Memoria de corenta anos da autonomía, "que non se explica sen A Coruña" e o seu "sentimento galeguista"

Manifestación autonomista nos Cantóns da Coruña durante a Transición Dominio Público Praza.gal

A exposición organizada polo Parlamento para conmemorar o seu cuadraxésimo aniversario inicia na Coruña a súa andaina polas principais cidades galegas. Tras inaugurarse no Pazo do Hórreo na xornada en que o lexislativo galego fixo corenta anos e permanecer alí ata o pasado marzo, este 27 de abril abriu as portas na sala de exposicións de Afundación do Cantón Grande coruñés, onde permanecerá ata o 27 de maio. Fíxoo cun acto no que o presidente da Cámara sinalou os múltiples vínculos da cidade co "sentimento galeguista" e coa autonomía mesma.

A exposición sobre o cuadraxésimo aniversario do Parlamento principia na Coruña o seu percorrido polas principais cidades

Non é posible, coida o xefe do lexislativo galego, "explicar" a autonomía que botou a andar en 1981 "sen as achegas da Coruña". Dende a asemblea de 1931 onde foron discutidos os bosquexos do primeiro Estatuto galego -o referendado en 1936, que deu acceso á vía rápida para a actual autonomía- ata a "intensa mobilización"  ao respecto que acolleu tras a ditadura. Non en van, lembrou, "a manifestación máis concorrida de Galicia" contra o Estatuto da aldraxe, en 1979, foi precisamente a da Coruña.

O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, intervindo na inauguración da exposición sobre os 40 anos do Parlamento na Coruña ante a proxección dun dos carteis do referendo de 1980, coa imaxe de Álvaro Cunqueiro © Parlamento de Galicia

Pero a coruñesa, agregou Santalices, é "unha urbe intimamente vinculada ao movemento autonomista e ao sentimento galeguista" por máis razóns. Dende o certame que viu nacer o que acabaría sendo o himno galego (1890) ata a primeira intervención dun concelleiro en lingua galega, a de Lois Peña Novo na súa toma de posesión como membro da corporación municipal en 1920. Peña Novo foi tamén o promotor, en 1921, de que o Concello da Coruña fose a primeira institución pública en izar a bandeira galega.

Santalices lembra que a coruñesa é unha cidade "intimamente vinculada ao movemento autonomista" e ao galeguismo, dende as primeiras iniciativas de Peña Novo ata as mobilizacións contra o Estatuto da Aldraxe

Estes e outros fitos pairan ou están explícitos na exposición O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia, que xunta imaxes, materiais e documentos destas catro décadas, con especial atención ao nacemento da institución parlamentaria. A mostra está comisariada polo historiador Ramón Villares, que traballou nela xunto a Miguel Anxo Seixas e Gustavo Hervella, membros do Grupo Histagra da Universidade de Santiago, e conta co deseño gráfico de Xosé Díaz Arias. 

Alén de celebrar os 40 anos do Parlamento, Santalices reiterou na inauguración coruñesa da mostra que a intención da iniciativa é tamén paliar o "elevado descoñecemento que rodea á primeira institución de Galicia". Esta circunstancia, di, "obriga a potenciar o contacto coa xente", tamén para amosar o que denomina a "historia de éxito colectivo" da autonomía.

Representantes institucionais asistentes á inauguración da exposición sobre os 40 anos do Parlamento na Coruña © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.