vídeos e pezas é que non baixan da burra. Fan uns informativos totalmente propagandísticos e tendenciosos. Non se ve ningún cambio de actitude. 

"A falta de credibilidade na TVG arrastra o resto da cadea"

Non é iso prexudicial e inxusto para outros programas da TVG? Non cre que o peso dos informativos e as críticas que soportan acaba por prexudicar outros espazos?

Iso é froito do descrédito dos informativos, claro. A falta de credibilidade arrastra o resto da cadea. Eu estoume decatando ultimamente da cantidade de xente que deixou de ver a TVG hai anos ou que nin a sintoniza na televisión. E si, claro que hai cousas interesantes nos medios públicos que acaban pagando o descrédito dos informativos, que ao final son o buque insignia dunha canle. 

Agora que a CRTVG fai 40 anos e co inxente arquivo co que contan os medios públicos, non bota de menos programas, documentais ou especiais que tiren de todas esas imaxes e documentos históricos?

Teríamos que estar facendo este ano todas as semanas  un especial sobre os 40 anos da TVG: de deportes, de informativos, de programas... Temos un arquivo impresionante, pero aínda hai moitas cousas sen dixitalizar, non rexistradas, citas antigas que teñen a miña letra... Imaxina, só en deportes, tirar dese arquivo para contar historias sobre o que foi o OAR ou o Breogán nos 80 e 90, os anos dos tres equipos de fútbol en Primeira, os títulos do Dépor, as fazañas europeas do Celta... 

Manuel Pampín, presentando un programa informativo na TVG CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Daquela, por que non se fai?

Non hai vontade. Hai moito desleixo e dálles igual. Só lles importa o que lles importa: os informativos e ser a voz de quen son... Iso e mais coidar as produtoras externas. Na TVG actual, se algo non lles dá rendibilidade política, non se fai. Logo podiamos falar da calidade das xefaturas... Hai xefes que non teñen ideas nin iniciativa para facer cousas orixinais, novas. 

"Na TVG, se algo non lles dá rendibilidade política, non se fai"

Precisamente, nos inicios, aquelas retransmisións e programas deportivos en galego supuxeron unha revolución... Vostede foi a voz e imaxe do fútbol de elite en galego, aínda é recoñecido pola rúa, unha especie de mito...

É o que máis agradezo, que a xente anónima valore o teu traballo, o que fixeches. Débollo todo á TVG e dino todo pola TVG, por este país, polo idioma... Claro que gusta que un director xeral che diga que fixeches ben o teu traballo, pero que unha persoa pola rúa te valore é o máis importante. Pero ben, iso de "mito"... O que ocorre é que os que empezamos na televisión pública quedamos marcados por seren os que retransmitiamos os partidos de fútbol... Hai xente que me recoñece aínda máis pola voz que pola cara. E hai 27 anos que deixei Deportes! O que pasa é que durante moito tempo puxéronse reposicións de partidos históricos e seguíronme escoitando... Aínda esta semana me pasaron  un vídeo que circula por Internet no que narro un gol mítico do deportivista Agulló en Riazor en 1986. 

Mítica foi a súa retransmisión do penalti de Djukic, que lle recoñezo que eu aínda apago cando aparece na televisión...

(Risas) Foi duro, si. Como xornalista, como galego, aquilo era un fito histórico: que un equipo galego gañase a Liga española era algo impensable; foi unha decepción grande e ademais que ocorrese daquela forma tan cruel... Nese ano, ademais, en só en dous meses, o Celta perdeu a final de Copa polo erro de Alejo no penalti e o Dépor a Liga por outro penalti errado por Djukic... Puido ser histórico e foi triste. Pouco despois, o Compostela ascendeu a Primeira, pero tivo que xogar un partido de desempate en Oviedo contra o Rayo... Xa dicían que os gafes eramos nós porque a TVG dera todos eses partidos decisivos que acabaron mal, pero non eramos nós, non... 

Quen era?

Manuel Fraga! Estivo na final da Copa do Celta, no último partido de Liga do Deportivo en Riazor e na volta da promoción do Compostela... Non foi ao decisivo, no que ascendeu o Compos (ri). 

Contoume unha vez que naqueles anos 90 sufría moito a rivalidade entre Celta e Deportivo. Mudou algo?

Creo que agora non é tan dura como antes, pero eu vivín épocas moi heavys, momentos moi complicados. Insultábannos en Riazor e en Balaídos igualmente; eu e os equipos da TVG que iamos retransmitir a calquera dos dous estadios pasabámolo mal. Na Coruña era un portugués e celtarra e en Vigo era turco e coruñés. 

"A rivalidade Celta-Deportivo xa non é tan dura; antes os da TVG pasábamolo mal. Na Coruña era un portugués e 'celtarra' e en Vigo, turco e coruñés"

E nunca dixo de que equipo era, se es máis do Deportivo ou do Celta... Ten agora a ocasión.

Son do Cire Melide e da selección galega. Voulle dicir unha cousa: pódeselle querer a papá e a mamá, ou? Pero para iso hai que ter un sentimento galeguista e de país, máis afastado do que é só o fútbol en si. 

A súa imaxe estivo moi vinculada ao deporte, pero traballou moito en informativos. Que recordos ten daquela outra época?

Lembro con especial agarimo cando traballei nos informativos da fin de semana con Teresa Castelo. Faciamolo con moita liberdade, apostando por reportaxes máis calmadas, en profundidade, non tan dependentes do día a día. Pezas que eran críticas coa Xunta, por exemplo, e ás que dedicabamos varios días, con voces plurais, contrastadas, moi coidadas... Antes había máis calidade, tamén na información. Non hai cor co que está a pasar agora. Houbo un punto de inflexión a partir do cal foi todo a peor. 

Manuel Pampín, o día da súa xubilación, con Xosé Ramón Gayoso CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Cal? 

En 2013, cando se fixeron públicas as fotos de Alberto Núñez Feijóo con Marcial Dorado. Houbo un antes e un despois daquilo. Empezouse a endurecer o control informativo, foi como a gota que rebordou o vaso para os dirixentes... Obviaban o da foto, ocultábano por todos lados. E foi tamén aí cando a xente estoupou na redacción, cando moitos dixemos que non se podía seguir así. Daquela empezouse tamén a publicar un blog, Eu non manipulo, onde se explicaba desde dentro como se trataban as novas, como se manipulaban as informacións, o que evidenciaba o control político dos medios públicos. A partir de aí, ese control foi aínda a peor. 

"A publicación das fotos de Feijóo con Dorado foi un punto de inflexión; desde entón endureceuse o control informativo e a redacción estoupou"

Houbo varias denuncias de represalias a compañeiros e compañeiras críticas coa xestión e este control, vostede foi un dos prexudicados...

Estaba facendo o programa Reporteiros, tiven un pequeno incidente co produtor e cambiáronme... Sufrín varios destes cambios pero a verdade é que, no meu caso, estiven ben nos novos destinos. N'A Revista da fin de semana, no Zig Zag... Non había demasiados problemas nin discrepancias. Pero si, houbo compañeiros e compañeiras apartadas, en represalia por significarse. Sempre poño como exemplo o de Ana Expósito. 

Por?

É unha xornalista con premios internacionais, que estivo na guerra de Bosnia, en Iraq, en Ruanda... Unha persoa políglota, unha xornalista de información internacional marabillosa, ao nivel de calquera no Estado. Pero por non ser guiada, por non ser unha lambecús, foi apartada, a facer novas sobre a pataca de catro quilos de Coristanco. É un dos exemplos máis significativos do que sucede se non es unha persoa submisa. Pois pasa o que pasa. 

É o que máis lle doe? Que estas decisións ademais acaben afectando á calidade e prestixio da TVG?

É que para manipular tamén hai que saber! Tes que ser sutil, saber manexar os tempos e as situacións... Cando non hai calidade profesional e, sobre todo, calidade humana, a tormenta é perfecta... E é moi negativa. 

A indignación de boa parte do persoal da TVG é evidente, pero que cre que pode pasar no futuro inmediato?

O que ocorre agora é que estamos pasando á irrelevancia, que é máis preocupante. Se non es referente, se non inflúes, se non te ve a xente ou te desprezan... Estase vendo na audiencia, con porcentaxes por baixo do 10% de media, o que é estrepitoso. Socialmente xa se está vendo que a xente non traga co que se está a facer, pero como perdas máis audiencia e pases á irrelevancia, ao residual, deixar a ver que pasa... Non creo que a pechen porque a televisión pública é un xoguete político caralludo, pero que vai pasar? Pois se cadra privatizas máis cousas, dáslles máis programas ás produtoras... Eu non descarto que se privaticen os informativos, que llelos dean a produtoras externas. 

"A TVG está pasando á irrelevancia, que é máis preocupante; non creo que a pechen, pero non descarto que privaticen os informativos"

De verdade o teme?

Veremos... Pasou noutras canles autonómicas, onde dependen de produtoras vinculadas a medios de comunicación da comunidade. Imaxinemos que aquí llelos dan ás vinculadas a La Voz de Galicia, El Progreso, El Correo Gallego... 

Cre que a relación estreita da TVG con produtoras externas é un problema?

Si, claro, porque son produtoras amigas, por dicilo así. Todo está ligado. Hai programas que fan produtoras nas que son evidentes os vínculos con algúns partidos e políticos e que ademais substituíron outros espazos con décadas na TVG que saían moito máis baratos con xente da casa... E agora mira o que ocorreu co programa de humor de Miguel Lago, que foi un desastre de audiencia, presentado por unha persoa que non fala ben o galego... En fin... Non tes en Galicia outro tipo de presentadores, outro tipo de humor que non caia nos tópicos de sempre?

Outros persoeiros, pola contra, denunciaron ser vetados nos medios públicos galegos. É tanto así?

Nos meus tempos en informativos nunca recibín consignas dese tipo. Outra cousa é que se prescinda de contar con xente ou de entrevistar persoeiros por algunha declaración ou posición política. Eu iso vivino no Zig Zag...

Manuel Pampín le o manifesto dunha mobilización contra o control político da CRTVG CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Con quen?

Con Sés. Foi a unha entrevista en directo coa camiseta de Defende A Galega e a partir de aí quedou proscrita. Lembro tamén que en Luar había un espazo de regueifas onde unha rapaza fixo referencia tamén á protesta dos profesionais da CRTVG e aí xa decidiron suprimir directamente esa parte do programa. Por raro que pareza, hai veces que unha mínima cousa, algo ao que nin tan sequera lle das importancia, para os dirixentes da CRTVG si é importante e é tido en conta. Téñenlle pánico a calquera mostra de discrepancia coa Xunta, a calquera crítica á Xunta. 

"Nas contornas urbanas xa é raro ver a TVG nos bares; no rural, a Galega tampouco ten a presenza que tiña antes"

Non é máis prexudicial que beneficioso esa forma de actuar, mesmo para uns teóricos obxectivos políticos?

A xente non é parva. Isto é como cando nos medios públicos buscaban evitar as informacións dos incendios mentres o estaban contando en todo o mundo... Para que negas a evidencia? É unha torpeza absoluta. Se das voz ás críticas e ao que ocorre, poderás presumir de non manipular e evitar a crítica da oposición. Pero nin por iso. 

Falando de Luar, non cre que foi excesivamente criticado nun tempo, que envelleceu ben?

Luar é un programa branco, no sentido de que non se compromete en nada; é de entretemento, de actuacións musicais, pero tamén baixou moito a audiencia con respecto a hai anos, aínda que siga tendo o seu público, claro está. Agora mesmo a audiencia da TVG sálvaa Land Rober e pouco máis. Os informativos do mediodía, que eran un éxito sempre, tamén pegaron un baixón importante. 

Non inflúe tamén que, nestes tempos de internet e redes sociais, a influencia e importancia da televisión é moito menor?

Moito menor. De feito, se ves as audiencias televisivas, agás grandes acontecementos, son cada vez máis pequenas. E insisto: na TVG imos camiño de ser residuais... 

"Tópico, pero real"

E que hai do tópico de que a TVG é principalmente para xente maior e do rural, máis aló de que a pirámide poboacional de Galicia é a que é?

Tópico, pero real. Na miña última época na TVG ía moito por aí diante e o que vías era así: nas contornas urbanas xa é raro ver a TVG nos bares. No rural, daquela, estaba sempre, pero agora mesmo, incluso en sitios menos poboados a Galega xa non ten a presenza de antes. O perfil do espectador segue sendo ese, o de persoas maiores, maioritariamente do mundo rural, pero é certo que os hábitos de consumo televisivo mudaron moito nos últimos anos. 

"O galego non lles preocupa; na nosa época asumiamos a nosa responsabilidade de defensa do idioma, de promover a lingua e facelo ben"

Tamén mudou moito a calidade da lingua empregada? Vostede sempre era posto como exemplo de bo uso do galego, mesmo de ter engadido palabras ao vocabulario a través da nomenclatura deportiva.

Mudou moitísimo. Vexo vídeos da TVG actual onde se ve claramente o que empeorou a fonética, o vocabulario... Porque non lles preocupa. Na nosa época estabamos moi atentos á lingua, pero sobre todo porque tiñamos unha especie de autorresponsabilidade, asumiamos que a CRTVG non era unha empresa informativa máis, senón que tiña un compoñente de sentimento, de defensa do idioma, do teu país, da cultura... E mesmo nos deportes, que sempre era considerado menos importante no propio gremio, pulabamos por que se lle dese a importancia que tiña, tamén no tema do idioma. Xa non che tiñan que dicir nada, tiñas o convencemento de que era fundamental falar ben, promover a lingua e facelo ben. Era a clave, a esencia dos medios públicos galegos: difundir o idioma, a cultura galega. 

E agora?

Home... É imperdoable que a CRTVG teña en faladoiros a persoas que teñen criticado a normalización do galego e cargado contra a lingua propia, contra o noso idioma. E aí están, chupando do teto dos medios públicos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.