Retrocorenta 2: Fume no pavillón

CC-BY-NC-SA Deseño Retrocorenta: Isabel Vila | Montaxe: Praza Pública
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-sxpl-92f1fd3.jpeg

O Retrocorenta 2 recupera os éxitos deportivos das pioneiras e pioneiros galegos

Se paramos a pensar, cantas cousas relacionadas cos deportes nos anos oitenta e noventa nos resultan agora inverosímiles? No segundo capítulo do podcast Retrocorenta abordamos algúns dos fitos deportivos da Galicia destes corenta anos. 

Repasamos os anos dourados do Breogán co xogador e adestrador Tito Díaz, actual director xeral do club lucense. Tamén, o excelente período do Celta feminino coa pivote Ángeles Araújo. A futbolista e seleccionadora galega Pili Neira revive as sensacións de xogar no mítico Karbo e o xornalista e compañeiro de Praza.gal Miguel Pardo debulla como se viviu aquilo de ter a tres equipos de fútbol galegos na primeira división. Tamén foron os anos das primeiras retransmisións deportivas en galego e diso falan os xornalistas Ovidio González e Martiño Suárez.

Eran tempos de abrir camiños en moitos eidos, tamén no deporte. Neste Retrocorenta 2: Fume no pavillón, revisitamos aqueles anos nos que pequenos equipos, pioneiros e pioneiras do noso deporte lograron fazañas no campo ou na pista entre anuncios de coñac ou whisky, de tiros a canastra entre nubes de fume de tabaco ou de goles cantados entre en bancadas nas que non collía unha alma máis entre centos ou milleiros de persoas en pé.

"Lugo era unha cidade envorcada co Breogán", di Tito Díaz, a quen lle tocou interpretarse a si mesmo no mítico filme 'La vieja música'

"Lugo era unha cidade envorcada co Breogán", lembra Tito Díaz sobre aqueles anos cando o equipo acababa de ascender a unha liga ACB acabada de nacer. "Chegábamos unha hora e media antes ao campo e xa estaba cheo de xente". Un ambiente que traspasou a Muralla e permanece no filme La vieja música, de Mario Camus, no que Díaz, na altura capitán do equipo tivo a oportunidade de actuar interpretándose a si mesmo. 

Aínda que Vigo era máis de fútbol, as xogadoras do Celta chegaron tan lonxe que lograron aumentar os seus seguidores, que tamén enchían o pavillón das Travesas. Así nolo conta a pivote Ángeles Araújo, nai da tamén baloncestista María Araújo, que actualmente xoga no Uni Girona. Mesmo cumprían altofalantes para que puidese seguir os encontros a afección que non collía no pavillón.

"Non podíamos ser nin referentes", conta Pili Neira, con quen lembramos os atrancos, mais tamén os éxitos do Karbo

"Nós non podíamos ser nin referentes", asegura Pili Neira, que non era consciente naquel momento de que estaba a "rachar" co papel que para ela estaba preconcibido. Aguantaban insultos no camiño aos adestramentos, algo que, "afortunadamente" como di a futbolista, xa non teñen que aturar as profesionais do fútbol na actualidade. Con todo, seguen a existir desigualdades entre a categoría feminina e a masculina no chamado deporte rei e sobre isto tamén reflexiona a que fora adestradora da Selección feminina galega nesta entrevista.

Deportivo, Celta e Compostela. Si, nos noventa houbo tres galegos na Primeira división. O xornalista Miguel Pardo fai memoria daquel momento, das traxectorias que impulsaron a cada equipo e de canto durou a festa no fútbol galego: "En cuestión de tres meses o fútbol galego estivo a piques de vivir unha epopea no máximo nivel". Moitas destas fazañas comezaron a narrarse en galego por xornalistas como Ovidio González, pioneiro na TVG, que viviu en primeira liña acontecementos que marcan unha historia colectiva. Como así o demostra Martiño Suárez no seu libro Bestiario do vestiario, que repasa neste capítulo de Retrocorenta. Con Ana G. Liste e David Lombao

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.