Hai agora corenta anos, Galicia estaba a piques de estrear a autonomía. Eran anos nos que sucedían moitas cousas na política, na economía… A integración no Mercado Común Europeo, a elección das sedes das institucións autonómicas ou o nacemento do Parlamento acontecían mentres tamén sucedían moitas outras cousas na música, na cultura, no deporte… Propoñémonos tirar dalgúns deses fíos e traelos ata a Galicia do 2021 para lembrarmos músicas, lugares, acontecementos que son tamén historia de Galicia.
No primeiro episodio de Retrocorenta, dispoñible dende o 23 de febreiro, achegarémonos aos anos da movida viguesa a través das voces dalgunhas das persoas que a viviron e protagonizaron
Isto é o que ides atopar dende o vindeiro 23 de febreiro en Retrocorenta, un podcast no que, aproveitando eses primeiros corenta anos da autonomía galega, imos percorrer algúns recunchos das últimas catro décadas da historia do país tirando dos fíos da cultura, da música, dos deportes, das xentes, dos lugares... Algunhas desas cousas que tamén son historia de Galicia e parte da nosa memoria colectiva. Poremos voces ás lembranzas, refrescarémolas e, seguro, tamén falaremos un chisco do presente e do futuro
No primeiro episodio, do que agora vos traemos o adianto que tedes sobre estas liñas, achegarémonos aos anos da Movida viguesa a través dalgunhas persoas que a viviron en primeira persoa dende eidos como a música, as artes ou o xornalismo. As de Menchu Lamas, Nicolás Pastoriza, Teo Cardalda, Mara Costas ou Pablo Novoa son algunhas das voces que pasarán por Retrocorenta para contarnos que era aquilo da movida e explicarnos por que, máis que unha soa cousa, realmente eran moitos: as Movidas de Vigo.
O programa, coproducido entre Praza e VINTE, está conducido por David Lombao e Ana G. Liste. Terá dez episodios, un ao mes, que poderedes escoitar no espazo de Retrocorenta en Praza.gal e tamén na plataforma Ivoox. Tamén poderedes atopar a Retrocorenta en Instagram. Seguímonos lendo e, de agora en diante, tamén escoitándonos.