Nas eleccións municipais de 1920, o vilalbés Lois Peña Novo foi elixido concelleiro na Coruña. Peña Novo convertíase así no primeiro edil electo por unha candidatura nacionalista galega -Antón Vilar Ponte ficaría fóra da corporación por moi poucos votos- e tamén nun pioneiro no uso do galego neste eido institucional.
O Concello coruñés conmemora cunha exposición os cen anos do izado da bandeira galega que o alcalde republicano Antonio Lens Vieira aprobou a petición do galeguista Lois Peña Novo
Peña Novo, activo participante nas Irmandades da Fala e da traxectoria política iniciada polos irmandiños dende dous anos antes na I Asemblea Nacionalista celebrada en Lugo, trasladou en 1921 ao alcalde da Coruña, o republicano Antonio Lens Vieira, unha petición da III Asemblea: que a bandeira galega ondease no Pazo municipal polo 25 de xullo, data que os galeguistas decidiran -non sen controversia- conmemorar como Día de Galicia. Esa petición fora trasladada aos principais concellos do país, pero só o coruñés accedeu.
Foi así como o 25 de xullo de 1921, hai agora un século, a casa consistorial da Coruña se converteu na primeira sede dunha institución pública na que ondeou a bandeira galega. Esa efeméride é conmemorada agora na cidade por unha exposición inaugurada este 1 de xullo no propio Pazo de María Pita.
A mostra combina a perspectiva histórica coa homenaxe á bandeira dende unha perspectiva actual. Nela, a banda deseñada ten un papel central a través do traballo elaborado por Manel Cráneo, Manuel López Poy, Alberto Taracido e Rubén Rial. A través dun cómic "en dous actos" explican o contexto histórico do nacemento da propia bandeira e como a petición de Peña Novo foi atendida polo alcalde Lens Vieira.
A parte histórica da mostra combínase cunha selección de ilustracións de artistas participantes na plataforma Coruña Gráfica. Estes traballos "ofrecen a súa homenaxe artística" sobre a bandeira galega e este fito histórico "dun xeito desenfadado e actual".
Inés Rey: "É un capítulo histórico do que podemos presumir, un bo exemplo do que a nosa cidade sempre achegou a Galicia"
Na inauguración da exposición a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou este primeiro izado da bandeira de Galicia como "un capítulo histórico do que podemos presumir os coruñeses e coruñesas,". Foi "un bo exemplo do que a nosa cidade achegou sempre a Galicia", afirma.
Aquel izado da bandeira chegara acompañado dunha xornada festiva con música, pasarrúas e actos culturais impulsados por persoeiros das Irmandades. Todo, sinalou Rey, "foi un acontecemento que marcou un punto de luz e esperanza para gran parte da comunidade galega nunha época de crise, de conflitos bélicos coloniais e de axitación política". Ao acto acudiron tamén edís do resto de grupos municipais.